Santa Comba de Naves, como a Igrexa se fixo cun mosteiro propiedade dunha veciña
Un gran edificio en ruínas. Iso é o que queda do gran mosteiro de Santa Comba de Naves, unha edificación que se sitúa en Palmés, a dez quilómetros do centro de Ourense, envolta nunha polémica na que está o Bispado de Ourense, un banqueiro e unha familia da parroquia.
Os restos deste edificio, fundado probablemente por Alfonso III no 888, remóntanse ao século XI e até o seu abandono en 1836, coa desamortización, foi un gran centro relixioso. Ademais do propio mosteiro, ten casa reitoral, capela e pombal. Hoxe, a pesar de estar catalogado pola Xunta está completamente arruinado.
Desde hai un ano hai unha batalla xudicial pola súa propiedade. O Bispado de Ourense inscribiu a leira onde está o cenobio antes de vendela en 2015 por 75.000 euros a un banqueiro que quere facer del un gran hotel. Pero unha familia esgrime unha escritura de propiedade de 1906. Esta familia critica o feito de que a Igrexa, cunha simple certificación dunha persoa da propia diocese, pode acudir ao rexistro e inscribir esta propiedade.
Xuízo
A vista, na que varios cargos da diocese declararon como testemuñas, celebrouse este martes en Primeira Instancia 1 de Ourense. E xa hai sentenza, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ourense desestimou a demanda na a veciña solicitaba que se lle declarase titular da leira que alberga o mosteiro.

Mosteiro de Santa Comba de Naves, en Ourense / Caldaria
A demandante aseguraba que lle pertencía porque foi adquirida polo seu avó e, finalmente, transmitida ao seu favor. O maxistrado afirma na sentenza que o demandado — o banqueiro– é o seu lexítimo propietario porque “adquiriu a leira legalmente da persoa que podía transmitirlla, conforme á inscrición do Rexistro de Propiedade e amparado polo disposto no artigo 34 da Lei Hipotecaria”, é dicir, a Igrexa.
“Á vista das probas practicadas, debemos considerar que goza da protección establecida polo citado artigo respecto da leira sobre a que existe discusión, xa que é terceiro de boa fe que adquiriu onerosamente a leira, confiando na realidade do rexistro, descoñecendo que existisen problemas sobre a titularidade, sen que a parte actora probase o contrario”, subliña o maxistrado. É dicir, que o “coitado” do banqueiro non tiña por que saber que ese terreo fora rexistrado de xeito un tanto estrano polo bispado.
Tamén indica que a demandante exercitou a acción declarativa de dominio fronte ao comprador da leira, non fronte á Diocese de Ourense, polo que “o terceiro adquirente de boa fe goza da protección establecida pola Lei Hipotecaria”.
Copiar