Anoréxicas e con problemas de ósos polas horas de rezo… Así eran as monxas de Pontevedra do s. XVI
A charla sobre a inhumación dos corpos das monxas de Santa Clara realizada este xoves pola doutora Olalla López e a antropóloga Clara Veiga sacou á luz moi interesantes e anecdóticos detalles sobre o estilo de vida, a alimentación ou as doenzas na congregación das clarisas. Entre elas, que as irmás tiñan problemas nos ósos por pasar moito tempo a rezar, que apenas tiñan caries ou perdas dentais, que eran mulleres máis pequenas que a media, e que incluso podían sufrir de anorexia –durante os séculos XVI e XVII-, cuestión que se vai estudiar máis en fondura porque xa se ten detectado noutras ordes relixiosas. As dúas expertas facilitaron datos dende o punto de vista antropolóxico baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’.
Clara Veiga, responsable do traballo de campo, explicou os traballos realizados no terreo e sinalou que se atoparon no convento un total de 40 enterramentos dos que se escavaron 24, nos que se atoparon restos de 19 persoas. Veiga explicou o significado de como apareceron os corpos. Todos os enterramentos estaban realizados en orientación oeste-leste, algo moi característico dos enterramentos cristiás, en decúbito supino, estirados, e cos brazos nunha posición concreta relacionada cas persoas que pertencen a ordes relixiosas: os brazos cruzados un sobre outro sobre a barriga sen entrelazar as mans, salvo dúas excepcións (unha coas mans xuntas na barriga e outra cunha man no peito).
Nenos de entre 7 e 10 anos
Nove dos corpos conservaban características físicas que permitían determinar un sexo biolóxico e todos pertencían a mulleres. En canto á idade hai dous corpos infantís que están entre os 7 ou os 10 anos, datación feita grazas ao estudo da formación dental.
Sobre as patoloxías, Veiga explicou que destaca a presenza de ‘facetas de acuclillamento’, algo que acontece ao pasar moito tempo de xeonllos ou en crequenas durante os rezos. Por outra banda, sinalou que hai individuas que presentan marcadores de idade avanzada como o engrosamento dos cranios, ou dexeneracións na columna, cóbados, cadeiras. Tamén se detectaron poucas caries e poucas perdas dentais, e algúns marcadores de estrés, por teren pasado fame ou enfermidade.

Obras no Convento de Santa Clara de Pontevedra / Deputación de Pontevedra
Neste sentido, nos dentes detectouse hipoplasia dental, que se produce na formación dos dentes na idade infantil cando o corpo está exposto a estrés ou enfermidade. O resultado é que queda unha liña con menos esmalte, xa que –segundo explicou a antropóloga- o corpo prioriza atender outras cousas e carga menos esmalte na dentadura. “Isto aparece nalgúns corpos de Santa Clara que na infancia tiveron algún momento de estrés”.
Diferencias notables con outros enterramentos na cidade
A doutora Olalla López explicou que o traballo de laboratorio cos corpos de Santa Clara apenas leva desenvolvéndose un mes e tardará para estar completo dous ou tres anos. Entón poderase saber con exactitude a datación, a alimentación das monxas, a súa mobilidade (se eran nacidas de Pontevedra ou noutras localidades), as súas enfermidades e outros moitos datos sobre a súa vida.
Como anécdota, a doutora sinalou que se estudará se utilizaban certos metais para adozar os alimentos ou se facían uso deles como tratamentos médicos. Tamén salientou que nos séculos XVI e XVII había unha moda nas ordes relixiosas de vida austera e de comer pouco, facendo que as monxas sufrisen de anorexia. López destacou que hai fontes escritas que corroboran esta situación noutras congregacións –como outra necrópole aparecida en Cuenca-, onde que tendo acceso a unha alimentación privilexiada decidían non inxerir alimentación en cantidade. En canto a Santa Clara, subliñou que as monxas eran mulleres “moi gráciles, pequenas de corpo”, e que se estudará a posibilidade da anorexia.
Pontevedra, o maior consumo de peixe e marisco de toda Europa
A experta tamén puxo en contexto os resultados da escavación en Santa Clara en relación a outras necrópoles escavadas en Pontevedra, que definiu como unha das cidades medievais mellor conservadas. Falou de lugares como San Domingos (preto das ruínas e da Praza de España) onde había un cemiterio no exterior do convento, en Santa María a Maior, e de onde hoxe está o Teatro Principal e se localizaba San Bartolomeu o vello, onde se sepultaba a xente que vivía ou traballaba na cidade.
Pontevedra, dixo, está documentada como unha das cidades onde había un consumo máis alto de peixe e marisco de toda Europa. “Polos dentes que atopamos en Santa Clara, con desgaste menos pronunciado, poderiamos estar a falar de menor consumo, pero de momento os resultados non son definitivos. Esta charla de hoxe estase a facer no inicio do camiño”, salientou.
Como diferencia principal entre Santa Clara e as necrópoles interiores á muralla medieval, López destacou o modo de enterramento e de aproveitar o espazo sacro: en Santa María era un aproveitamento enorme e caótico fronte á organización en Santa Clara, “cunha estrutura difícil de ver en campo”.