fbpx
Infografía da Muradella, un cairn de hai 5.000 anos / María Álvarez

Descifrado o enigma: a Muradella é un cairn único en Galicia do terceiro milenio A.C.

Tempo de lectura: 2 min.

Os traballos arqueolóxicos realizados na contorna da Muradella, do que xa falamos en HdG,  durante este último mes de xullo puxeron de manifesto o misterio que rodeaba a esta colosal estrutura situada no máis alto da Serra do Moncai, entre os concellos de Pobra do Brollón e Monforte de Lemos. As características desta gran acumulación de pedras de cuarcita fixeron aos investigadores barallar dúas hipóteses diferentes: a existencia dalgún tipo de estrutura medieval de natureza defensiva, ou que, pola contra, pudera ser un monumento megalítico vinculado ao final da Prehistoria.

O equipo, dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, está formado por profesionais de varias institucións españolas e portuguesas, como a Universidade Nova de Lisboa ou o Consejo Superior de Investigacións Científicas. Aínda que os traballos de campo permitiron recompilar un gran número de indicios que apuntaban directamente a unha das dúas opcións, foi a recente datación por radiocarbono (o ben coñecido Carbono 14), recollida baixo a supervisión de Cruz Ferro, edafóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), a que terminou definitivamente co misterio.

Comezos do terceiro milenio

A mostra, tomada dun nivel de incendio inmediatamente anterior á construción do monumento, e en directo contacto con este, arroxou unha data de comezos do terceiro milenio a.C. (entre o 2900 e o 2700 a.C.). Isto, unido aos resultados dos traballos de escavación, permite afirmar con rotundidade que A Muradella é en realidade unha estrutura megalítica coñecida como cairn.

Infografía do cairn da Muradella / María Álvarez

Estes cairns son túmulos (enterramentos prehistóricos) que, a diferenza das mámoas ou medorras de terra, tan coñecidas na contorna, están construídos integramente pola acumulación de pedras. Aínda que A Muradella non é o primeiro cairn coñecido de Galicia, si que se trata, polas súas características, dun monumento único. En primeiro lugar, a súa cronoloxía, moito máis antiga que os cairns coñecidos na contorna, está relacionada cos últimos picos de megalitismo atlántico, ocorridos en torno ao cambio do IV ao III milenio. Doutra banda, o seu tamaño, duns 16 metros de diámetro e uns 3,5 metros de altura, dista moito do dos atopados na Serra do Xistral (Lugo).

Por último, a existencia dunha cámara central onde se situarían os restos humanos hoxe desaparecidos na Muradella, tamén o diferencia dos seus paralelos máis próximos, como Outeiro de Gregos 5 e a Mámoa 4 de Meninas de Crasto, situados na portuguesa Serra da Aboboreira; ambos os cairns sen ningún tipo de estrutura central.

Emprazamento buscado

Máis aló dos aspectos puramente estruturais, a situación xeográfica da Muradella, no máis alto dun gran promontorio cunha total visibilidade das concas de Lemos e Bóveda/Brollón, leva aos investigadores a expor a posibilidade de que se trate en realidade dun emprazamento buscado, como eixo vertebrador e simbólico dun territorio, algo moi observado e estudado no megalitismo do norte do Atlántico. Deste xeito, e xunto a outros argumentos arqueolóxicos presentes no noroeste peninsular, A Muradella érguese como o reflexo dunha aparente continuidade do influxo atlántico no territorio durante o Neolítico Final (entre o 3300 e o 2500 a.C.), facendo ver o importante que é profundar na investigación deste crisol de influencias que é a Terra de Lemos.

Pode que che interese...