fbpx
Graffiti pintado nun muro de Sallent (Barcelona) que representa a loita dos guerrilleiros antifranquistas e do maqui / CC/Yeza

O EGG, o exército que buscaba unha Galicia libre e antifascista que acabou esnaquizado

Tempo de lectura: 3 min.

O historiador Alejandro Rodríguez apunta a necesidade de ver O Bierzo e Galicia como un territorio único para a Federación de Guerrillas de León-Galicia. O radio de acción chegaba a Valdeorras e outras áreas ademais do Bierzo. Porén, segundo Rodríguez, se falamos dunha guerrilla con accionar case exclusivamente en Galicia foi o Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG).

Son algunhas das conclusións das “Jornadas 80 aniversario de la Federación de Guerrillas de León-Galicia” celebradas en Carucedo (O Bierzo) os pasados 10 e 11 de decembro, que aportaron novos datos saídos de investigacións recentes sobre as guerrillas antifranquistas, máis concretamente sobre a Federación de Guerrillas de León-Galicia, cuxo 80 aniversario se celebrou este ano.

Ponentes do Congreso Federación de Guerrillas León-Galicia | Sputnik Labrego
Ponentes das Xornadas da Federación de Guerrillas León-Galicia 80 Aniversario. Por orde de intervención na xornada : Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Alejandro Rodríguez, Carlos Tejerizo-García, Xurxo Ayán e Laura M. Panizo. |  Sputnik Labrego, Edicións Positivas

“Naceu na Coruña da man do PCE despois de enviaren a José Gómez Gayoso e a Antonio Seoane para organizar a resistencia contra o franquismo” explica Rodríguez. O período de acción vai dende 1946 a 1950. Tanto Gayoso como Seoane son delatados e capturados pola policía e a Garda Civil na Coruña. Finalmente son executados en 1948. Outros membros destacados foron Francisco Benigno Rey Balbís, o primeiro coñecido como “Moncho”, ambos os dous membros da IV Agrupación do EGG. Unha segunda base de importancia foi o campamento establecido nas Fragas do Eume que mantivo a súa actividade até 1951-1952.

Foi o mesmo PCE quen, grazas ao uso de enlaces puido manter a conexión cos grupos guerrilleiros, ademais de garantir a unidade ideolóxica controlando os mandos do partido no interior. “Houbo unha serie de accións organizadas até o 1947 que demostraron a cohesión entre as forzas guerrilleiras” di o arqueólogo Xurxo Ayán nunha interesante reportaxe no Galicia Confidencial. Tamén é necesario lembrar que “como narran Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, había con anterioridade unha resistencia durante a II República contra sectores empresariais e conservadores” por parte de colectivos anarquistas, apunta Laura Martínez, historiadora.

Guerrilleiros que operaron en Galicia, León e Asturias

Caída

A finais da década de 1940, os líderes do PCE, Santiago Carrillo e Dolores Ibárruri, “La Pasionaria”, reuníronse con Stalin en Moscova. Foi cando recibiron a instrucción ou orde de abandonar a loita guerrilleira e pasar a infiltrarse nos aparatos do sindicalismo vertical franquista. “Carrillo foi responsable do fracaso da invasión polo Vall d`Arán, cando desde Francia o PCE enviaría un gran número de guerrilleiros para entrar en España e crear un “efecto dominó” coa caída doutras poboacións”, apunta Ayán. A publicidade dada polo PCE a este feito e as delacións dos infiltrados fixeron que o Exército español estivese xa esperando por eles e capturándoos.

Mais o que interesa sobre a guerrilla en Galicia é o descoñecemento total das decisións tomadas polos mandos do Partido Comunista. Abandonou o partido aos seus guerrilleiros? “Pode que si, porque apenas quedaron guerrillas saídas do PCE” di Alejandro Rodríguez. Doutra banda, entre os propios comandos instaurouse un clima de paranoia. Primeiro por culpa das diferenzas entre as liñas ideolóxicas seguidas dentro do comunismo (stalinismo, titoismo, leninismo) que rematan en purgas. “O guerrilleiro Girón acabou vendido polos seus camaradas” di Ayán. O único sobrevivinte de Repil foi arrodeado pola Garda Civil e acabou suicidándose.

Titular de El Progreso coa morte de O Piloto

Moitos outros, como os Rey Balbís, acabaron no exilio. Non obstante, houbo quen quedou dentro, xa sen apoios, como foi o caso de José Castro Veiga “O Piloto. Este último morre nun enfrontamento coa Benemérita logo de que un antigo represor franquista e daquela empregado na central de Belesar o identificase. O último comandante do campamento das Fragas do Eume, “Coronel Benito” foi ametrallado polo infiltrado “comandante Félix”. Houbo quen quedou no camiño cara o exilio como foi o caso de Perfecto de Dios que foi abatido en Ávila e logo desenterrado da foxa común onde estaba.

O destino da guerrilla antifranquista que operaba de maneira exclusiva en Galicia estaba ligada ao PCE. Co pasar do tempo e ante a actitude dos Aliados cara o réxime franquista, este redobrou esforzos para eliminar toda presenza guerrilleira mediante un actuar propio dunha guerra convencional. Finalmente, e ante o abandono dos comunistas españois da actividade armada, a disolución do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) foise acelerando quedando vivo o último remanente até mediados dos sesenta. Toda a reportaxe no Galicia Confidencial.

Pode que che interese...