Por fin… o valioso mosaico romano de Panxón volve a casa tras anos nun anticuario dos EE.UU.
O mosaico romano do S.III atopado no castro de Panxón no S.XIX ao fin regresará á súa orixe tras anos nunha galería de Nova York. O vicepresidente primeiro da asociación fundada para a súa repatriación, o avogado Gonzalo Fernández-Turégano, confirmou o mércores a recepción dos 40.000 euros como parte do convenio rubricado co Concello e que permitirá a súa compra á galería Carlton Hobbs. A pesar de que a entidade dispuña até o pasado 31 de outubro para pechar o trato, Turégano trasladou a boa nova á socia comercial do anticuario, Stefanie Rinza, e ultimar así a transacción polos 58.000 euros acordados.
Os trámites xa comezaron e o ingreso en dólares efectuarase entre este venres e o vindeiro luns. Unha vez reciban a transferencia o seu actual posuidor cumprirá coa súa parte correndo cos gastos de envío á galería Colnaghi en Londres e desde aquí emprenderá a súa última viaxe até a localidade miñorana para ser cedida ao Concello, tal e como estipula o pacto asinado entre ambos.
Deste xeito péchase un capítulo iniciado fai agora máis de tres anos por un grupo de persoas que se marcaron o obxectivo de reunir os 58.000 euros necesarios a través dun crowdfunding. O propio Turégano topouse coa composición de casualidade mergullando por internet en 2018. O monumentoi que tanto dera renda solta á súa imaxinación de neno tras cruzarse con el por primeira vez retratado nas páxinas do libro profesor Castro Vello en “Vigo na súa Historia” reaparecera nunha galería en Nova York, encastrado nunha mesa de gran calidade. Toda a información no Atlántico Diario.