fbpx
Soldado cunha mauser na Guerra Civil / Acorazado Bisckmar

Reconstruíndo a historia das armas carlistas e franquistas atopadas en conventos de clausura

Tempo de lectura: 3 min.

Que fan dous proxectís das guerras carlistas e da guerra civil nun convento de clarisas?… O doutor e arqueólogo Xurxo Ayán deu conta da aparición nos últimos días das escavacións do recinto das Clarisas, en Pontevedra, de munición militar, un material sobre o que o persoal experto estivo a estudiar para buscar a súa contextualización ata o día de hoxe.

Segundo explicou Ayán, en diferentes localizacións dos terreos do convento apareceron un botón dun uniforme de infantería do século XIX vencellado a unha unidade militar, un proxectil moi utilizado nas guerras carlistas, e tamén outro ‘casquillo’ relacionado coa etapa da Guerra Civil.

Ayán fixo unha análise dos achados dende unha visión da arqueoloxía non común, a arqueoloxía do conflito, na que se adoitan atopar moi diferentes tipoloxías de municións. Segundo dixo estes elementos por si mesmos achegan moita información, xa que coa súa observación pódese saber se foron percutidos ou non, e onde foron fabricados grazas aos símbolos de procedencia.

Cartucho do Batallón 22

En canto ao cartucho do século XIX, o experto subliñou que é de procedencia francesa, moi típico das guerras carlistas, sobre todo da última na década de 1870. Pero o elemento quizais máis interesante é que se trata dun proxectil de infantería, cunha tipografía identificable que pon o número 22.

Este batallón, o 22, estivo no país para reprimir a revolución de 1846, a famosa da orixe do provincialismo galego e, se queremos, do nacionalismo galego. Estas tropas estiveron reprimindo o movemento que reivindicaba o Reino de Galiza”, subliñou, para manifestar a súa curiosidade sobre como chega ese botón ao convento de clausura.

Cartucho carlista / http://mikelatz.blogspot.com/

Como explicación, o experto destaca que hai un período chave que é o sexenio revolucionario entre 1868 e 1874 cando as monxas son exclaustradas e en Santa Clara hai diferentes proxectos –como o hospicio e outras iniciativas públicas-, polo que “e é probable que elementos militares e civís, estes restos de uniformes, teñan que ver coa ocupación civil e militar dese espazo cando marchan as monxas. Ou tamén pode ser roupa que ficara doada ao convento… Ábrense miles de posibilidades”.

O ‘casquillo’ Mauser

No caso do segundo ‘casquillo’, explicou Ayán, non foi disparado, e está totalmente liso, sen marca de fábrica. Sen embargo, aclarou, identifícase perfectamente como un Mauser alemán, que foi o fusil regulamentario do exército español dende 1890, e que durante a Guerra Civil española foi o empregado polo bando franquista, polo exército sublevado, procedente de fábricas da Alemania nazi e Austria, mentres que o sector da República botaba man de fusiles soviéticos e remanentes doutras guerras anteriores como a de México.

Ese proxectil, indicou o experto, pódese poñer en relación claramente co século XX, lembrando os medos das monxas pola queima en Madrid de conventos e igrexas. Deste modo, Ayán introduciu no seu discurso o tema da Guerra Civil e da Posguerra, facendo unha análise de Santa Clara non só intramuros, senón tamén coa súa contorna e o que foi naquel entón o nacionalcatolicismo.

Un convento é como unha clínica, un cuartel, e gústame reflexionar un pouco sobre iso”, destacou, para lembrar algúns parágrafos do libro ‘De mi viejo carnet’ de Prudencio Landín que explican como eran as celas das monxas, como se vestían, como cortaban o pelo ou usaban o cilicio e tiñan as súas actividades e o tempo totalmente regulados establecendo ritmos, obrigas e regulando os ciclos de repetición, poñendo de manifesto unha “estratexia coercitiva de xénero claramente cara as mulleres”.

Pode que che interese...