A auga consegue derrubar parte dun dos baluartes da fortaleza de Valença
Tras a alerta vermella deste domingo en Portugal, que estivo en vigor ata as 13.00 horas de España , as condicións meteorolóxicas fortemente adversas repercutiron en varias zonas do núcleo urbano e rural do municipio fronteirizo de Valença, de forma similar ao que ocorreu en todo o distrito.
Dende a Camara sinalan acontecementos como inundacións e desprendementos e mesmo o derrubamento de parte da muralla da Fortaleza, na zona da Coroada fronte á Raposeira, son visibles e confirman o mal tempo que se deixou sentir nas últimas horas, causando grandes danos.
O baluarte da Coroada
No contexto da Guerra da Restauración da independencia portuguesa (século XVII), a fortificación lindeira foi enteiramente reformada co proxecto do francés Miguel de l’Ècole (que tamén levou a cabo as reformas no castelo de Monção). Dese modo, foron reconstruídos os muros para abrazar o perímetro estendido da vila, e erguidas novas estruturas abaluartadas, entre as cales está a chamada Coroada, con tres baluartes (Santa Ana, São Jerônimo, e Santa Bárbara) e dous medio baluartes (São José e Santo Antônio).
Coa reconstrución das defensas que transformaron Valença nunha praza forte, a poboación ficou separada do río por unha rede de baluartes de cachotaría de granito e de patamais que se comunican entre si por medio de fosos e de pasaxes superiores.
Planimetricamente, a fortaleza, ao abrigo dun intricado conxunto de baluartes, revelíns e fosos, ficou dividida en dúas grandes áreas que se comunicaban pola chamada Porta do Meio: o sector Norte, que abrangue a antiga vila medieval, e o sector Sur, unha área menor e máis aberta: a chamada Coroada.
Dende o goberno local recomendan aos cidadáns, na medida do posible, evitar saír das súas casas e circular polas estradas, pedindo a máxima precaución se teñen que facelo, especialmente nas zonas máis afectadas, como a EN13, onde se formaron varias láminas de auga e inundacións.
O Servizo Municipal de Protección Civil de Valença está totalmente mobilizado sobre o terreo, tratando de responder coa maior celeridade ás numerosas incidencias.