“Andar os Reises de porta en porta é un costume que non pode desaparcer”… Os cantos do solsticio (de inverno) en Galicia (II)
Por Davide Leira Caparrós, recuperador de folclore galego e integrante do grupo Maghúa
Deixamos o escrito anterior cando falabamos dos tipos de cantos que entonan as distintas formacións cando saen andar de porta en porta no ciclo do Nadal.
Como son, por dentro, estes cantares? Teñen algo en común?
En principio, ademais da temática ou temáticas, o xeito de encarar o canto, ou de tocar a gaita, se o bando incorpora quen a toque, podemos ver que teñen tres partes ben diferenciadas: a licenza, o canto en si, e unha terceira parte, na que se pide o aguinaldo. O canto adoita rematar cunha peza tocada, na que se convida a participar á xente da casa na que se canta.
Sobre as partes dos cantos. a licenza
É unha copla, ou un par de estrofas, ou unha composición breve, na que quen canta nunha casa solicita permiso, a licenza, para o facer. Poden formar parte do corpo do cantar, ou cantar-se de xeito independente.
Se a persoa dona da casa non dá permiso, non se pode cantar. Se, como comentabamos hai un intre, o feito de que un bando ou rancho cantara ou bailara os Reis supuña unha petición de boa sorte, de fecundidade do gando ou do labradío, cómpre destacar que a negación do permiso ten que se deber a algo moi importante, como o preto, ou a enfermidade grave dalgún membro da familia.
A la puerta están los Reyes dispuestos para cantar,/ si ustedes nos dan licencia, los vamos encomenzar. Es descortesía, es desobedencia, /a puertas de un hombre cantar sen licencia
Aguinaldo
Consiste nunha copla ou composición breve que se inclúe nos cantares, e coa que se pide unha doazón en diñeiro ou en especie aos donos da casa na que se acaba de cantar. Falan, tamén, da riqueza da casa e da xenerosidade dos donos, do camiño que queda por facer, da promesa de regresar o ano seguinte e, no caso de non recibir a doazón, sempre están os guedellos de cabra ou castrón….
Pode formar parte do cantar ou cantarse de forma independente.
Déanos o aguinaldo, señora, por Dios, por el nacimiento del Hijo de Dios, que Dios se lo ha dado para dar a nós.
Déanos o aguinaldo anque sea pouco, touciño e medio e a mitá do outro
Cantamos-che os Reis, guedellos de cabra, cantamos-che os Reis, non nos deches nada/ Cantamos-che os Reis, guedellos de castrón, cantamos-che os Reis, non nos deches, non
Cando se andan os cantos natalicios?
Destacan tres datas, principalmente: a noite do 24 ao 25 de Nadal (Noiteboa e Nadal); a noite do 31 de Nadal ao 1 de Reis (Ano vello e Aninovo); e a noite do 5 ao mediodía do 6 de Reis (Noite de Reis, Epifanía). Cómpre lembrar que o 6 de xaneiro era a data na que o primeiro cristianismo marcaba o nacemento de Xesús, até que optou por fixalo na data do 25 de decembro, data coincidente coas celebracións dos solsticio precristián), tal como fixeron outros movementos relixiosos coas datas importantes para as divindades que veneran.
Nun senso laxo, poderiamos andar a pedir o aguinaldo entre o 1 de Natal e o 31 de Reis (aínda que, moi probabelmente, ninguén fora entender que un bando pedira aguinaldo na súa porta o 31 de Reis). En cada lugar quen sae cantar adoita facelo nunha data escollida entre as tres comentadas.
Por que?
Estas agrupacións espallan a esperanza, a boa sorte, a fecundidade, a cambio dun aguinaldo. A celebración da vida, da chegada da luz do sol protector.
Como andan os seus cantos?
En cada lugar era tradicional adobiar os cantos con vestimentas concretas (gabardinas, capas, chapeus adornados con fitas ) ou con outro tipo de elementos: abetos con chourizos ou laranxas prendidos nas
pólas, nalgúns lugares engalanaban un burro ou outro animal que andaba os Reis co bando….
No que ás danzas brancas se refire, as parellas danzantes adoitaban ir vestidas con chapeus engalanados de plumas, de espellos (para alonxar o mal de ollo), casquetes, con mantóns vistosos…Cada danza ía acompañada dun elemento (paus, castañetas, arcos, ou fitas), e adoitaba levar un ritmo diferenciado, característico desa danza en concreto (jota, jota valseada, muiñeira. ).
A modo de resumo, vemos que os distintos cantos deste ciclo teñen unha amplitude de temas, basicamente referidos á vida de Cristo, á Sagrada Familia, aos Santos Reis Magos, ou a outros motivos relixiosos. Mención à parte merecen as Madamas (cantos cos que se fai mofa da moza casadeira da casa, e que hai informantes que os introducen no ciclo natalicio) ou os Reis da Fin do Mundo (nas terras de Neira de Rei, en Lugo, chámanos Reis Tristes), nos que se cantan escenas apocalípticas, e promoven un acto de constrición sobre o que se fixo ao longo do ano.
Cántanse en calquera das datas comprendidas no espazo laxo do Nadal. Isto sería viábel, ainda que, dependendo do lugar no que se cante se lle dea preferencia a unha das datas que comentamos: Noiteboa- Nadal, Ano Vello-Aninovo, Reis. Tamén é habitual que os grupos anden a cantar nas tres datas, no lugar dunha soa. Existiría algún problema por cantar antes do 24 de decembro ou após do 6 de xaneiro, dentro do ciclo? Por suposto, non.
Non fai falla ser cristián, nin relixioso, para participar desta tradición. O aguinaldo está ben. As coplas da licenza ou do aguinaldo poden (e deben) actualizarse, pedindo euros, por exemplo. Do mesmo xeito que xa se teñen actualizado, afortunadamente, outras cuestións referidas aos cantos ou danzas de Nadal e Reis (a incorporación da muller aos bandos e aos ranchos está fóra de toda dúbida dende hai xa anos, aínda que as mulleres tiñan vetada a súa participación nos ranchos, como danzantes, en épocas antigas).
En palabras de Mini Rivas Cruz e Baldomoero Iglesias, “andar os Reices de porta en porta é un costume que non pode desaparcer”. Supón un “facer veciñanza”, espallando a boa sorte, o desexo de fecundidade, de fortuna, formando parte da natureza, a cambio dunha doazón coa que gozar feita festa..
Para rematar, eis un cantar dos Reis que teño cantado dende hai anos. Recollido en Barro de Arén, Cercedo (Pontevedra)i, na casa de Manuela Cortizo. A partitura que achego está compilada nun traballo colectivo publicado polo Concello de Boimorto. Eu limiteime a agregar unha copla que non aparece na edición do libro, e que si cantaban en Barro.
Licenza | Nós aquí venimos, nós aquí llegamos si nos dan licencia no-los Reis cantamos Que viva, que viva, que viva y que reine el Verbo Encarnado, el Rey de los Reyes |
Corpo | En el portal de Belén nació un hermoso Niño, y un ángel bajó diciendo que era el Rey de los judíos (Bis) En el portal de Belén del cielo cuelga una escada para vesitar al Niño ángeles suben y bajan (bis) Os pastores en Belén foron ao monte por leña para quentar ao neniño que naceu a Nochebuena (Bis) Os pastores que souberon que o Neno quería festas hubo un pastor que rompeuhe cen pares de castañetas (Bis) Vinieron los Reyes Magos cansados de caminar, abandonan sus caballos al Niño van adorar (Bis) |
Aguinaldo | Esas uvas, esas pasas, ese mel, esas castañas, son para lle dar ao Neno, que está deitado nas pallas (Bis) Eu tamén digo que vivan (Bis), os señores desta casa e mais a súa familia (Bis) Las viejecitas del Rey con fina voz avisaron dispensen ostés señores quiera Dios que de hoy de un año (Bis) |
i Este cantar foi recuperado e transcrito pola Asociación para a recolleita e difusión da música tradicional O TEAR DE LLERENA para o traballo colectivo “Cantares de Reis”, publicado en 2006 polo Concello de Boimorto. Informantes, José Cortizo, Alsira López, Manuela Cortizo, Felicitas Martínez, María Martínez, Sinda Castro, Rosa Castro, e Clara Ruzo.