Doutra banda, o emprazamento do asentamento é interesante por dúas cuestións fundamentais. A primeira é a súa localización na zona sudeste do cairn da Muradella, unha orientación cunha especial significación no megalitismo, particularmente no do noroeste peninsular. E a segunda, é a súa proximidade a terras de labor con chans lixeiros que permitisen o cultivo cunha tecnoloxía aínda baseada na madeira e a pedra.
A proba do potencial uso cerealístico da contorna é que foi usado para iso durante gran parte do século pasado, como pode verse nas fotos dos voos que os americanos realizaron nos anos 50. Con isto, o equipo dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, podería abrir a porta á profundización do coñecemento dos poboadores do Neolítico final na Terra de Lemos. Dito labor científico non se podería levar a cabo sen o asesoramento e a axuda do descubridor do xacemento, o arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa, Xurxo Ayán, e o apoio das asociacións de veciños ‘María Castaña’ da parroquia de Cereixa e ‘Fonte da Freita’ da parroquia de Fornelas.