fbpx
Celebración do Entroido en Vilariño de Conso / turgalicia.gal

O boteiro e o fulión… descobre un Entroido galego en estado puro

Tempo de lectura: 3 min.
En Vilariño de Conso celébrase o que moitos consideran o Entroido en estado puro. O Boteiro é a personaxe estelar, é o dirixente do Fulión. O Fulión é un grupo de persoas tocando bombos e gadañas ao mesmo compás. En cada aldea do termo municipal existe un fulión, e uns boteiros que bailan ao seu son e con diferentes tipos de caretas segundo a localidade de que proceden. A fuliada é unha obra de teatro sátira e pícara dos temas de actualidade: política, relixión ou crítica social do acontecido durante o ano nesta vila da montaña de Ourense
E queres coñecer máis de cerca esta interesante e pouco coñecida tradición do país?. Pois se estades interesados, o vindeiro día 11 de febreiro de 2023, no Concello de Vilariño de Conso, celebra a primeira actividade do Ciclo Encontros coa Tradición,
con iniciativas culturais de divulgación orientadas a ámbitos diferentes en cada ocasión. Un evento que conta coa colaboración deste proxecto, Rutas de Historia.

A actividade denominada O Fulión na Lareira será a primeira prevista para este ano. Nesta ocasión o programa inclúe un roteiro ó redor da Cenza do Conselo, unha das fervenzas mais monumentais de Galicia e un verdadeiro tesouro natural herdado do pasado glacial que labrou durante milenios o lombo granítico destas arcaicas alturas das Serras de Conso.

Cartel dos Encontros coa Tradición, en Vilariño de Conxo

Percurso

O percorrido terá unha lonxitude aproximada de 5700 metros, cunha importante ascensión durante os primeiros dous quilómetros, dende os 680 msnm iniciais até acadarmos os 920 no Mirador da Cenza do Conselo. Logo da parada sobre o inmenso panorama interglacial, o camiño acada os 955 m e comeza o descenso pola Costa do Solado cara a aldea de Soutelo, que cruza para regresar ó punto de partida. Os protagonistas serán os valores xeolóxicos, biolóxicos e culturais asociados a estas paisaxes, incluído o patrimonio industrial.

Guiarán esta parte: Miguel Losada, antropólogo, que comentará as Paisaxes do Entroido das Serras de Conso e Xurxo Salgado, coordinador de Rutas de Historia que falará sobre a comunicación da riqueza patrimonial. Estas breves intervencións terán lugar, fundamentalmente, nas dúas paradas durante o percorrido e continuarán como coloquio aberto durante a proxección de imaxes de primeira hora da tarde.

Será sobre as 16:30 hora cando se realice un pequeno pase de 30 anos de imaxes do Entroido nesta localidade con interesantes reflexións sobre a evolución desta festa popular.

Entroido

Rematada esta parte e grazas á colaboración da Asociación Cultural Xuntos polo Fulión, de Vilariño de Conso, quen o desexe, poderá participar na celebración tradicional e sentir a súa potencia e autenticidade. O libro de etiqueta das serras recomenda usar vestimenta tradicional de Entroido: Roupa cómoda con historia de seu e significado. Non se descarta nin a friaxe nin outras inclemencias. Tampouco o contrario. Tanto a visita ó Museo Etnográfico de Vilariño de Conso como ó Centro de Interpretación do Cogumelo son igualmente recomendables.

Xantar:

Contra ás 14:30 horas e para quen teña reservado previamente, estará disposto un xantar baseado na gastronomía tradicional local no Albergue de Vilariño de Conso a un prezo de 15 €.

Aloxamento:

Pode reservarse aloxamento nesta mesma instalación a un prezo de 25€ por persoa e noite, con baño e co almorzo incluido. Ou 18€ por persoa e noite en liteira, e co almorzo incluído. Estas reservas deberan confirmarse o antes posible chamando directamente a Paula no 681 148 530. As prazas son limitadas.

Ademais, na zona existen outros aloxamentos e servizos diversos. Recomendamos a visita á web do Concello de Vilariño de Conso: http://destinovilarino.com/

A organización advirte que as circunstancias meteorolóxicas poden facer inevitable algunha alteración do percorrido. A actividade é de balde. Os pagos deberán realizarse, se corresponde, nos establecementos indicados.

Pode que che interese...