fbpx

Revelando as celtas: esplendor e prestixio da Gallaecia

Tempo de lectura: 7 min.

Esta paisaxe é o escenario dos deuses. Os carballos son os santuarios. As campías onde pregar. As rochas onde honrar. A néboa ascendeu e a luz de antiga prata colorea as nubes que cobren a Terra. Aquí, onde o cumio, a ara é gardada por unha sacerdotisa e un sacerdote. Erguido o altar é a vez o lugar onde repousa a sacerdotisa. Vestida cunha túnica branca, leva prendido un manto escuro que cae en amplos pregos dende o ombreiro. O cabelo recollido nunha coroa de trenzas acentúa aínda mais o movemento de chamada as divindades. O sacerdote, vestido cunha túnica curta, porta consigo un coitelo presto para o sacrificio dun año. Ambos agardan as verbas definitivas, as da invocación da druidesa.

O sacrificio. 1951. Carmen Gómez Pérez-Neu. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 2 metros por 2 metros. Colección privada.

O sacrificio. 1951. Carmen Gómez Pérez-Neu. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 2 metros por 2 metros. Colección privada.

Vestida enteiramente de puro branco, a túnica vai prendida nos ombreiros deixando libres os brazos e as mans. Unha ampla capa cae, con maxestade, dende os ombreiros ata os pes. O ondulado cabelo louro cinza é tan longo que cubre o peito e as costas. Non leva unha cinta que o suxeite, un prendedor ou unha tiara. Mais si leva consigo as alfaias que, como unha raiola entre nubes, indican que ela é algo mais que mesmo unha sacerdotisa. É algo moito mais que unha raíña. É unha deusa viva, tal como eran consideradas as mulleres sacras antes da romanización no continente europeo. E como tal porta torques de ouro, fíbulas e arracadas. É unha profetisa, unha lexisladora, unha líder e unha sabia, pois é o seu cometido no castro onde reside e ao que, con esta invocación, agarda levarlle os feitos do Destino dende as mans que ergue os ceos.

Este cadro fora titulado O sacrificio. Por tema, técnica e dimensións é unha obra que exemplifica a personalidade da obra da súa artista. A pintora, Carmen Gómez Pérez-Neu, executou este lenzo como unha peza magna a altura a grandeza do tema e da figura principal. A composición triangular non so dá equilibrio e estabilidade, senón que fai énfase nas súas figuras. Este óleo sobre lenzo mide dous metros por dous metros, superficie na cal plasmou celtas, mulleres celtas galegas concretamente. Druidesas e sacerdotisas son as súas protagonistas xunto con galaicas a carón de antas en fragas -as paisaxes foron pintadas a partir dos bosques de Ribadavia, lugar da artista-, ocupándose de traballar cereais, realizando elaborados peiteados así mesmas, portando ofrendas ou gozando do seu propio espazo e tempo. Os fogares que habitan son de pedra ciceladas, con marcos en espirais, trisqueis ou lazadas. E móvense entre as rúas dos castros, cruces de camiños ou en interiores. As nenas e nenos que aparecen vense observando o que os rodea ou durmindo. Igualmente pintou bodegóns que pensou axeitados a esta atmosfera. Todo con éxito da crítica especializada. Acadou que presenciar os seus cadros é como ser testemuña de distintas pasaxes da Gallaecia.

Toxos en flor. 1987. Carmen Gómez Pérez-Neu. Técnica: Óleo sobre lenzo. Colección privada.

Toxos en flor. 1987. Carmen Gómez Pérez-Neu. Técnica: Óleo sobre lenzo. Colección privada.

No castro (detalle). S. d. Carmen Gómez Pérez-Neu. Técnica: Óleo sobre lenzo. Colección privada.

No castro (detalle). S. d. Carmen Gómez Pérez-Neu. Técnica: Óleo sobre lenzo. Colección privada.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nos seus cadros Gómez-Neu representou temas como a mitoloxía grega clásica, plasmando nos seus lenzos as sereas ou a Pandora, a primeira muller da Humanidade. A razón pola que pintou o mundo galaico celta debeuse a que se sentiu inspirada polo mesmo. Visitara castros e estudara pezas de ourivería recen descubertas nos anos 40 e 50. A isto sumóuselle que o seu home, Robla, era arqueólogo e estaba en varias campañas de escavacións. Cando viu o interese de Pérez-Neu en pintar apoiouna dende o comezo xurdindo un constante diálogo de ideas e coñecemento entre ambos. A principal referencia que empregou a pintora, segundo as súas propias declaracións, foi Estrabón. Referencia a cal únese unha biblioteca que consultaba constante na casa e asistencia a congresos de arqueoloxía nos que tomaba apuntes e notas, así como adquiría mais libros.

O céltico tivo presenza na arte galega de estes anos. Urbano Lugrís foi quen incluíu este elemento a maneira de Díaz Baliño: como un imaxinario evocador, enteiramente representativo e de fonda raiceira simbólica. Pérez-Neu partilla con el o feito de continuar un camiño iniciado en 1919 por Díaz Baliño. Mais ela está mais preto do acento arqueolóxico que Castelao lle dera a ilustración de obras como Na noite estrelecida (1926) de Ramón Cabanillas. Sen embargo ambos pintores teñen un aspecto en común: ambos atenden o céltico como unha interpretación de nobreza de carácter. O pintor nas súas paisaxes atlánticas. A pintora na actitude das súas figuras retratadas.

Noite ritual. 1946. Urbano Lugrís. Técnica: Óleo sobre táboa. Medidas: 20 x 20 cm. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña.

Noite ritual. S.d. Urbano Lugrís. Técnica: Óleo sobre táboa. Medidas: 31 x 30 cm.  Fundación Barrié de la Maza, A Coruña.

Ningún dos dous estaba desencamiñado respecto a como era considerada esta interpretación. No tempo no que Pérez-Neu se convertía en “La pintora de los celtas” como pode lerse na prensa, Jesús Carballo García publicaba en 1951 Fida. La hija del último druída galaico. Esta novela histórica conta, ademais, cunhas entradas sobre figuras históricas, pobos ou obxectos de relevancia histórica que aparecen na narración ordenadas alfabeticamente. Neste índice aparecen citadas entre outros a Ara Solis, os bardos, Dactorium (Betanzos), o folión, os gálatas, os oestrimnios, os torques ou os patricios. É unha novela ambientada na era imperial romana na Gallaecia, cos conflitos que se sucedían e o xeito no cal os celtas adoptaron o cristianismo fronte a romanización. (A caracterización dos celtas galaicos na novela vese en detalles como, por exemplo, no seu rexeitamento a crueldade cos animais para a diversión que presencian no Circo ou na repugnancia pola indiferenza de mortes ditadas a capricho polos patricios en Roma. O vínculo queda establecido a partir da espiritualidade dos celtas e a dos primeiros seguidores de Cristo). Certos diálogos de Fida, como o citado a continuación, mostran a idea que tiña das celtas galaicas no tempo de Pérez-Neu:

Avisado éste por uno de los centinelas, la mandó pasar al patio de armas. El centurión se quedó grandemente sorprendido al ver la decisión y la belleza de aquella joven.

-¿Qué deseas? ¿Qué mensaje traes?

-Necesito ver al Pretor hoy mismo.

-¿De dónde procedes?

-Del Castro Lupario y soy celta, súbdita de Lupa.

-Espera la respuesta del Prétor.

Cuando Filotro vió ante si aquella joven, no sabía qué admirar más, si la extraordinaria hermosura o su intrepidez y decisión.

-¿De dónde vienes, hermosa joven? -preguntó-  ¿Qué motivo te trae a mi presencia?

-Vengo del Castro Lupario y tengo verdadera necesidad de visitar al hijo de mi Reina, que tú tienes aquí prisionero.

-¿Gozas de ciudadanía romana?

-No; ni la quiero.

-¿Qué dices, inexperta? -exclamó el Prétor-. ¿No comprendes que sin esa protección nuestra no tienes a quien acudir en caso de peligro?

-Ten en cuenta -añadió ella- que soy celta.

-De bien poco te servirá ese orgullo de raza si no gozas de la protección del pueblo romano.

-No necesito más protección que las de mis deidades.

-Pues ya ves de qué le sirven al hijo de Lupa.

-Ignoramos lo que los dioses nos reservan, pero estamos seguros de nos protegen; especialmente siendo inocentes como Ilicino, a quien tu retienes injustamente en prisiones.

-¿Te olvidas, niña inexperta, que estás ante el Prétor, ante el representante de la autoridad romana? ¿De esa forma solicitas un favor que de antemano debo negarte por tu desafecto al pueblo romano?

-Es que la Justicia y la fuerza de la Razón están a mi favor.

A personaxe de Fida, a filla dun druída, a da propia Druidesa de Pérez-Neu, encaixan na imaxe consagrada das mulleres celtas dende o século XIX. A propia figura pintada pola artista segue os modelos de profetisas, sacerdotisas e druidesas dese século. Todas elas eran coñecidas por ser, na Antigüidade, as portadoras do Destino nos homes e dos mesmos deuses. Veleda era considerada para os xermanos unha deusa vivinte entre eles. Posto que isto conservouse nos libros dos antigos, os pintores así a representaron. A Corte de Veleda -tamén coñecido como O tribunal de Veleda-, foi pintada en 1879 por Alphonse Cornet e nela o pintor representou a profetisa acorde a súa posición. Ela ocupa o centro. Os homes se presentan con reverencia e temor. As rapazas e nenos con aclamación. E de Veleda pende a decisión respecto o soldado romano que prega piedade ante ela. Pérez-Neu segue estes precedentes da Pintura de Historia, se ben segue a liña das ilustracións historicistas. Nelas as druidesas aparecen coroadas de follas sobre o cabelo longo, vestidas con túnicas brancas e torques, cubertas con mantos e levando consigo fouciños ou visgo.

A Corte de Veleda (tamén coñecido “O tribunal de Veleda”). 1876. Alphonse Cornet. Técnica: Óleo sobre lenzo. Musée Mandet. Beaux Arts et Arts Décoratifs, Riom.

A Corte de Veleda (tamén coñecido “O tribunal de Veleda”). 1876. Alphonse Cornet. Técnica: Óleo sobre lenzo. Musée Mandet. Beaux Arts et Arts Décoratifs, Riom.

Estas figuras femininas eran igual de relevantes na cultura galega. Foi Lugrís Freire quen propuxo en 1925 unha escultura de Eduardo Pondal nos Cantóns da Coruña, mostrando a súa figura cuberta polo épico manto dunha druidesa. Foi Uxío Souto quen esculpiu en 1926 A Druidesa como unha alegoría nacional cos versos de Cabanillas os pes, sendo logo colocada no centro da biblioteca do Balneario de Cuntis. E foi Pérez-Neu a que completou o triángulo con O sacrificio, na que a druidesa -e as damas que a rodean- aparecen como unha celebración do poder e esplendor do seu pobo dende as súas orixes. O seu é un caso no que vese a forma na que o celtismo galego foise enriquecendo visualmente e sumando connotacións o longo de distintas épocas. Do simbolismo e emancipación dos anos 20 a imaxe histórica de prestixio nos anos 50 e 60. Todas as épocas teñen unha imaxe. Todos os países teñen o seu facho na escuridade. E o céltico na arte galega como pode verse mantivo esa luminosidade, unha vez mais, véndose en moi distintas áreas e direccións ata que punto constitúe un elemento de poder.

Druidesa (o seu segundo título foi “Alegoría do Verán”). 1912. Lionel Royer. Técnica: Gravado sobre papel. Exposto no Salón de Inverno en París.

Druidesa (o seu segundo título foi “Alegoría do Verán”). 1912. Lionel Royer. Técnica: Gravado sobre papel. Exposto no Salón de Inverno en París.

A nova druidesa. 1880-1890. Técnica: Gravado sobre papel. Colección privada.

A nova druidesa. 1880-1890. Técnica: Gravado sobre papel. Colección privada.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O meu fondo agradecemento ao historiador Fernando Pereira González, pola sua xenerosidade e intelixencia no estudo do celtismo galego así como na pescuda sobre esta artista.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...