Estudan colmeas, currais ou camiños para coñecer a “industrialización” dunha aldea de montaña
Dende o próximo luns e durante dúas semanas, a equipa de Sputnik Labrego regresará aos montes de Casaio e Lardeira para unha nova campaña de traballos arqueolóxicos. Nesta ocasión, estes traballos centráranse nas numerosas estruturas etnográficas que se atopan neste territorio. “Trátase dun patrimonio que non adoita centrar a atención das investigacións arqueolóxicas, malia que son fundamentais para entender a historia dos últimos séculos e o papel que as sociedades labregas xogaron no pasado recente”, apunta Carlos Tejerizo, director da intervención.
Colmeares para a xestión da mel e da cera, estruturas para o gando local e tamén vencelladas cos camiños usados pola gandería de longo percorrido que viña dende Extremadura ou os despoboados máis recentes serán algúns dos sitios obxecto de estudo da Asociación Científica. “Durante anos documentamos unha grande cantidade destas estruturas ao longo dos montes de Pena Trevinca e agora temos que traballar a fondo sobre elas. O obxectivo é tentar datalas, saber cando foron construídas e a súa transformación ao longo do tempo. Entender a súa historia dentro dun proceso de longo percorrido que chega ata os nosos días”, continúa Tejerizo.
A transición das paisaxes medievais e modernas
“Grazas á documentación escrita temos unha información moi rica sobre a economía labrega preindustrial. Desde a arqueoloxía podemos aportar tamén unha visión moi complexa sobre a xestión das paisaxes en época medieval e moderna e ademais pór en valor este patrimonio esquecido”.
Esta campaña de escavacións é parte dun proxecto financiado pola Comisión Europea cuxo obxectivo é analizar o impacto da industrialización en Valdeorras e que deu comezo no ano 2021. Dende a Asociación Científica Sputnik Labrego esperan que un dos resultados deste proxecto sexa a valorización deste tipo de patrimonio que, xunto con outros sitios como Valencia do Sil, a Ciudad de la Selva, Larouco ou a vía XVIII, se converta nun referente que permita pór o territorio na vangarda da xestión do pasado histórico.