Atopan outro novo petróglifo que estaba sendo arrasado pola construción dun paque eólico
Tempo de lectura: 2 min.
O movemento veciñal Amil sen eólicos denunciou hoxe a destrución de varios petróglifos durante a construción do polígono eólico Acibal en Moraña, Pontevedra. Segundo os veciños, os petróglifos foron danados polas obras de construción, o que constitúe unha violación da lei de protección do patrimonio cultural.
“Os petróglifos en cuestión, que se encontraban na zona onde se está a construír o parque eólico, son unha mostra do patrimonio cultural e arqueolóxico da zona. A súa a destrución é unha perda irreparable para a historia e a cultura do concello“, denuncia a entidade nun comunicado remitido aos medios.
A veciñanza tamén critican a falta de medidas de protección e conservación do patrimonio cultural durante a construción do parque eólico. “Non se están a respetar as medidas de protección establecidas cando se aprobou o Polígono Eólico“, di, porque os traballos de construción do parque eólico non se están realizando baixo control e seguimento arqueolóxico.
“O feito de que atopemos petroglifos en cada visita ao monte denota que nin o estudo arqueolóxico foi eficiente, nin se está a realizar un seguimento adecuado. Ademáis nunca vimos presencia do control arqueolóxico na zona de obras. O mesmo día que se chamou dende o concello ao arqueólogo encargado, este non estaba presente e estábanse a remover pedras”, denuncia o movemento veciñal Amil sen eólicos .
Esta é a terceira vez que se comunica a aparición de elementos non catalogados na contorna das obras, que serán destruídos se estas continúan. Por iso, a veciñanza esixe ás autoridades competentes que tomen medidas para protexer e conservar o patrimonio cultural de Moraña, que se investigue a destrución dos petróglifos e que se apliquen as sancións correspondentes.