fbpx
Torque atopado na zona de Betanzos / Xunta

Así é o novo tesouro arqueolóxico atopado na zona de Betanzos

Tempo de lectura: 2 min.

En pleno século XXI e arando nunha finca, como antano. Así apareceu o último torque galaico nunha leira das Mariñas Betanceiras. O avó manexaba o tractor mentres o resto da familia botáballe unha man. Tal e como recolle La Voz, entre a terra removida apareceu unha peza metálica. Ao estar cuberta de po, nunha primeira ollada non lle deron importancia, pero pronto advertiron a súa forma característica. Máis tarde, despois de limpala con auga, descubriron que atoparan “un tesouro”, como o bautizaron os dous nenos da parella.

O torques atopado nas Mariñas Betanceiras está dunha peza e apenas presenta algunhas mazaduras. Está decorado con espiraiss, trenzados e dúas puntas con forma de cebola. O seu achado foi similar ao do extraordinario torques de Burela, que tamén foi descuberto de forma casual por un veciño nunha leira. Con todo, as diferenzas evidencíanse no peso: con 394 gramos o torques de Betanzos e 1.812 o de Burela.

Protección

Este luns, a familia púxose en contacto coa delegación territorial da Xunta na Coruña, onde presentaron a peza ante o persoal de Patrimonio Cultural. Á vista da súa importancia, a directora xeral dese departamento autonómico, María del Carmen Martínez Insua, trasladouse ata a cidade herculina. Durante esa reunión acordouse trasladar o torques ata o Museo Arqueolóxico e Histórico do castelo de San Antón para que quede baixo custodia na súa caixa de seguridade, máis forte que as do edificio administrativo. Unha vez analizado decidirase se debe ser exposto ao público e se é conveniente buscar máis pezas na zona onde se localizou.

A decisión da familia de presentar a peza á Xunta é acorde coa lexislación autonómica en materia de patrimonio. Así, o artigo 99 da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia recolle que “os achados arqueolóxicos casuais, producidos por azar, como consecuencia de remociones de terras, demolicións ou obras de calquera tipo”. Con todo, a mesma lei destaca tamén que a Xunta pagará o 50% do seu valor. Toda a noticia en La Voz.

Pode que che interese...