Tempo de lectura: 3 min.A Consellería do Mar presentou este xoves ao Consello o Plan da cultura marítima de Galicia. Horizonte 2030, un documento “único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional”, din desde a Xunta, no que ten que ver co patrimonio marítimo e coas posibilidades de protexelo e conservalo para que chegue ás vindeiras xeracións. Este documento fai unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente no país e recolle 100 medidas para aplicar antes do ano 2030 que contribuirían a avanzar no seu coñecemento, preservalo e poñelo en valor tanto en Galicia como no exterior.
Este traballo, realizado ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC), pretende converterse nunha guía e nun punto de partida para que o conxunto de Galicia– as distintas institucións e entidades- actúe de xeito coordinado para protexer o seu pasado e presente mariñeiro e evitar que quede no esquecemento.
O documento, elaborado por un equipo liderado polo profesor Óscar Fuertes, fai unha radiografía da demografía litoral de Galicia e da súa cadea mar-industria destacando os arredor de 40.000 empregos directos que dependen dela. Tamén fai un repaso pola variedade de bens inmobles, bens mobles e patrimonio inmaterial cos que conta Galicia. Entre as construcións están estaleiros e carpinterías de ribeira, fábricas de conserva e salgadura, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, peiraos, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas ou santuarios e restos arqueolóxicos, entre outros moitos.

Faro de Illa Pancha imaxe con filtro sobre unha foto de Turismo de Galicia
Nos bens mobles están as artes de pesca, as ferramentas empregadas polos distintos profesionais do mar, útiles de cestaría, vestimenta e calzado, partes de barcos afundidos e embarcacións tradicionais. No patrimonio inmaterial inclúense cuestións como as festas, populares, gastronómicas e relixiosas, a tradición oral e o folclore a través de adiviñas, cancións, contos, lendas, refráns ou léxico marítimo, a cociña mariñeira, as mostras de arte, a iconografía mariñeira, os museos ou os propios oficios do mar.
O documento encargado pola Xunta tamén fai unha análise das fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas para o patrimonio marítimo de Galicia e destaca, entre outras, cuestións positivas como a existencia de abundante patrimonio somerxido, de artes de pesca tradicionais sustentables, dun gran número de museos do mar e de moitos oficios tradicionais que aínda persisten. Estes aspectos, engade, poden supoñer grandes oportunidades se se afonda na aposta por eles.
Atlas virutal e dicionario mariñeiro
Unha vez feita esa profunda análise, o plan establece catro grandes obxectivos estratéxicos con 100 proxectos ou accións para levar a cabo ata 2030 cos que preservar e activar a cultura marítima galega. O primeiro deles céntrase en conservala e promovela en diversos ámbitos e como eixe de cohesión social apostando por 39 medidas como un estudo das rías, ríos e paisaxes marítimas, a elaboración dun atlas virtual do patrimonio marítimo galego ou dun dicionario da cultura marítima.
O segundo obxectivo estratéxico busca a converxencia das institucións, recursos e axentes a través de 25 accións como a creación dun observatorio da cultura marítima, a dixitalización de documentación histórica das confrarías ou a organización dunha gran mostra da cultura marítima. O terceiro aspira a potenciar o desenvolvemento do sector produtivo das empresas tradicionais do mar con 23 proxectos como un selo da cultura marítima, a formación profesional neste eido e a creacións de programas laborais.

Embarcacións da carpintería de ribeira que Francisco Fra tiña en Cervo e que ardeu, un dos poucos artesáns que se adica a esta arte en Galicia / XS
O cuarto obxectivo estratéxico incide en estender o coñecemento da cultura marítima a nivel nacional e internacional mediante 13 iniciativas como a creación de grupos de investigación, a posta en marcha dun programa de promoción no exterior e o liderado dunha Rede Europea de Entidades de Patrimonio Marítimo.
O plan conta tamén cun anexo que pon en valor determinadas zonas do litoral galego que salientan por conservar as características orixinais e elementos singulares vencellados co mar ao non terse visto sometidos aos procesos de urbanización e industrialización do litoral. Estas zonas -denominadas áreas nai- que teñen núcleos urbanos e unha identidade especial son: Rinlo, Espasante (Ortigueira), Mugardos, Redes (Ares), Quilmas (Carnota), Muros, a enseada de Broña (Outes), a zona da Secada-Touro (Ribeira), Combarro (Poio) e A Guarda.