fbpx
Caramuru-Guaçu / Ernesto Frederico Scheffel (Brasil, RS 1927 –)- Óleo sobre tela

Caramuru: o galego fundador do Brasil que casou coa princesa amazona Paraguasu

Tempo de lectura: 8 min.

Historia de Galicia comeza unha serie de reportaxes sobre emigrantes, conquistadores ou aventureiros que fixeron historia. Unha serie de reportaxes realizados polo escritor e cineasta galego-arxentino Lois Pérez Leira. A primeira historia lévano ás Indias de comezos do século XVI

Diego Alvarez Correa naceu en A Coruña, no século XVI, (algúns investigadores portugueses din que naceu en Viana do Castelo). O xove Diego, dende temprana idade está vinculado ós quefaceres da mar. Por aqueles anos, os portos de A Coruña e Baiona, eran os únicos autorizados para ter vínculos comerciais co novo mundo, recentemente descuberto. A Coruña se convirte no século XV en porto da especiería. As especies eran de suma importancia para toda Europa. Con elas podíanse manter as carnes durante unha tempada, sen que se estropearan. As mesmas, eran tamén utilizadas para condimentar as comidas. A finais do século XV, as especies adqueriron en Europa precios moi elevados. Os comerciantes tiñan que percorrer grandes distancias, pasando os productos por distintos países, os cais cada un cobráballe o correspondente imposto. Esta situación levou ós portugueses a buscar o camiño das Indias, percorrendo África. Colón faría o mesmo pero cara ó Atlántico. Co descubrimento de América e ante a potencialidade comercial do novo mundo, o porto de A Coruña intenta convertirse en Casa de Contratación da Especiería. Este obxetivo, conquíreo o 24 de decembro de 1522, a través dunha Real Cédula asinada por Carlos I.

A “batalla” entre as distintas potencias, por comercializar coas Indias, levou ó Rei don Manuel de Portugal, a organizar unha flota de 10 carabelas e tres grandes navíos, tripulados por 1.500 homes. O mando foi confiado a Pedro Álvarez Cabral, con encargo de obter dos rajahs da India, a liberdade de comercio para os portugueses e a predicación do evanxelio nas súas terras. O 8 de marzo de 1500 partiu a expedición. A flota debía costear África e doblar polo cabo de Buena Esperanza. Nembargantes Cabral, en virtude de instruccións recibidas de Vasco de Gama, ó chegar á altura do golfo de Guinea, se internou cara ó Atlántico, co fin de evitar as calmas chichas, que reinan nesta parte do océano. As correntes marinas fóronos internando máis ó occidente, até que coarenta días despois, recoñeceron terra. O 22 de abril de 1500, a expedición desembarca en terras brasileiras, no que hoxe é a vila de Porto Seguro, dentro do Estado de Bahía. Os portugueses, descubrían desta forma Brasil, sen ter conciencia naquel intre, da importancia do propio descubrimento.

Por aqueles anos outros navegantes portugueses, franceses, galegos e españoles percorrerán as costas brasileiras. O famoso navegante italiano Americo Vespuccio, que traballaba ás ordes do rei de Portugal, participa en 1504 nunha expedición polas costas brasileiras. Nunha carta enviada a Portugal fala das maravillas do Brasil comparándoo cun edén: “e se nel mondo, dí, é alcun paradisso terrestre senza dubio dee esser non molto lontano da questi luogi”.

Imaxe de Paraguasu

A aventura de Diego Álvarez Correa

Os marinos galegos expertos en mares enfurecidos, a pesar de non contar coa autorización dos reis de Castela, intentan comercializar co novo continente. Diego Alvarez Correa, embárcase en 1510 camiño ó novo mundo, co obxetivo de comercializar con madeiras, cunha en especial chamada palo-brasil. A denominación desta madeira posteriormente daralle nome a este país. Ó chegar ás costas brasileiras, unha forte tempestade na Bahía de Salvador, frente á illa de Itaparica, fai naufragar a súa nao. Chega a nado, xunto con oito tripulantes até a costa onde vivían os indios Tupinambá. Diego Alvarez será o único supervivinte, os demais marinos foron mortos ou comidos polos indíxenas. As características físicas do noso paisano; alto, flaco e de pel moi branca, será un elemento determinante para que os indíxenas o bauticen co nome de Caramuru. Según José Veríssimo a palabra Caramuru en idioma tupí é utilizada para denominar ás lampreas ou moréias. Outros historiadores intentaron argumentar o significado de Caramuru. Home de lume, fillo do trovao, branco mollado, dragón saído do mar. Segundo a lenda máis extendida e inmortalizada polo escultor Eduardo de Sá (1866-1940), no monumento alegórico da Plaza Floriano Peixoto, de Río de Janeiro, representase a Diego Álvarez detonando un arma de fogo, para impoñer respeto ante os indíxenas. Este escultor dí tamén que “Caramuru”, significa o home do raio, en alusión a súa pistola. Tamén Teodoro Sampaio sinala, que o significado da palabra sae da descomposición da mesma en cari, “o branco” e muru, “mollado”. O certo é que Diego Álvarez Correa, ten que enfrentarse cos nativos do lugar, que nun principio parecían moi hostiles. Os indios Tupinambá vivían en todo o litoral noroeste do Brasil, desde o baixo Amazonas, até o Estado actual de Sao Paulo. Estas tribus brasileiras falan a lingua Tupí-guaraní, na actualidade, só viven 10.000 indíxenas, dispersos en distintos grupos, ó longo da zona nordestina.

Diego Álvarez conquire a través da súa arma e o seu aspecto físico impactar ós tupinambás. É tan así que o cacique Taparica ofrece como esposa a súa filla Paraguasu (en tupí “o grande mar”) ó recén chegado naúfrago. A bela Paraguasu e o noso paisano Caramuru inician un matrimonio, que dará para contar infinitas lendas de amor. A parella terá varios fillos: Ana, casada con Vicente Dias de Veja; Apolónia casada con Juan Figueirido Mascarenhas e Grácia, casada con Antón Gil. Con outras mulleres da tribu terá distintos fillos, os máis coñecidos foron: Gaspar, Marcos, Manuel, Diego, Gabriel e Jorge. Do seu fillo Diego Álvarez e da súa muller, descenden as principais familias bahianas, como os Moniz e os Torre, famosos pola súa opulencia.

Caramuru vivía nun edén, coa súa namorada Paraguasu, nunha aldea de 300 casas. Coa súa experiencia e formación europea lograría avances importantísimos na vida dos indíxenas. Co transcurso do tempo, distintos navegantes, moitos deles franceses e portugueses, pasan polos seus dominios. A súa vivenda quedaba nunha aldea na entrada de Barra na ponta do Padrao, desde onde podía mirar ás flotas visitantes e acudir a eventuais naufraxios. Distintos navegantes poideron avistalo entre eles: Rodrigo de Acuña, en 1526. Éste pertecía á flota de Loaysa. En 1535 Juan de Mori, da flota de Alcazaba. En 1531-32 recibiu a Pedro Lopes e a Martín Afonso de Sousa, o que despois, en 1534, de paso pra Asia, bautiza a todos os fillos de Caramuru e casa a duas fillas súas.

Caramuru e Paraguasú nunha escultura en Viana do Castelo / https://www.olharvianadocastelo.pt

Relación con bretóns e normandos

Diego Álvarez nun principio vive do abastecemento ocasional de navíos; despois do comercio de frutos da terra, con bretóns e normandos, para comercializar posteriormente, cando se consolida a cidade de Salvador, vendendo fariña de mandioca. Algúns investigadores, relaciónano no seu comenzo, como axente dos franceses, que comercializaban o palo-brasil.

O seu vínculo cos bretóns, lévao a algúns dos seus fillos a realizar unha viaxe a Francia, nun barco de contrabandistas en compañía de Paraguasu. Neste país unha das fillas convírtese ó cristianismo, sendo bautizado en Saint-Malo, o 30 de xullo de 1528. Os bretóns puxéronlle o nome de Catarina do Brasil, en honra da súa madriña, Catarina de Médicis.  Segundo os historiadores, Enrique II intenta convencelos para que traballen para o reino francés na conquista de Brasil, negándose rotundamente.

Os Caramuru despois dunha larga tempada na corte francesa voltarán ós seus dominios bahianos. Os reis de Portugal preocupados polas constantes visitas ó Brasil de expedicións extranxeiras, deciden fundar un primeiro asentamento poboacional estable.

Nace Salvador de Bahía

Tomé de Souza foi o encargado de organizar unha expedición de 400 soldados e 600 voluntarios entre eles algúns presos. O 29 de marzo de 1549 desembarcou na Bahía de todos os Santos. O primeiro mes instálase xunto ás ruínas da Capela da Victoria. Nese mesmo sitio onde intentara instalarse en 1545, o navegante Francisco Pereira Coutinho, que fora asesinado e posteriormente comido polos indíxenas. Tomé de Souza, funda definitivamente a cidade de Salvador. O galego “Caramuru” serviulle de intérprete, contribuíndo a fundar as prósperas colonias do Brasil. Os portugueses, ó atoparse cun blanco que lideraba ós Tupinambas, confundírono cun portugués, xa que éste faláballes no seu propio idioma. Non temos que esquecernos que por aqueles anos o idioma galego e o portugués en pouco ou nada se diferenciaban. Coa expedición de Tomé de Souza virán varios integrantes da Compañía de Jesús. Sendo o superior da orde para os territorios do Brasil, Manuel Nóbrega.

O xesuita mencionado se ben era portugués, tiña fortes vínculos con Galicia e Salamanca. Coa primeira estivo a través da súa devoción por Santiago Apóstol, que o levou a percorrer o camiño portugués de peregrinación á capital de Galicia. Con Salamanca estivo ligado a través da Universidade onde estudiou catro anos. Nóbrega igoal que Bartolomé de Las Casas en centro América se destacou por defender os dereitos dos indíxenas, promoveu a ensinanza primaria e secundaria, a música, etc. Durante a súa permanencia como superior provincial da orde contou coa axuda de Álvarez Correa e con Catarina Paraguasu, o que asumiu o cristianismo con profunda devoción. Entre as axudas realizadas por Caramuru a Nóbrega, foi a construcción da primeira igrexa. Para eles Caramuru contou coa axuda dos seus fillos, xenros e os Tupinambas que estaban baixo a súa xefatura.

Tomé de Souza en agradecemento polos servizos prestados pola familia Caramuru, na fundación da primeira cidade brasileira, distinguiu como cabaleiros ós seus fillos e ós seus xenros. A cidade de Salvador por aqueles anos foise construíndo na colina da Sé, parte plana, do alto da escarpa, a 60 metros sobre o nível da mar. É a zona que hoxe comprende o Pelourinho e a Plaza Castro Alves. Salvador convirtiuse na capital da colonia até 1763.

O pai Nóbrega nas cartas escritas desde o Brasil, dirá que: “casouse cunha fermosa india chamada Paraguasu, convertíndose no cacique daquelas terras … O máis nomeado homen desta terra…”.

Álvarez Correa falece o 5 de abril de 1557, na povoación de Pereira ou Vila Velha deixando a mitade da súa herencia á Compañía de Xesús, en cuia igrexa foi soterrado.

O destacado escritor brasileiro Francisco Adolfo de Varnhagen, membro do Instituto Histórico do Brasil, refírese tamén á vida de Álvarez Correa na súa “Historia General do Brasil” (Tomo I, Madrid, 1854) decindo: “… En efecto, Alvarez Correa co nome de Caramuru, chegou a adquirir celebridade na nosa historia...”. Varnhagen, é tamén autor do libro “O Caramuru perante a Historia, estudo premiado polo mesmo Instituto. Tamén escribiu en verso “Caramuru, romance histórico brasileiro” (1859).

O escritor lugués, Manuel Castro López escribirá en “El Amanaque Gallego” : “… Padre numerosas veces, e enlazado por parentesco con gran número de indíxenas, padecendo inxentes contratempos e calamidades desde o seu arribo a aquel país no ano 1510…”.

Caramusu converténdose ao Cristinismo / Manole López rodríguez

Caramurú pasa á historia e á literatura

A aventura de Caramuru foi idealizada no século XVIII nun poema de dez cantos en octavas, titulado “Caramuru” debido á pluma do relixioso frai José de Santa Rita Durao, profesor de Teoloxía na Universidade de Coimbra. Dita obra foi editada en Lisboa en 1781 e traducida ó francés en 1829.

No libro “Historia da Literatura Portuguesa”, nunha análise que realiza á poesía Brasileira, destaca do poema Caramuru: O Caramuru conten belas pinturas da natureza brasileira. O episodio máis hábil e o máis dramático lese no suicidio de Moema, xove india apaixoada por Diego Correia, afogándose no sulco do navío que o transportaba a Europa”.
A mencionada parte do poema épico Caramuru relarará desta forma o suicidio da India Moema:

Perde o lume dos olhos, pasma e treme,
Pálida a cor, o aspecto moribundo;
Com mao já sem vigor soltando o leme.
Entre as salsas espumas desde ao fundo;
Mas na onda do mar, que irado freme.
Tornando a aparecer desde o profundo.
-”Ah. Diego Cruel!” -disse com mágoa.
E sem mais vista ser, sorveu-se na água.

Catarina do Brasil, “A Bella Paraguasu” sobrevirá ó seu marido, rodeada do afecto da súa familia, dos indíxenas e dos poboadores portugueses. Paraguasu falece en Salvador o 26 de xaneiro de 1583.

Despois da morte do matrimonio Caramuru, os escolares bahianos, foron coñecendo de xeración en xeración a historia deste cacique galego que se namorou da bella Paraguasu. Unha historia de amor, unha historia que marca o encontro de duas culturas, que fixeron posible a fundación de Salvador.

 

Bibliografía:
“Primeiros povoadores do Brasil (1500-1530)” autores: Almeida Prado, Joao Fernando (Col. Brasiliana).

“Catarina do Brasil, a india que descubriu Europa”: Obry Olga. Rio de Janeiro 1945.

“Cartas do Brasil e mais Escritos do P. Manuel da Nóbrega, con introducción de Serafín Leite, Coimbra, por orde da Universidade, 1955.

“Historia da Companhia de Jesús no Brasil”, Serafín Leite, Rio de Janeiro, 1949. pp 3-14 e 413-433.

“Breve Itinerário para Uma Biografía do P. Manuel da Nóbrega”, Lisboa- Rio de Janeiro, 1955.

“Povoamento da Cidade do Salvador”, Tales de Azevedo, 1955.

“Historia da Fundación da cidade do Salvador” 1949 ed. Póstuma, Teodoro Sampaio.

“Historia da Fundación de Bahía” 1949, Pedro Calmon.

“A cidade de Tomé de Sousa”, Alberto Silva, 1949.

“O cuarto centenario da morte de Caramuru”, F.G. Edelweiss, 1957.

“O Caramuru”, José de Santa Rita Durao, Lisboa, 1781.

“Historia General do Brasil”, Francisco de Varnhagen (Tomo 1 Madrid, 1854).

Distintos artigos nos Anais do 1º Congreso Historia de Bahía 1955.

Revista Brasileira, nº 3, 1941.

Anais do IV Congreso Hist. Nac. 1951.

Pode que che interese...