fbpx
A vella vila de Portomarín, abaixo, anegada polo río e na parte superior da imaxe a nova vila de Portomarín. A imaxe é de arredor de 1963 / USC

Así se foi esquecendo a memoria do traslado forzoso da vila de Portomarín

Tempo de lectura: 2 min.

A construción do encoro de Belesar, que foi inaugurado en xaneiro de 1963, culminou un longo proceso de reorganización do territorio próximo que obrigou ao traslado forzoso dos habitantes da vila de Portomarín, parte dos cales construíron vivendas novas nun terreo máis alto mentres outros emigraban para establecerse noutros lugares. Agora, unha tese defendida na USC pola profesora titular de Didáctica das Ciencias Sociais, Belén Castro Fernández, aborda a través dese caso concreto como afrontar a través da educación a débeda moral de recuperar memorias e reparar vínculos patrimoniais danados por un abuso ditatorial e a necesidade de aumentar a presenza de temas controvertidos na formación docente, que favorezan a construción dunha cidadanía democrática.

A tese titúlase Recuperación de memoria en contexto de conflito a través da educación patrimonial: o traslado forzoso de Portomarín (Lugo) e para a investigadora, que o alumnado de distintos niveis educativos estude conflitos coma este ten “un forte potencial educativo” e supón un “vínculo crítico e ético entre a escola e o territorio”. Nas súas visitas á vila de Portomarín para o traballo de campo, detectou que había “unha falta de diálogo interxeracional” que atribúe a “unha ferida emocional que aínda está aberta”, debido á cal as xeracións que viviron o traslado forzoso da vila non lle transmiten as súas memorias ás xeracións máis novas, de tal xeito que “as mozas e os mozos non reparan na dor das persoas maiores”.

Así, o alumnado dos primeiros cursos da escola primaria de Portomarín descoñecía a historia da antiga vila e do seu traslado, e puido achegarse a ela a través dun obradoiro interxeracional no que tres persoas maiores contaron como se sucederon os eventos na época da construción do encoro e o alumnado puido construír un mapa emocional e ter datos polo miúdo das ruínas da vila que no verán, pola seca, emerxen de debaixo das augas do encoro.

Belén Castro, segunda pola dereita, no día da defensa da tese co tribunal / USC

Non peder a memoria

Para abordar este tipo de problemas, a profesora Castro elaborou a estratexia Remecon (Recuperación de Memoria en contexto de Conflicto) para que calquera comunidade rural poida resignificar o seu territorio a partir dun acontecemento traumático como o sucedido en Portomarín, e para que o profesorado en formación na universidade desenvolva competencias sociais en procesos de aprendizaxe asociados a conflitos patrimoniais. No caso concreto da vila trasladada polo encoro, propón o establecemento dun centro de interpretación “para que non se perda a historia máis recente da localidade”, nun lugar que ademais atravesa o Camiño de Santiago, polo que as persoas que o percorran e mesmo turistas poderían coñecer esa historia.

Belén Castro considera que o de Portomarín é un caso singular dentro dos traslados forzosos de localidades debidos á construción de encoros -houbo moitos outros, coma os de Riaño ou Lobios e Entrimo-, polo carácter xacobeo da vila “que quedou desvirtuado polo traslado” e porque se reconstruíu pedra a pedra a igrexa medieval de San Nicolao, aínda que a estratexia Remecon podería aplicarse a diversos contextos.

Pode que che interese...