fbpx
Imaxe das cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio

Na procura dos nomes e persoas que aparecen nas Cantigas de Santa María

Tempo de lectura: 3 min.

“As Cantigas de Santa María foron obxecto de moitos estudos, pero case nunca se abordaron dun xeito sistemático en canto aos nomes propios que se mencionan nas composicións. Así, considerada a escaseza de publicacións exhaustivas sobre este aspecto, este proxecto busca emprender un estudo en profundidade, novidoso, que estará permanentemente actualizado grazas ao uso das novas tecnoloxías”. Quen así se expresa é o doutor Manuel Negri que está a traballar nun proxecto centrado nos nomes propios que aparecen nas “Cantigas de Santa María”, tanto de persoas como de lugares co fin de crear un dicionario en formato libro dixital e dunha base de datos na rede.

Negri forma parte do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago que aborda diferentes liñas de estudo vencelladas coa Idade Media. Neste proxecto trabállase con topónimos e antropónimos a través da súa clasificación, rexistro e mesmo na súa desambiguación cando sexa necesario. Para cada un destes elementos ofrécese unha contextualización e explicación pormenorizada en relación ás Cantigas onde aparecen. O obxectivo final é a creación dun dicionario de fácil acceso e consulta -a través dunha edición en formato dixital-, así como dunha base de datos que reúna todos os nomes propios transmitidos polas Cantigas, xunto coas formas medievais de referencia e unha ficha explicativa de cada un.

O investigador Manuel Negri / remitida

O ‘GloSabio’

A base de datos ‘GloSabio’, chamada así en homenaxe ao impulsor das Cantigas, o rei Afonso X O Sabio, é unha ferramenta dixital para a recuperación e a consulta de información actualizada e contrastada sobre topónimos e antropónimos mencionados nestas composicións da lírica galego-portuguesa. Esta ferramenta será de grande utilidade para a comunidade investigadora, pero tamén está pensada para un público xeral e non especializado. Nesta liña, está previsto que se poidan recuperar informacións sobre persoas e lugares a partir das formas que eses nomes teñen na linguaxe común.

Nestes intres xa están rexistradas preto de 200 entidades nominais e ao redor de 300 lugares. De cada nome de persoa recóllese información como data e lugar de nacemento, data da morte, categoría e papel social. No caso dos topónimos, aparece información de carácter histórico e a correspondente súa situación xeográfica. Para facer máis accesible esta ferramenta, está prevista a grabación dun titorial audiovisual pensado non só para un público menos especializado, senón tamén para usuarios con diversidade funcional ou baixa visión.

Músicos nas cantigas de Afonso X / foto PD Wikimedia

Toponimia

A base de datos, na súa forma inicial, xa foi presentada no XIX Congreso da Asociación Hispánica de Literatura Medieval, celebrado en Portugal. Con todo aínda non foi publicada en rede. Recentemente publicouse na prestixiosa revista académica italiana Carte Romanze un artigo no que se aclaran tres topónimos que aínda eran interpretados de forma diverxente por parte de varios estudosos dos textos: Camela, Luzerna e Romania.

Así mesmo, o investigador está a avanzar nun monográfico para dar máis difusión aos nomes de persoas que aparecen nas Cantigas de Santa María, coa información histórica correspondente e desde unha perspectiva multidisciplinar, abordando aspectos non só lingüísticos e literarios, senón tamén históricos e artísticos.

Pode que che interese...