fbpx

Día Internacional dos Museos: Como superar o marco colonial das súas colecións?

Tempo de lectura: 5 min.
A descolonización dos museos no Estado español entrou no debate público o mes de xaneiro, cando o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, anunciou a intención do Goberno de “revisar as coleccións” dos museos españois para “superar o seu marco colonial”. Trátase dunha iniciativa que xa se investiga e se implementa en boa parte dos museos europeos, e que ofrece a oportunidade de debater e construír en común novas narrativas en torno á arte e as coleccións etnolóxicas.
Pero, como se descoloniza un museo? Aínda que a consecuencia máis tanxible e publicitada das denominadas accións reparadoras inclúe o retorno de obxectos aos seus lugares de orixe, a descolonización dun museo é un proceso longo e con varias arestas, e empeza co recoñecemento de que estas institucións se fundaron coa misión de ser vehículos do aparello colonial. “Desde o século XIX, os museos conformáronse como entidades que axudaron á creación dos discursos nacionais. Evidentemente, os museos existían desde moito antes, pero é a partir da Revolución Francesa cando se empezan a concibir como espazos de representación nacional“, explica Maria Iñigo, profesora e investigadora dos Estudos de Artes e Humanidades da UOC. Por tanto, están absolutamente vinculados e son inseparables da colonización.
Por exemplo, o Museo de América abriu as súas portas durante o franquismo e promocionouse fortemente como o único museo en Europa sobre a América Latina. O propósito da súa apertura foi alentar unha identidade nacional e certo liderado sobre a América Latina relacionados co imperialismo español, para promover a grandeza dun país nun momento no que España pasaba dificultades económicas, e para mostrarse en diálogo co resto de Europa. “Evidentemente, o Museo de América xa non se publicita deste xeito, pero no seu contido hai ecos do seu principio fundacional”, apunta a experta.

Exposición Escolma de escultura no Convento de San Francisco de Ourense / foto Museos de Galicia

“Entidades cientfíicas da colonización”
“Os museos de arqueoloxía e de antropoloxía, ou os museos etnolóxicos, constrúense desde esta perspectiva: por unha banda, como entidades científicas da colonización, e, á súa vez, tamén como trofeos da propia narración”, continúa Iñigo, que centra a súa investigación en temas relacionados coa colonialidade, a curaduría e a museoloxía, a modernidade e a arte na América Latina, con especial énfase na arte brasileira.
Os expertos na materia coinciden en que descolonizar un museo é unha tarefa complexa que non ten que caer en reduccionismos históricos nin lugares comúns. Trátase, máis ben, dun proceso de aprendizaxe que require de estratexias para cambiar as narrativas coloniais dos museos. “A natureza dos museos é colonial en si mesma, especialmente cando vai vinculada a unha tradición dos discursos nacionais modernos”, sinala Iñigo. Neste camiño, engade, “débense revelar as formas en que estas narrativas ou conceptos culturais ocultan prexuízos, entender con que discursos e pretextos están a perpetuarse e cuestionar o que moitas veces está instalado nos nosos imaxinarios culturais como sentido común”.
No mundo dos museos, existen estudos sobre a procedencia “provenance en inglés” dos obxectos en exposición, que é esencialmente a viaxe rexistrada dunha obra de arte desde a súa orixe, pasando por un ou máis propietarios, e até a actualidade. É unha ferramenta que se utilizou a miúdo para contextualizar pezas e expor como acabaron nun museo en particular. “Unha forma de descolonización sería esta: evitar simplemente presentar un obxecto e detallar as súas características, e, pola contra, explicar como se adquiriu, se foi no marco dun conflito armado ou nun momento de resistencia dun pobo ante un imperio”, di Iñigo.
A arte contemporánea tamén ofrece recursos innovadores á hora de mostrar e concibir pezas artísticas que poden axudar a instigar problemáticas que xorden nos museos máis tradicionais. E é que a maneira como se expón un obxecto tamén pode ser colonial: “se un museo mostra nunha vitrina un obxecto relixioso e sacro para unha certa cultura, cando en realidade aquel obxecto concibiuse para permanecer oculto ou usarse só en certos ritos, estamos a reproducir estas dinámicas coloniais”.
Para a experta, “se comprendemos como se crearon conceptos culturais ou identitarios que están a encubrir a discriminación ou a xerarquización entre culturas, ou unha desvalorización entre formas de coñecemento, será moito máis fácil non reproducir o racismo unha e outra vez. Temos que interrogar os nosos imaxinarios culturais e as nosas narrativas sobre cuestións que se dan por sentado, como sentido común”.

Cruces parroquiais do Museo Diocesano de Tui / foto Concello de Tui

Debate aberto en Europa
O debate que Urtasun puxo sobre a mesa non é novo nin exclusivo do Estado español. Uns cuantos países europeos hai anos que abriron o debate sobre os seus museos e as narrativas que os conforman. O ano 2017, o presidente francés Emmanuel Macron comprometeuse a devolver definitivamente o patrimonio africano que había nos museos franceses, un camiño que se emprendeu en 2019 coa devolución ao Senegal dun sabre histórico do que se apoderaron os franceses a finais do século XIX, ou a entrega en 2021 ao goberno de Benín de 26 obras de arte saqueadas polas tropas coloniais francesas en 1892.
En Alemaña, os ministros de Cultura dos dezaseis estados federais acordaron en marzo de 2019 unha serie de directrices comúns. No documento aprobado, os ministros comprometéronse a crear as condicións necesarias para devolver obxectos que figuran nas coleccións públicas e que se obtiveron nas antigas colonias “dunha maneira que hoxe resulta inxustificable, tanto desde o punto de vista xurídico como moral”. Dunha forma similar, o Reino Unido publicou en setembro de 2023 unha guía práctica para os seus museos en termos de restitución e repatriación.
Diaĺogo entre arriba e abaixo
Algúns expertos, con todo, alertan de que centrar todo o debate da descolonización en accións reparadoras como a de devolver obxectos aos seus lugares de orixe comporta algúns problemas, entre outros, o de perpetuar a toma de decisións entre elites formadas por directores de museos, políticos e algunhas elites académicas, e deixar fora ao groso das poboacións que reciben os obxectos e pódenos sentir como propios. Por todo isto, unha das institucións que levan a dianteira neste debate é o Museo Nacional de Culturas do Mundo holandés, unha entidade encargada de xestionar o conxunto das coleccións etnográficas dos Países Baixos, repartidas en varios museos. No centro, non só se crearon protocolos para a restitución sistemática e equitativa de obxectos, senón que hai espazos estables de investigación para abordar as longas, complexas e entrecruzadas historias que deron orixe ás súas coleccións.
“Paréceme moi interesante o feito de crear este tipo de iniciativas que vinculan un centro de investigación a unha serie de museos, para xerar un diálogo e un traballo constante en torno ao cambio”, opina Iñigo sobre o modelo holandés, e considera o seu traballo como un exercicio valioso “porque cambiar a narrativa dun museo é un proceso longo e custoso, que, en xeral, faise nun momento dado coa idea de non ter que facer modificacións, por exemplo, en dez anos“. Un enfoque incompleto porque, segundo a experta, “as narrativas teñen que estar abertas á posibilidade de debaterse a miúdo”.

Pode que che interese...