fbpx
Restauración de muros no xacemento de Valencia do Sil en Vilamartín de Valdeorras / Sputnik Labrego

Na procura de máis segredos do xacemento “suevo” de Valencia do Sil

Tempo de lectura: 2 min.

Este próximo luns comeza a nova campaña de escavación no xacemento arqueolóxico de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras. Desde o ano 2019 a Asociación Científica Sputnik Labrego ven realizando escavacións no sitio, que tiveron como resultado a recuperación dun dos contextos romanos máis completos de todo o oriente de Galicia. Concretamente, os traballos desvelaron dous grandes espazos de construcións que a equipa interpreta como unha fragua de ferramentas e obxectos de metal de época tardorromana e as vivendas das familias que se ocupaban destas tarefas. Algunhas das hipóteses que se manexan é a presencia sueva neste xacemento, así como que constituíu un gran centro metarlurxico.

“Foi un traballo longo e complicado, mais estamos moi satisfeitos dos resultados que tivemos ata de agora polo interese que demostraron tanto das institucións locais como da xente da bisbarra”, afirma Carlos Tejerizo. Desde o inicio, estes traballos contaron coa colaboración do concello de Vilamartín de Valdeorras, “totalmente necesarios para pór en valor este sitio tan singular na comarca de Valdeorras, chea de patrimonio arqueolóxico pero moito aínda por coñecer”, remata Tejerizo.

Como outros anos, as escavacións contaran con alumnos do Master Universitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüedade da Universidade de Santiago de Compostela. Media ducia de estudantes de arqueoloxía estarán as tres semanas que durará a escavación para aprender a metodoloxía de campo no xacemento. “Para nós a posibilidade de que as alumnas e alumnos do Master estiveran neste sitio foi fundamental, xa que facía de Valencia do Sil unha auténtica escola de arqueoloxía, recollendo o legado dos que nos precederan, como o grupo local dos Escarbadores ou a xente local que protexeu este sitio, como Santiago Ferrer o José Fernández”, dinos Celtia Rodríguez, co-directora das escavacións.

Os obxectivos deste ano estarán enfocados a rematar a escavación dalgunhas estruturas xa coñecidas, como o edificio interpretado como unha fragua de época tardorromana, así como un pequeno almacén situado na parte alta do sitio. Porén, a parte substancial desta campaña é continuar coa consolidación das estruturas arqueolóxicas do sitio. “Despois de tantos anos de escavación, máis de cincuenta desde que estiveran os Escarbadores non se fixo unha consolidación das estruturas, moi fráxiles despois de 2000 anos escondidas. Isto permitirá a súa conservación cara ao futuro da comarca”, di Tejerizo.
Todas as persoas que estean interesadas en visitar o xacemento poderán facelo entre as 10 da mañá e as 15 horas da tarde.

Pode que che interese...