Atopan a maior fábrica de metalurxia da época tardorromana de todo o noroeste peninsular
Despois de tres semanas de escavación no asentamento tardorromano de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras, a Asociación Sputnik Labrego pode presentar os primeiros resultados da campaña. “Tiñamos dous obxectivos principais nesta campaña”, dinnos Carlos Tejerizo, director das intervencións, “o principal era rematar a consolidación das estruturas escavadas de antes, para conservalas cara ao futuro.
O segundo obxectivo foi rematar a escavación do que interpretamos como unha fragua de época romana. Trátase dunha estrutura de grandes dimensións que comezamos a escavar en 2019 e que finalmente podemos rematar este ano”. De confirmarse a hipótese da fragua romana, trataríase dunha das estruturas de produción metalúrxica de época tardorromana máis grandes escavadas no noroeste peninsular.
“Unha das grandes sorpresas desta escavación foi documentar un sistema de canalización de augas vencellada a un forno, pensamos que de forxa de ferro e cobre, que implica unha planificación da xestión dos recursos similar a unha cidade da época romana”, remata Carlos Tejerizo.
Visita guiada
Para presentar estes resultados e outros máis, a asociación organizará unha visita guiada ao sitio o próximo mércores 10 de xullo ás 19:30 horas. Esta visita non só contará coa explicación dos resultados desta campaña, senón tamén cunha actividade para os nenos que se acheguen ao sitio. “A actividade que chamamos ‘arqueopeques’ pretende facer das nenas e nenos arqueólogos por un día, con actividades que axuden a entender a nosa profesión”, afirma Celtia Rodríguez, a co-directora das escavación. A visita partirá da fonte principal de Valencia do Sil, no concello de Vilamartín de Valdeorras, entidade que financia as escavacións.
Os traballos rematarán o día 14 de xullo, pero o proxecto continuará no futuro. “Despois de cinco anos de escavacións, esperamos poder finalizar a consolidación e a posta en valor do sitio no curto prazo. Isto non foi posible sen a participación da comunidade local e das entidades locais”, remata Tejerizo.