Que din os rumorosos, o gran podcast da historia de Galicia

Volve o podcast ‘Que din os rumorosos’: conversas cos e coas protagonistas anónimos da nosa historia

Tempo de lectura: 2 min.

Escoitar as voces dos museos, a sinfonía que evoca tempos felices, ou non tan felices, poder facer revivir e recordar situacións que nos provocan unha intensa emoción. Esa é unha das principais ideas da nova xeira de podcast de ‘Que din os rumorosos, arroutadas da historia de Galicia’, o programa de radio de www.historiadegalicia.gal e www.rutasdehistoria.gal

Con motivo do Día Internacional dos Museos, iniciouse a gravación dunha serie de podcast centrados, precisamente, na educación e a investigación como eixo da actividade museística. De feito, o lema deste ano, ‘Museos pola educación e a investigación’, subliñaba o papel fundamental das institucións culturais á hora de proporcionar unha experiencia educativa holística.

A finalidade é incidir nesa idea de que os museos son centros educativos dinámicos que fomentan a curiosidade, a creatividade e o pensamento crítico. Desde a arte e a historia até a ciencia e a tecnoloxía, os museos son espazos vitais onde a educación e a investigación converxen para dar forma á nosa comprensión do mundo.

Recuperar a memoria dos nosos museos

O que se busca é convidar á xente a imaxinar o noso pasado para repensar o noso futuro. Por iso, esta serie de podcast ten por obxectivo recuperar a memoria dos nosos museos para socializar o seu contido. Con este Proxecto de creación de contidos, queremos contar historias de inspiración e humanizar as experiencias. O obxectivo é conversar con eses protagonistas anónimos que fan das cousas pequenas, grandes cousas e das historias anónimas, grandes microhistorias.

Unha nova xeira de podcast que nacen coa colaboración da rede museística provincial de Lugo para hamanizar os museos e as actividades que promoven. Nesta primeiro programa facemos unha viaxe polo corazón dos propios museos, falamos cos e coas súas protagonistas, coñecemos algunha das historias anónimas que atesouran e tamén nos adentramos na exposición Corcosendo, sobre a fabulosa historia téxtil da comarca da Ulloa, hoxe ameazada polo xigante Altri.

Podes escoitar todo en Spoty Ivoox, Podgalego ou Aple podcast .

Pode que che interese...