fbpx
Castelo de Pambre / turismo.gal
Castelo de Pambre / turismo.gal

Preocupación polo impacto patrimonial de Altri na comarca da Ulloa. Os informes son insuficientes

Tempo de lectura: 2 min.

En resposta á solicitude realizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) expresou nun comunicado a súa preocupación polos posibles impactos que a implantación do proxecto da fábrica de Altri podería ter sobre o patrimonio cultural na comarca da Ulloa.

Na reunión ordinaria do Consello de Departamento, celebrada o 19 de abril de 2024, o profesorado manifestou de forma unánime a súa inquietude respecto ao potencial impacto deste proxecto industrial sobre o patrimonio e a paisaxe cultural da zona. Durante a reunión, analizáronse os documentos expostos á información e valoración pública entre o 4 de marzo e o 17 de abril de 2024, incluíndo a Solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI), o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e o Proxecto para a implantación da industria e as súas infraestruturas asociadas.

O profesorado do departamento considera que os informes presentados son insuficientes no relativo ao patrimonio cultural, xa que carecen de estudos específicos e exhaustivos sobre o conxunto de bens culturais da zona. Só se tivo en conta unha pequena parte do Camiño de Santiago francés, o Castro de Remonde e o Castelo de Pambre, xunto coa súa área de protección. Neste sentido, o departamento coincide coas recomendacións do Comité Nacional Español do ICOMOS, que no seu comunicado do 17 de abril de 2024 suxeriu a necesidade de realizar unha Avaliación de Impacto Patrimonial Independente.

Esta avaliación debería considerar os diversos bens patrimoniais da zona, así como os posibles impactos visuais, acústicos e de percepción que a fábrica e o seu contexto poderían ter. Ademais, as medidas de mitigación propostas nos informes actuais son consideradas insuficientes. Os informes destacan principalmente o impulso económico que a fábrica xeraría coa creación de emprego, sen abordar os prexuízos económicos nos ámbitos turístico e patrimonial, vertebrados principalmente polo Camiño de Santiago francés, recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1993) e Primeiro Itinerario Cultural do Consello de Europa (1987).

En cumprimento do requirimento de ADEGA, o Departamento de Historia da Arte da USC solicita por unanimidade que se realicen os estudos patrimoniais independentes pertinentes e que se paralice o proxecto mentres eses estudos non se leven a cabo.

Escrito por

Equipo técnico de Historia de Galicia

Pode que che interese...