Relatos épicos, reinos de fantasía e figuras mitolóxicas, Romanticismo Negro no Samaín
O Romanticismo Negro reverenciouse con ambientes atmosféricos e ricos. Os relatos épicos, os reinos de fantasía e as figuras mitolóxicas que o compoñen alentaron crear con imaxinación. Este estilo evoca impresións de abraio, enigma, profundidade, concibindo escenarios que fan atravesar mundos de antigas lendas e transportan a presenza de deidades primitivas, espectros ou meigas mais grandes que o propio Tempo.
E, precisamente, a conferencia A Maxestade do Averno. O selo do Romanticismo Negro na arte galega e da Europa, a cargo de Iria-Friné Rivera Vázquez, mostrará a historia do Romanticismo Negro dende 1750 a séculos adiante. Nela explóranse a Natureza, as criaturas e a cultura que inspiraron. A Literatura e a Arte, moi especialmente, descubriron un ambiente misterioso e maxestoso que dende Europa pousou nas plumas norteamericanas. O século XIX consolidou historias e imaxes fascinantes, onde a maxia e o horror daban a man a beleza, as civilizacións antigas e os saberes perdidos, entrelazándose coa realidade, as ciencias, o humorismo, a actualidade ou o carácter humano.
Nesta conferencia veráse como recolléronse os contos, as estéticas e os imaxinarios que descansaban en obras e artistas do pasado, así como nos mais recentes etnógrafos, historiadores e escritores. Aquí unha relación de destacadas mulleres, homes e correntes: Gustav Doré, Drácula (1897) de Bram Stocker, a cultura popular, Arnold Böcklin, o estilo Gótico, Xulio Verne, Edgar Allan Poe, Manuel Murguía, Caspar David Friederich, Amelia B. Edwards, Théodore Géricault, Arthur Conan Doyle, Johann Heinrich Füssli, William Blake, as feiras, Herbert George Wells, o Simbolismo, František Kupka, Washington Irving, John Collier, Pierre Amédée Marcel-Beronneau, os irmáns Jacob e Wilhelm Grimm, Odilon Redon, a maxia, Edvard Munch, Gustav Klimt e Mary Wollstonecraft Godwin (casada Shelley) con Frankenstein ou o Moderno Prometeo (1818).
As datas e espazos onde terá lugar dita conferencia son as seguintes:
Asociación Cultural Alexandre Bóveda — A Coruña, mércores 23 de Outubro as 19:30.
Museo Provincial de Lugo — Lugo, xoves 24 de Outubro as 19:00.
Casa da Cultura — Porto do Son, venres 25 de Outubro as 20:30.
Librería Espazo Nóbel — A Coruña, mércores 30 de Outubro as 19:00.
As pinturas, ilustracións e obras destas personalidades acadaron a inmortalidade con artistas —especialmente das vangardas— fascinados con eles. Resulta significativo que ao mesmo tempo que floreceron as ilustracións de Harry Clarke sobre Poe e a literatura de Howard Phillips Lovecraft nas décadas de 1920 e 1930, creando un universo mitolóxico, Vicente Risco emerxeu como o pioneiro dunha literatura de terror e fantasía repleta de referencias artísticas. As súas visións sobrenaturais, como as plasmadas de xeito primixenio por Camilo Díaz Baliño e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, foron ao paso do cinema.
Autorretrato como Nosferatu. 1922. Camilo Díaz Baliño. Fondo Isaac Díaz Pardo. Gaiás — Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. Díaz Baliño representouse a si mesmo como «Nosferatu» tras a sua visita a Alemaña, cando o filme de Murnau estaba nas pantallas.
Friedrich Wilhelm Murnau con Nosferatu. Unha sinfonía do Horror (1922) influíu en Díaz Baliño. Castelao adiantouse nas imaxes de terror de Brancaneves (1937, Disney). A eles únese Francisco Asorey nun tempo no que en Europa se proxectaban Vampyr — A Meiga Vampira (1932, Carl Theodor Dreyer) ou Sweeney Todd: o barbeiro diabólico de Fleet Street (1936, George King). E estudios como a Universal nos anos 30 proxectaban Drácula (1931, Tod Browning e Karl Freund), Frankenstein (1931) e A noiva de Frankenstein (1935, ambas de James Whale) e A Momia (1932, Karl Freund). Igualmente artistas como Arthur Rackham e Charles Addams —creador en 1938 da Familia Addams— ilustraban libros e revistas.
Maila Nurmi, pioneira do horror e a televisión, como Vampira en 1954. Nurmi tomou diferentes referencias artísticas para crear a estética do personaxe de «Vampira», dando lugar a unha caracterización que influíu durante décadas.
O estilismo tétrico e o seu avant-glamour tería na arte galega outros dous artistas estrela: Urbano Lugrís e Luís Seoane. Eles serían, xunto a Vicente Risco (que publicou obras como Satanás. Biografía del Diablo en 1956), a progresión do camiño iniciado nos anos 20. As súas imaxes, como as xeradas décadas atrás, resultaron atemporais na época de artistas como Maila Nurmi, Mario Bava ou filmes como Вий (Viy, 1967) de Konstantin Yershov, Gueorgui Kropachov e Aleksandr Ptuschko. Árbores que emerxen do mar coas súas ramas ardendo, homes-lobo, feiticeiras, esqueletes vivos, vampiros, paisaxes na tebra e seres fantasmagóricos transcenderon ata hoxe prendendo o facho da imaxinación e o xenuíno.