A arqueóloga Beatriz Comendador revela un novo indicio de pintura rupestre en Ourense
A tarde deste xoves, 28 de novembro, no marco do Ciclo de Outono conferencial do Museo Arqueolóxico de Ourense, a profesora da Universidade de Vigo e arqueóloga Beatriz Comendador dirixe a ponencia “E ti que pintas aquí?”, que revela o indicio dunha posible pintura rupestre no terreo do Val de Monterrei.
Durante a charla, Comendador exporá detalles sobre este último achádego, así como comentará as achegas recollidas durante os dous últimos anos de traballo. A través destes, foi posible retirar a crenza dunha ausencia de pintura rupestre en Galicia: os da Cova dos Mouros en Lugo, as pinturas de Casaio, e as do Penedo Gordo e Castro Lobarzán, en Monterrei, ás que viría a sumarse o novo descubrimento.
O acto ten lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a partir das 19:30 horas, no segundo andar do edificio. A entrada, ata completar aforo, é de balde.