A lingua galega, a morta vivinte buscada en cemiterios lucenses por profesoras e alumnado do IES Anxel Fole
Concienciar sobre o uso do galego e normalizar o loito e a morte? Dende o equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Ánxel Fole, en Lugo, as profesoras Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias deron coa actividade que fai afirmativa a resposta. Dende uns anos atrás, as docentes lograron integrar “Dende Lugo para o alén” no calendario académico, que se trata dunhas saídas co estudantado ata camposantos parroquiais para a observación da presencia do idioma en inscricións lapidarias, ben as referidas ás defuncións ou ben ás da propiedade dos panteóns.
O traballo que a comunidade educativa folense realizou ata o momento, en catro cemiterios de diferentes parroquias lucenses, forma parte da Cartografía do uso do galego nos camposantos, un mapa interactivo realizado polo xornalista David Canto e presentado na última edición dos Encontros para a Normalización Lingüística do Galego, do Consello da Cultura Galega. A información recollida foi tamén difundida no sitio web de difusión do contido da institución, A Fala do Fole.
Na súa última caza de mortas vivintes, o estudantado de 4º do Programa de Diversificación Curricular do IES Ánxel Fole, Ana Rodríguez e Lines Salgado deron con tres especímenes no camposanto parroquial de Adai. Na realización da actividade, conseguiron facer tempo ata para viaxar máis atrás no pasado da entorna.
Ferramentas indispensábeis para a investigación
Con mapa do cemiterio e táboa analítica na man, alumnos e profesoras comezan a súa labor de contabilización. Esta, para a posterior realización da porcentaxe da presenza da lingua, segue unha premisa inamobible: só computan as que están clara, e completamente, en galego; as ambivalentes ―como nomes ou apelidos― quedan fóra. Salgado incide na “vontade de estar en galego” o que xustifica esta metodoloxía de descarte. Unha vez localizados os elementos lapidarios nos que latexa o galego, é o turno de fotografar elementos, debuxar a súa localización e anotar as súas especificidades.
A tarefa é ardua. Nas saídas aos catro primeiros camposantos parroquiais de Lugo estudados, só atoparon tres placas en galego na súa totalidade, estando completamente castelanizado o de San Lourenzo de Albeiros e o galego repartido entre os de San Lázaro da Ponte, San Pedro de Fiz de Muxa e de Santiago das Saamasas. Ademais, require de ter o ollo fino, como ben apunta Rodríguez ao lembrar o paso por este último e terlle pasado “desapercibida” a única placa, “pouco visible, colocada tras unhas flores”: “Foron dúas alumnas as que a viron, así que traballaron especialmente ben”.
Semente pedagóxica: curiosidade polas verbas e emocións
Sobre a motivación no estudantado, como bós galegos e do vello recurso vital do depende, “hai grupos que teñen máis interese e outros que non”. Rodríguez incide, pese a todo, en que “hai que confiar” e en que o profesorado só pode optar por unha actitude, a positiva: “O profesorado pon a semente, logo se verá se xermina ou non”.
Dende a súa proximidade diaria para coa xuventude, tanto Salgado como Rodríguez albiscan entre os adolescentes certa falta de normalización ao respecto da morte. Esta segunda concreta que, nas primeiras saídas programadas ao cemiterio municipal da cidade da muralla romana, “moitos dos alumnos nunca entraran a un cemiterio“: “Tiñamos a pretensión de facer educación emocional“.
A lembranza, mellor na propia fala
Os camposantos e ritos funerarios son outro eido máis no que realizar, e a poder ser obtendo boa cualificación, a “tarefa pendente” no uso do galego. Rodríguez alerta sobre o contaxio do proceso diglósico do mundo dos vivos no dos mortos: “Utilízase o galego no familiar e non no público. Hai persoas que falaron galego toda a vida e son lembradas nos cemiterios en castelán”.
Volve a sacar a parte positiva, esta docente cunha “obsesión de seu” polos cemiterios e o rastrexo da presenza do galego que “vén de vello”, facéndoa capaz de datar un propio “despois do Galego” nas inscricións lapidarias en camposantos: “Antes do ano 2000 non se atopa ningunha placa, foi a partir de aí cando xa se empezou a dar un incremento”.
Un paso máis aló na historia de Adai
Logo de realizar a investigación no camposanto da parroquia de Adai, o grupo aproveitou para observar o pasado do territorio articulando o verbo dende outro pretérito. No “escape” das instalacións do centro, as profesoras Rodríguez e Salgado planearon un roteiro pedagóxico co alumnado polo complexo arqueolóxico de Pedra Fita, pertencente ao mesmo sitio lucense.
Dolmen, círculo lítico, altar megalítico… Estudantado e profesoras achegáronse ao paso ―e persistencia― do megalitismo elaborado polas xentes habitantes do Adai durante o Neolítico e Idade de Bronce.