Abre ao público o forte militar romano de Ciadella, o segundo musealizado en Galicia, tras anos de obras
Os dispositivos de traballo encargados do proxecto no campamento romano de Ciadella, situado no concello coruñés de Sobrado dos Monxes, veñen de rematar as actuacións incluidas no Plan de intervencións arqueolóxicas da Xunta para este 2024 que, cun orzamento total de 16.758 euros, incluían labores de conservación e a mellora das condicións para o acceso ao público.
O de Ciadella supón, xunto co situado na localidade ourensá de Bande “Aquis Querquennis”, un dos dous fortes militares estables da época romana que se conservan actualmente en Galicia. A un tempo, este campamento pertencente á parroquia de Santa María de Ciadella é un dos catro cos que conta coa titularidade a administración galega.
Características arquitectónicas e historia
O forte, ocupado entre os séculos II e IV d.C. pola unidade militar cohors I Celtiberorum, conta cunha planta rectangular de esquinas redondeadas, cunhas dimensións aproximadas de 178 metros por 148 metros. A súa extensión é de 2,63 hectáreas, sendo delimitado por unha muralla e un foso no seu perímetro. O seu interior aparece planificado cunha trama ortogonal pola que se distribuían as diferentes edificacións militares feitas en pedra (barracóns, pretorio, principia, hórreos…).
Nos últimos traballos no campamento de Ciadella foi descuberta unha ara, ou altar, de orixe romana que fora reaproveitada nun dos muros da infraestrutura. Durante os vindeiros meses, esta será restaurada. Así mesmo, tamén se dotou ao espazo dunha aula interpretativa artellada ao abeiro das distintas actuacións realizadas no sitio histórico. Os avances importantes previos neste xacemento datan do 2020, realizados por un equipo de expertos da Universidade de Vigo dirixido polo Doutor en Arqueoloxía Adolfo Fernández.