fbpx
San Miguel de Cabreira, en Salvaterra de Miño. Fonte: USC.

Aparecen na exhumación da fosa de San Miguel, en Salvaterra, os corpos de posibles desaparecidos en Moaña no 1936

Tempo de lectura: < 1 min.

O pasado 18 de novembro, o grupo Histraga do Centro de Investigación Internuniversitario de los Paisajes Atlánticos Culturales (CISPAC) iniciou os traballos de exhumación na fosa de San Miguel de Cabreira, en Salvaterra do Miño. Aínda que, polo momento, o equipo non pode definir conclusións definitivas ao respecto do achado, foron atopados os corpos de catro individuos que, segundo os colectivos de Memoria do Morrazo, poderían estar relacionados con cinco desaparecidos en Moaña no 1936.

As familias, concretamente unha filla e unha sobriña, reclaman a súa busca, exhumación e identificación, así como a entrega dos restos humanos. Estas contan coa colaboración da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e investigadores locais, dende o que Conchi López, historiadora do proxecto, apuntaban estas desaparicións como principal motivación: “Buscabamos o enterramento de cinco persoas que foron inscritas no rexistro civil de defuncións como descoñecidas o 19 de outubro de 1936, tras ser paseadas no lugar de Curros, a un escaso quilómetro do cemiterio onde foron inhumados”.

López explica que os traballos na fosa “foron complicados debido a que é un espazo que presenta unha estratigrafía complexa e un terreo que foi parcialmente alterado”. Na escavación atopáronse importantes niveis de recheo “ata chegar a localizar o enterramento de dous individuos, que foron exhumados para poder analizar os seus restos e comprobar se son vítimas da violencia golpista de 1936”. Nunha segunda fase, e unha vez chegado ao substrato natural, optouse por realizar unha ampliación, na que apareceron indicios de dous enterramentos máis, nos que se está traballando actualmente.

Pode que che interese...