Artesáns da Mariña materializan a concienciación sobre o alzhéimer no Museo do Mar de San Cibrao
O Museo do Mar de San Cibrao, no concello de Cervo, acolleu este xoves, 21 de novembro, unha convención de máis dunha vintena de artistas para a presentación das súas creacións realizadas no marco do proxecto ’21 S(empre)’, sobre o alzhéimer, da institución. Na xuntanza, os artesáns puideron expresar as súas visións ao respecto das conscuencias da enfermidade dexenerativa e outras tipoloxías de demencias nas persoas que as padecen, así como nos seus vínculos próximos.
A través de bolsas de tea elaboradas con diversos materiais, os artesáns Caxigueiro, Juanel, Celso Dourado, Mauro Leivas, Martín Lestao, Belén Mogo, Neira Brochs, Chus Lage, Carmen Llonín, Ignacio Castro “Nachok”, Galiensoup, Lu Vila, Julián Bouza, Alicia Puchades, Carmen Porteiro, Pedro Cabarcos, María Martín, David Catá, Hipólito Xeada, Laura Díaz e a redeira Mª Jesús Alonso López compuxeron o gran abano que contén o proxecto, de carácter arístico e social.
A deputada de Cultura, Iria Castro, estivo presente no acto e agradeceu “a implicación e a xenerosidade de todas e todos os artistas que se sumaron á iniciativa, cedendo o seu talento e o seu tempo para visibilizar o impacto sanitario e social do alzhéimer e das demencias desde este museo, que conta cunha larga traxectoria de colaboración co tecido asociativo e asistencial vinculado ás demencias”. Destacou, asemade, a implicación e “vontade” dos museos provinciais á hora de abordar problemas de comunidade e sociedade.