fbpx
Esquema sobre a foto do voo americano de 1956/57, co cauce natural do río sinalado polos puntos azuis e sentido da corrente; a canle de derivación e túnel galaico-romano en vermello; e o muro-presa, canle e túnel do proxecto de Steven en marrón.

Así foi o proxecto mineiro belga que buscaba o ouro romano de Montefurado

Tempo de lectura: 4 min.

Artigo de Óscar Pazos, xeólogo e investigador

O pasado domingo, 3 de novembro, a Asocación Boca do Monte organizou unha andaina arredor do Montefurado do Sil en Quiroga, disque a obra máis rara e senlleira do Imperio Romano na Galiza. Alí fun para presentar achegas sobre as esquecidas tentativas para re-explotar o ouro entre 1914 e 1929, as do belga Henri Steven, así como para presentar unha nova hipótese sobre o sentido xeral da obra no seu contexto xeomineiro e histórico, ademais dalgunhas cuestións problemáticas e aínda por resolver sobre o deseño e funcionamento desta gran infraestrutura mineira.

Ao problema de ser unha obra con pouquísimos paralelos conservados, engádense as destrucións acontecidas no Montefurado nos últimos 150 anos, que deturparon completamente seu aspecto orixinal; a última, e seica a máis doenta, a construción da estrada da N-120, que abriu un novo túnel e partiu ao medio a vella obra, sepultando a canle cavada de derivación para levar as augas do Sil cara á Boca do Monte, desviando máis unha vez o curso do río para deixalo como hoxe o ollamos.

Esquema sobre a foto do voo americano de 1956/57, co cauce natural do río sinalado polos puntos azuis e sentido da corrente; a canle de derivación e túnel galaico-romano en vermello; e o muro-presa, canle e túnel do proxecto de Steven en marrón.

En 1914, Henri Steven, veciño de Gilly, en Bélxica, rexistrara co nome de “Santa Marta” unha solicitude de 20 pertencias mineiras de mineral de ouro no Montefurado. A Grande Guerra adiou seus plans, mais en abril de 1918, Steven, na altura afincado en Bilbao, presentou o “Proxecto de terminación das obras de desviación do río Sil”, en Montefurado, que, con algunhas mudanzas no deseño da presa, foi aprobado en abril de 1919. Semella que os traballos de explotación iniciáranse xa antes de chegar os permisos, e por un artigo na revista gráfica viguesa ‘Vida Gallega’, con data de 25 de maio de 1920, sabemos que as obras do desvío, presa, canle e un furado paralelo ao galaico-romano estaban xa rematadas, e que unhas poderosas bombas estaban prontas para, ese mesmo verán, deixar seco o túnel da Boca do Monte e explorar “un pozo” que, se pensaba, había no fondo e acumulaba o ouro de 20 séculos.

Reportaxe gráfica da revista ilustrada “Vida Gallega”, de maio de 1920, amosando distintos aspectos das obras de desvío do Sil feitas por Henri Steven.

Unha desaparición do mapa impulsada polo impago de taxas

Resulta bastante improbable que Steven conseguira dar con ese suposto pozo e, mesmo, aínda está en cuestión o sentido xeral do proxecto, tendo en conta que o segundo túnel desaugaba augas arriba da saída do túnel galaico-romano, e por tanto vertía sobre el inundando por ese lado o túnel de Montefurado. O que si sabemos de certo é que en setembro de 1923, o Boletín Oficial de Lugo publicaba a cancelación do expediente e caducidade do permiso mineiro Santa Marta por impago de taxas, polo que as pertencias pasaban a ser francas e rexistrables de novo. O rastro de Steven reaparece no BOL en 1927, ao reclamarlle o Estado unhas taxas mineiras nunca pagara, e aínda un tal “Quirós Steven de Bilbao”, seica o propio Henri, aparece en 1960 no Boletín Oficial de Lugo por mor dunhas 267 pesetas esquecidas nunha conta bancaria aberta no 1918, cando fora presentado o proxecto. Após 1920, o malfadado Henry Steven desapareceu do mapa.

Do seguinte episodio mineiro temos apenas noticia indirecta dada pola xornalista gráfica americana Ruth Matilda Anderson que, nos seus diarios, deixou referido un encontro casual o 26 de decembro de 1924 cun tal Sr. Barber, encontro que tivo lugar “na montaña sobre o río” á que Mathilda subira para fotografar “as ruínas romanas”. Por desgraza, esas fotografías non foron aínda publicadas, á espera de que alguén as atope na Hispanic Society en Nova Iorque, onde hoxe está depositada a colección dela. Non entanto iso non aconteza, contamos con este rexistro escrito de que o Sr. Barber era un enxeñeiro a traballar para unha compañía inglesa e que aseguraba “axiña” tería unha chea de homes nun pozo cavando un novo túnel por baixo do río, isto para dar coa mina de ouro que os romanos abandoaran.

Renacemento como “Consuelo” e de propiedade santenderina

Da enguedellada historia, seica por malentender Anderson a Barber, ou por un problema coa tradución das memorias, chama a atención a mención ao “pozo”, que lembra aqueloutro que mencionaba “Vida Galega”ª. O certo é que dese proxecto do misterioso enxeñeiro Barber non hai referencia documental algunha nin resto material, e a hipótese é que nada do anunciado sucedeu finalmente. Por novelar, non semella dificil imaxinar un entolecido Henri Steven vadiando pola zona e finxindo ser, de novo, un enxeñeiro a traballar nun proxecto para apañar o tesouro esquecido polos romanos -quen sabe?-. Aínda en 1929, Arturo Díaz Tejeiro Arrucoechea, veciño de Santander, solicitou as 20 pertencias que foran da mina “Santa Marta”, francas dende 1923, renomeándoas “Consuelo”. Este acto administrativo foi a derradeira tentativa mineira para voltar a beneficiar o ouro do Sil no máis célebre montefurado do Imperio Romano.

Foto dos participantes na andaina organizada pola Asociación Boca do Monte, de Anguieiros-San Miguel de Montefurado, Quiroga.

A andaina coa Asociación Boca do Monte partiu da aldea de Anguieiros, de aí fomos identificando polo camiño algún dos inúmeros indicios da minaría antiga e moderna da rexión, os restos dos traballos feitos por Henri Steven no Montefurado, e outras alteracións e deturpacións modernas desta infraestrutura. A investigación da historia moderna do Montefurado do Sil é impresicindible para tentar reconstruir a feitura orixinal desta infraestrutura, e poder interpretala correctamente no seu contexto xeomineiro, que non foi outro que o do gran ciclo do ouro galaico-romano.

Pode que che interese...