Castaña “made in GZ”: dende os soutos galegos a chourizos sen glute ou cervexa
A múltiple oferta de formatos nos que, hoxe, é posible consumir a castaña, con bagaxe celta e vencellada ao Samaín, é tal que ata mete medo. Este ano, a campaña da recollida do alimento en Galicia vén retrasada, segundo indicaban a finais do mes de outubro dende a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. Pese a todo, agardaban unha mellora na calidade do produto. Isto, xunto coa creatividade e explotación deste ben autóctono por marcas galegas, é unha boa nova para os seus fieis e amantes.
A celebración dos magostos atópase, estas semanas, no seu clímax. Todos os galegos, dende os habitantes de parroquias como a coruñesa de Ordes aos de centros urbanos como Ourense, temos próxima unha lareira na que poñer as castañas a asar. É posible cocelas ‒facéndoas acompañantes, incluso, dun ovo fritido‒ ou conxelalas mais, coñeces aqueles produtos que nos permiten desfrutar da Castanea sativa incluso fóra de tempada?
En empanada ou sticks
O Pan de San Antonio, que conta co seu forno no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, segue a receita das nais e avoas caldenses na súa empanada de chourizo, panceta e castaña. Tendo á súa disposición un medio de transporte refrixerado, a panadería posibilita o desfrute das súas elaboracións en calquera punto da Península en menos de 24 horas.
O mercado galego suma tamén a dispoñibilidade do froito como embutido. Sen necesidade de agardar á matanza invernal do porco, a marca coruñesa Casa da Avoa elabora un chourizo de castaña e carne magra sen glute nin lactosa, cunha liviá presenza do pimentón. Este último faise co protagonismo nos seus sticks “Fuegho”, chourizos cos mesmos ingredientes ofertados nun formato máis pequeno ‒pero matón‒.
Da botella ao vaso
A castaña, saíndo do prato ou cono de papel, pode tamén actuar como maridaxe. A marca Os Maios, afincada na parroquia de San Clodio de Leiro, en Ourense, elabora licores galegos coa Denominación de Orixe Ribeiro. Entre a súa gama de produtos, atopamos un licor de oruxo e castañas elaborado de forma tradicional e a partir da materia prima local.
A Corporación Hijos de Rivera, xa no 2018, decatouse da boa química entre o froito e a malta de cebada. Empregando este sobre auga da cidade herculina, xunto con outros ingredientes, oferta a cervexa Estrella Galicia de Castañas, cunha graduación de 5,7 e de baixa fermentación.
Para untar
Dende Ourense, Terra de Baronceli, ademais de abranguer o figo ou o arando, inclúe a castaña dentro da súa liña de marmeladas ecolóxicas. Sen aditivos nin espesantes, esta marca de Verín oferta o perfecto unto para tostas. Sen mudar de provincia, en Vilardevós, Souto da Trabe dispón de crema de castaña que produce ben acompañada de boletus ou ben de chocolate.
Como postre
A castaña pode ser ese toque doce perfecto para o remate dunha comida grupal ‒ou, para os máis lambóns, o idóneo almorzo ou merenda‒. O Grupo do Noso, a través da sinerxia das cociñas italiana e francesa coa galega, empregan o glassé para a creación de bombóns con chocolate así como para a oferta da propia castaña “glaseada” envasada ao vacío.
A queixería ourensana As Pintureiras, baixo o nome “Baralletas”, oferta unhas galletas elaboradas a partir de fariña de castaña e trigo, xunto con ovo e azucre. Os mesmos ingredientes son compartidos co seu outro produto, agora de forma enlongada, “Garabullos”.
Dende os soutos dos montes de Folgoso do Courel, en Lugo, aos estómagos das persoas intolerantes ao glute, Morriñas de Castaña oferta, dende o 2006, este mesmo postre tradicional. As persoas que busquen mercar de forma consciente para co medioambiente atopan nesta marca a súa mellor aliada: ademais de garantir un envasado sostible, destina parte dos beneficios económicos xerados diríxeno á repoboación dos bosques galegos con castiñeiros.
De preferir bica, podes atopar a túa elección nas ofertadas baixo as firmas da manzanedense Amarelante ou Sofragal, en Nogueira de Ramuín. Ambas son realizadas con produtos de proximidade e seguindo as receitas tradicionais e, na súa variada gama, podes atopar a propia fariña empregada para ser ti quen se poña “mans á masa”.
Se, no canto de enfornar, prefires seguir outras receitas, Galicia Gourmet, contando co selo da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, dispón do perfecto picón de castaña para rebozar alimentos. A que esperas para apoiar ao variado escaparate galego sumando o desfrute deste capricho do outono?