fbpx
Presenza dos arqueólogos en Pensión As Viñas. A Pobra do Brollón.

Cidade da Selva; vidas, nomes e historias na loita pola liberdade dende os montes de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

A Universidade de Binghamton, en Nova York, foi escenario das primeiras conversas e preguntas autoformuladas sobre a guerrilla galega en Casaio entre Carlos Tejerizo, director do proxecto arqueolóxico do enclave e director da asociación científica ‘Sputnik Labrego’, e Xurxo Ayán, arqueólogo do Instituto de História Contemporânea NOVA de Lisboa e director do proxecto arqueolóxico en Repil, na Comarca de Lemos.

No 2017, ferramentas e curiosidade de ‘sputniks’ e guímaro iniciarion o estudo do legado antifranquista nos montes de Carballeda de Valdeorras. Hoxe, impresa no papel da editorial Positivas, queda saldada ―ou preto de estalo― unha débeda histórica en Ciudad de la Selva. Historia e arqueoloxía da guerrilla nos montes de Casaio.

Entoando o cántico “somos do clube das Morteiras: por camiños, por canteiras…”, o equipo, formado entre outros, por Alejandro Rodríguez, Miguel Riaño ou Laura Martínez fixo posible a articulación de nomes e rememoración de historias involucradas en décadas, e forma de vida, anteriormente inobservadas no noroeste peninsular.

Tejerizo, Ayán e o editor de Positivas, Paco Macías.

A súa loita contra o olvido “pecha o círculo”, como verbaliza Ayán, coa publicación do monográfico, que acompaña a divulgación deste relato de “longo percorrido” iniciada no 2022, coa estrea dunha peza documental que “percorreu todos os cinemas de España”.

Os escavadores fan o mesmo camiño “á casa”, tras unha xornada ca tras sete anos

Entre os recunchos da Pensión As Viñas, a presenza do equipo de arqueólogos.

Tejerizo asocia á Pensión As Viñas, no concello lucense de A Pobra do Brollón, como “casa”. Sentado nun dos sofás de coiro do salón, rememora as voltas tras as xornadas colaborativas, entre ambos arqueólogos e o resto do grupo de traballo, no Castro de San Lourenzo e Casaio.

O salmantino presume de estar xa galeguizado en fala e costumes e ve, na publicación, esta mesma capacidade de recolleita: “O libro devolve todo o que aprendemos en tantas pegadas e tempo polo monte“. Sinala, asemade, a súa capacidade sanatoria: “Queremos que as xentes de Casaio acumulen o coñecemento que puidésemos dar para pechar as feridas abertas“.

“Casaio conecta co Mundo”. Entre as carátulas, acóllese unha das “primeiras historias de guerrillas antifranquistas de toda Europa”, abrindo unha rede de ‘sputniks’ espallada por Brasil ou Italia, que levou aos Sputniks ata as xeografías de Brasil ou Italia, onde estudan os partisanos. Mentres o equipo mantén a actividade en torno ao wolframio, o caso da resistencia antifranquista en Carballeda “queda en mans doutras persoas o retomalo”.

“Hai oitenta anos” que esta historia non fixo máis que comezar para persoas coma Cazi. A súa experiencia é un exemplo da arqueoloxía como “creadora de novas ligazóns” que argumenta Tejerizo: “É a neta dun dos guerrilleiros que, pola represión que viviu a súa familia, tivo que emigrar a Bélxica. Volveu a Casaio e, co material rescatado, fixo unha reinterpretación artística para unha exposición. Este traballo conseguiu pechar unha ferida individual”.

No “poder do relato humano”, o arqueólogo apunta un do ut des entre arqueoloxía e individuo: “O traballo na paisaxe crea memoria, así como as experiencias persoais nos levan a onde existe”. Conta un caso “que conecta con toda a historia”, o de Alfredo, quen, de neno, quedou “abraiado pola cantidade de xamóns” nun dos campamentos de Casaio, ao que o convidaron dúas guerrilleiras: “Grazas ás súas indicacións chegamos ao terreo no que convivían vinte persoas entre tres casas. A referencia á comida amosa que os guerrilleiros contaban cuns medios dos que carecía a xente do común, convertíndoos nun verdadeiro perigo para o Franquismo”.

Camiseta deseñada para o financiamento do documental audiovisual.

Teresa, unha de “tantas”: a muller como pulsión, e diana, na loita antifranquista

Para Ayán, “un dos grandes avances historiográficos é a perspectiva de xénero”. A monografía plasma os “casos estremecedores” presenciados nestes montes. A terra de Casaio é outra das ligadas á coñecida como xuridificación do terror, que empregou “o corpo feminino como campo de batalla”.

Os Tribunais militares perpetuaban os actos represivos contra sublevados a través dos seus vínculos emocionais; mulleres como Teresa, asociada a Repil e privada de liberdade no Cárcere das Ventas. Olga Novo, presente no acto, humaniza os efectos desta práctica deshumana en Consuelo, quen buscou, xunto co seu namorado Arcadio, o “ideal de liberdade” dende a “Selva”: “Fuxiu a Casaio tras o asasinato dos seus pais e os seus dous irmáns e, posteriormente, exiliouse a Francia”.

Entre as tantas “mulleres silenciadas e invisibles que merece a pena estudar”, Novo apunta asemade a unha veciña de Piñeiros: “Casou cun concelleiro de esquerdas que foi encarceado no 1936. Máis adiante, é empregada como enlace na guerrilla de Repil”. O movemento de resistencia antifranquista non sería sostido sen a acción da figura feminina, un “punto de enlace” ao “carretar comida” ou “levar roupa limpa” ás comunidades de guerrilla. Continuando a cubrir as necesidades domésticas, nestes montes, “xogábanse a vida”.

Só un nome do tecido de resistencia e apoio

Quique, do Bierzo, é a única testemuña viva de Casaio. Para Ayán, o traballo “chegou tarde”, coa meirande parte dos protagonistas mortos. Pese a todo, recalca o seu valor á hora de “potenciar a materialidade e paisaxe da guerrilla para seguir indagando neste proxecto, de referencia na Europa contemporánea polo apoio popular que contivo“.

Para Tejerizo, esta franxa da historia é un “momento gris”, contando con escasos anacos experienciais que signifiquen o seu conglomerado. Isto é indicador da “urxencia” da implicación en eventos como o da Ciudad de la Selva, que os “saca a debate cara o público” e “recupera vivencias”: “No futuro, o único que quedarán serán eses obxectos. De xeito colectivo, temos que nos esforzar por recuperar as vidas pasadas antes de que morran”.

Pode que che interese...