Edovio, o deus galaico das augas termais probablemente venerado antes dos romanos
A asociación veciñal Terra Calda deu conta da localización en Caldas de Reis dunha nova ara galaico-romana dedicada a Edovio. É a terceira ara romana adicada a este divindade, o que reafirma a existencia dun santuario termal cun forte culto a ela xa desde antes da chegada dos romanos.
Edovio é unha divindade asociada ás augas termais cunha presenza notoria na vila de Caldas, a antiga Aquis Celenis. A primeira ara galaico-romana a Edovio, foi atopada o redor de 1798 nunha arqueta da burga. Desapareceu no 1909 despois de ser exhibida na Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago. Unha réplica coroa a fachada do Balneario Dávila. A segunda apareceu en 2008 nun solar da Rúa Laureano Salgado, tamén moi preto da burga, e está depositada no Museo provincial.
As aras votivas son pequenos altares pétreos ofrecidos como promesa ou como voto cumprido aos deuses. “Na antiga Roma era frecuente construír estes elementos para render culto aos seus deuses pero tamén ás veces aos dos pobos conquistados, adoptando deidades indíxenas de forte arraigo pero romanizando as formas de culto”, como explica o xornalista e escritor Fernando Salgado en Faro de Vigo.
Localización
A ara foi localizada de maneira fortuíta por membros da Asociación veciñal Terra Calda nunha leira particular, onde o seu descubridor a levou despois de atopala nun vertedoiro de cascallo de obras acometidas na vila de Caldas, explica Salgado Varela. Tras informar do achado á Dirección Xeral de Patrimonio, a peza foi envidada ao Museo de Pontevedra.
A Lei do patrimonio cultural de Galicia indica que os descubridores de achados casuais “deberán comunicalo de inmediato á consellería competente” e contempla tamén unha recompensa ou premio equivalente á metade do valor de tasación. Fernando Varela apunta que aínda que inicialmente o descubridor descoñecía o interese arqueolóxico da peza, unha vez informado “ofreceu total colaboración para o traslado da peza ao Museo”.
A Xunta dá outra versión
Con todo, a Xunta remitiu este martes un comunicado no que asegura que foron axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Santiago de Compostela, en colaboración co servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, os que acharon esta ara de orixe romana sen apuntar en ningún momento que xa fora achada e comunidada pola entidade Terra Calda.
“Tras realizar diferentes pescudas localizouse a ara e procedeuse á identificación do propietario da parcela onde se atopaba ao que se lle tomou declaración co obxectivo de determinar a orixe deste elemento“, indica nun comunicado. Os axentes procederon a precintar a zona ata que se ditou a resolución. Así, posteriormente, a Dirección Xeral de Patrimonio acordou o traslado ao Museo de Pontevedra.
Ante este novo achado, a asociación Terra Calda defende a necesidade de crear un centro museístico na vila, que recolla e estude o rico patrimonio arqueolóxico de Caldas.