Karan Novo, organizador do ‘Festival EmigraSON’: “Representamos a diáspora dende unha maneira diferente de vivila”
De terceira volta, o Festival EmigraSON constrúe en Bruxelas a súa propia “Nueva Casa de Galicia”, amoblándoa coa cultura da terra na “súa nova forma de vivir a diáspora”. Así o concreta Karan Novo, galego asentado na cidade ‒ou “crisol cultural”‒ e un dos promotores do evento musical, que non fai máis que medrar a interese pola identidade embarcada, entre este e demais interlocutores de “discursións feroces” para a organización, dende Santiago: “Este ano, con 1.300 entradas, tivemos que triplicar a venda“. O que semellaba ser unha “quentada imposible”, rematou por posibilitar a “creación de comunidade” entre persoas de ata trece nacionalidades.
Que treito te levou ata Bélxica?
Fixen unhas prácticas no Departamento de Proxectos Europeos da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, logo de estudar Economía. Aínda que fixen Erasmus en Polonia, esta foi a miña primeira experiencia laboral internacional. Gradueime no 2020 e, no verán, un amigo que estaba en Bruxelas díxome que viñese traballar. Conseguín unha bolsa nun despacho de strat-ups e aquí que me viñen.
As entradas saíron á venda o pasado venres, 22 de novembro. Como vai “a caixa”?
Para esta edición puxemos á venda 1.300 entradas. En comparación ao ano pasado, que foron entre 400 e 500, triplicamos a oferta e, na segunda, as duplicaramos. Agora mesmo temos o 60% destas vendidas. Prevemos, ou queremos porque sería marabilloso crear tanto interese, facer SOLD-OUT.
Tedes audiencia fiel?
Temos compradores moi fieis que, nos primeiros minutos, mercan a entrada. Mais, en xeral, o público vai medrando de forma natural.
Cal dirías que é o prato forte do cartaz?
Tanxugueiras. É o grupo con máis proxección, a día de hoxe, fóra de Galicia. Pensamos que son ás que lles debemos ás vendas máis alá das da comunidade galega en Bélxica. Outro aliciente son tamén Fillas de Cassandra, especialmente agora que están pegadísimas a nivel estatal entre a BSO de ‘Soy Nevenka’ e a colaboración con La Pegatina. Para nós, os catro grupos xérannos o mesmo hype e para as decisións temos debates feroces.
Cantas persoas estades na organización? Como é o reparto de traballo?
Entre seis e oito persoas organizando porque, ao facelo por “amor ao arte”, podémonos apoiar en tempo dependendo dos meses e situación laboral de cada un. Catro de nós coñecémonos no Colexo San Clemente, en Santiago de Compostela, antes de vir a Bélxica pola oferta laboral máis ampla. As sumas realizáronse de forma orgánica unha vez aquí. Algúns traballan dende Santiago de Compostela e outros dende aquí, uns máis na comunicación e outros na produción…
Cal é o obxectivo principal do festival?
Xuntarnos da mesma forma que o facíamos en Galicia, cousa que seguimos a facer nos veráns. Xuntarnos, socializar e crear comunidade.
E onde veu, e naceu, a idea?
Ocorréusenos nun festival en Galicia, entre uns amigos dixémonos: “Mira, e non molaría facer un festival así en Bruxelas?”. Ao principio pensabamos que era unha quentada imposible. Mandeille unha mensaxe ao amigo que me fixo vir a Bruxelas e acabei por convencer a Mateo González, María Dios, Gara López e Cristina Amosa para nos xuntar e facelo realidade.
Con que tipo de apoios contastes na primeira edición? E na actual?
Xuntámonos cinco persoas e contactamos cos eurodeputados Ana Miranda e Nicolás González, a quen coñecíamos por motivos laborais. Grazas a eles artellamos a primeira edición, na que a organización foi tortuosa e estresante porque non estabamos familiarizados coa xestión de eventos musicais. Comezamos a contar con máis apoio na segunda edición por parte da Xunta de Galicia, a Fundación GaliciaEuropa ou a Embaixada Española, así como de entidades privadas como Deleite. Fóronse sumando pouquiño a pouco.
Con que sensación quedan os artistas logo do seu paso polo voso cartaz?
É como unha excursión de fin de curso. Os artistas, xornalistas, creadores de contido… Todos se quedan, durante catro días, nun hotel na cidade e imos xuntos a lla ensinar. Entre eles, asemade, créase un senso de comunidade. Todos queren repetir e moitos se queren sumar, polas propostas que nos chegan ao buzón de entrada así como en persoa. Por primeira vez non traemos a The Rapants, pese a que tanto eles coma nós queremos a súa presenza, pero así tivo que ser.
Gustaríavos sumar artistas?
Nas nosas discusións feroces, e non de forma irónica, sempre quedan tres ou catro grupos fóra debido ás dificultades loxísticas ou aos escasos medios. É unha mágoa.
Como de variadas son as nacionalidades celebran a cultura galega en Festival EmigrSON?
No rexistrado, os galegos veñen dende quince países da UE, dende o do Erasmus en Atenas ao do postdoutourado en Finlandia. Veñen aquí como punto común da comunidade galega en Europa. De todo o público, ao festival veñen persoas de 13 nacionalidades diferentes. É certo que temos que ter en conta a diversidade e multiculturalidade de Bruxelas que, ao ser epicentro das institucións europeas, posibilita que todos nos acheguemos a eventos de raíces moi variadas. A cidade é un crisol cultural e a xente está moi aberta.
Un século despois, continuades o legado da diáspora.
Neste tema temos debate. Pensamos que somos unha forma de ampliar a diáspora diferente ao que tradicionalmente se considera como tal en Galicia, vinculada a Arxentina ou Venezuela. Non presenciamos a Casa Galega que había en Bruxelas, pechada no 2019, pero consideramos que representamos a diáspora a través doutra identidade ou cunha maneira diferente de vivila.
Ofertades, ademais de concertos, a cultura en múltiples formatos.
Habitualmente organizamos unha foliada o día previo aos concertos e un evento no Instituto de Cervantes relacionado coa poesía, que este ano non prevemos facer. Todo o relacionado coa música pero nas súas diferentes formas. Gustaríanos que fose máis grande e ambicioso, sumando experiencias para os asistentes pero somos nós os que temos que adiantar os fondos necesarios. Chegamos ata onde podemos. Galicia capitaliza pouco o softpower que ten, tendo en conta o nivel de recoñecemento internacional no relacionado coa gastronomía e a cultura. Non digo só para a atracción de turismo, que tamén crea problemas dentro da sociedade galega, senón para ter unha imaxe máis potente a nivel europeo e mundial.
A nivel persoal, a quen tes máis ganas de escoitar?
Terbutalina. Asócioo moito con estar en Santiago no 2015. Non están dando moitos bolos e téñolles ganas. Ao resto tamén só que un 1% máis a estes. As Fillas de Cassandra danme moita curiosidade tras o boom que pegaron. O contraste estará guai.