fbpx
Fachada leste dos actuais Xulgados do Concello de Clenaova. Fonte: Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Lembrando ás mulleres que pasaron polo cárcere franquista de Celanova, hoxe xulgados do concello

Tempo de lectura: 3 min.

Unha placa no edificio dos actuais xulgados do concello de Celanova lembrará o seu pasado como cárcere para mulleres durante a represión franquista da Guerra Civil, dende agosto de 1936 ata 1938. O próximo 23 de novembro, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e a Concellería de Igualdade do Concello de Celanova realizan un acto para a instalación da chapa conmemorativa que sinala a construción como Lugar de Memoria.

A lenda, escrita nunha placa de aceiro e ferro, será colocada na fachada e con ela será recordado o uso do espazo para a represión. No acto participarán familiares de Salud Torres Díaz e María Del Valle Lozano, que sufriron cadea e foron paseadas a finais de 1937 en Xinzo. Acompañarán ás familias a presidenta do Comité, Celia Inés Feijóo Soto, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e a concelleira de Igualdade, Teresa Barge Dapía. A inauguración da placa está prevista para as 13:00 horas dese sábado.

Na xornada participan Rosa María Cid Galante, catedrática no ensino secundario e doutora en Xeografía e Historia, e Julio Prada Rodríguez, catedrático en Historia Contemporánea pola Universidade de Vigo, que ofrecerán  sendas conferencias sobre a represión sobre as mulleres durante a guerra e a ditadura. Celebraranse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Celanova a partir das 11:00 horas.

Fachada leste dos actuais Xulgados do Concello de Clenaova. Fonte: Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

33 mulleres nun espazo para 12 persoas

Segundo as investigacións históricas, sinaladamente ás de Domingo Rodríguez Teijeiro e Pablo Sánchez, e os traballos de pescuda do Comité, o Cárcere de Mulleres de Celanova habilitouse como espazo de reclusión feminino aos poucos días do golpe de Estado de xullo de 1936. É a data na que se envía, dende a Prisión de Partido ao Director da Prisión Provincial de Ourense, un oficio no que o xefe da cadea de Celanova escribe: “Tengo el honor de participarle a usted que en esta esta prisión no cogen más reclusas porque existen 33 y la cabida es para 12; pero en el caso de que haya necesidad de recluir más pueden ser destinadas a la de Bande en la cual cogen más, o habilitar local en el convento de esta villa”.

O 29 de setembro, un oficio do Gobernador Civil de Ourense ordena ao Director da Prisión de Celanova a posta en liberdade de 30 homes e 4 mulleres. Os nomes delas eran Elvira Fernández Méndez, María Dolores Vento López, Eduviges González Ferreras e Celsa Alonso Iglesias. No 1937, o xefe da prisión informa da reclusión de 42 mulleres e dous nenos. Entre elas, sinala dúas mulleres que sofren doenzas contaxiosas, Silvia Arias e Francisca Conde, e outras dúas que precisan tratamento, Remedios González e Concepción López.

A primeira lista de reclusas corresponde a maio de 1937 e nela figuran os nomes de 47 mulleres e anótase a presencia ademais de tres nenos con meses de idade. Nesa lista aparecen, entre outras, Salud Torres Díaz, Florinda Ortega Pérez e Remedios Frías Carballo, vítimas ben documentadas da represión na Gudiña e en Ourense, respectivamente.

No mesmo mes, no cárcere de mulleres de Bande aparece rexistrada Eduviges González, como ingresada o 11 de novembro de 1936; é dicir, apenas un mes e medio despois da orde de liberdade en Celanova. O traslado de presas entre Celanova e Bande será constante, tal e como recomendaba o xefe da prisión de Celanova naquel oficio de agosto do 36. Eduviges seguía presa en Bande na última lista da que temos constancia, de agosto de 1939.