fbpx
Montse Fajardo. Foto: Anxo Padín.

Montse Fajardo, investigadora do Padroado en Galicia: “Co coñecemento de máis casos galegos, fomentarase a unión así como a xustiza dende a lexislación para as supervivintes á represión”

Tempo de lectura: 4 min.

“Para construir un futuro máis libre“, a xornalista especializada en xénero e autora do ensaio recoñecido co “VI Premio Xohana Torres”, Montse Fajardo, ve “fundamental facer memoria da Ditadura e represión no Padroado. E é que Caídas, como ela indica no subtítulo, é tan só un achegamento a un instrumento que, dende o 1941 ao 1985, exerceu violencias múltiples contra a muller en toda España. Tamén en Galicia, onde, a través da xornada organizada en Santiago de Compostela para este venres, “O Padroado de Protección á Muller”, buscarán máis casos das “supervivintes” galegas e continuarán a loita “para que a Lei de Memoria Democrática” recolla a súa historia.

Canta relevancia pode ter a realización de xornadas coma a deste venres para a divulgación desta parte da historia galega?O venr

É fundamental facer memoria da Ditadura e as represións, non só como xustiza ás que directamente viron destruidas as súas vidas, senón tamén como ferramenta para construir un futuro máis libre. Hai que explicar o significado e as consecuencias da ultradereita dos anos XX, especialmente ante o problemático ascenso en apoios que está a obter actualmente, para poder construir e avanzar. Estou máis que agradecida á alcaldesa compostelana, así como honrada de que Santiago de Compostela sexa cidade pioneira, por impulsar encontros coma este que permiten afondar neste capítulo.

Cal é o obxectivo principal da xornada?

A achega de máis casos galegos, para fomentar a unión e sanación de feridas así como a consecución da xustiza de reparación. Actualmente, a Lei de Memoria Democrática non inclúe as mulleres internadas no Padroado, mentres si especifica o caso da masonería. Ao final do encontro, abrirase unha mesa para contemplar vías que posibiliten que a Igrexa pida perdón, a lexislación recoñeza o pasado histórico das padroadas e os lugares de internamento, así como para o seu rexisto por parte dos Tribunais. Hai que seguir a loitar.

Como de coñecido é o Padroado?

Persoalmente, levo máis dunha década desenvolvendo proxectos con perspectiva de xénero e hai só catro ou cinco anos que coñecín a súa presenza en Galicia.

Canta documentación existe do caso galego?

No Arquivo da Deputación de Pontevedra dimos con moitísimos expedientes. Moito papel que amosaba que o Patronato estivo presente e como de cruel e ata que nivel de explotación era o Réxime coas nenas. Neste caso non houbo o handicap habitual cos que nos topamos os que nos adicamos a traballar a memoria histórica con perspectiva de xénero: a ausencia de documentación. Existe moita, e moi específica, o que fai estrano o silencio absoluto que o rodea. Caídas foi un pequeno achegamento pero queda moito por estudar.

Entre todo o arquivo atopado, que foi o que máis impacto che causou?

O número de nenas ingresadas no Padroado logo de ser vítimas de abusos sexuais na familia. O caso de Loli Gómez Benito, entre outras, que quedou embarazada dúas veces do seu pai. Ela rematou interna, perdendo aos dous nenos e el libre. Un exemplo de que as mulleres seguimos a pagar as violencias dos homes. Asemade, o ingreso por cuestións mínimas, como a xustificación dun expediente por a “mala influencia” da súa irmá de 27 anos. A institución é unha falacia, vendida como un rescate de nenas galegas cando era un castigo.

Cal é o exemplo máis claro da dobre moralidade da Ditadura?

A prostitución. Encerraban ás nenas para evitar que caesen no entramado mais a Ditadura elimina a súa abolición vixenete na República ata o 1956, cando a adapan para integrar España na ONU. No 1952, o Estado agravou a lexislación para as padroadas con máis anos de internamento ou facéndose coa súa tutela, no caso de que as familias se opuxesen ao seu ingreso.

Como era o “día a día” das padroadas?

Rezar, limpar e traballar. De aprender, aprendían as diferentes labores domésticas, como son coser ou pasar o ferro, para pasar a traballar nunha casa franquista. O que gañaban ía para o Padroado. Se unha precisaba roupa interior, a Superiora dáballe dous pesos dos 24 que gañaba, por exemplo. Non as formaban en lingua ou literatura, formábanas para producir e servir.

Ata onde chegaba o control e represión do Padroado?

Toda a poboación era vixiada, tamén os homes. A través das Visitadoras, e outras articulacións da institución, o Estado vixiaba en cines, bailes e praias se se levaba o albrornoz, se a saia era moi curta ou se unha parella se arrimaba de máis.

Houbo casos de suicidios durante os internamentos.

Si. As propias testemuñas din que non son vítimas, son supervivintes. Apuntan que as vítimas son as compañeiras que remataron por se suicidar. A propia Consuelo, tamén presente o venres, intentouno despois de que unha monxa lle dixera que había que quitarlle o cerebro e lavarllo con lixivia polo mala que era, dende uns andamios. Salvoulle a vida unha compañeira, que a parou ao dicirlle que “non lles dese o gusto de ter outra suicida”. O día que marchou prometeulle ás súas compañeiras que “toda España va a saber lo que nos hicieron”. A partir da chegada de Internet, Consuelo comezou a contactar con mulleres e comezou a crear unha rede.

E como é a súa supervivencia?

Din que non volven vivir igual. Ao escoitar que non valen nada, e aguantar o constante trato pexorativo, moitas delas incluso experienciaron relacións sentimentais de maltrato. Cando te fan tanto dano, pasas a ser moi vulnerable.

A institución deixou influencia na sociedade durante as seguintes décadas? Ata hoxe.

Certos valores do nacionalcatolicismo ficaron para sempre, transmitíndose de avoas a nais a fillas. Tantos anos asociando a sexualidade feminina co pecaminoso afectounos a todas. Hoxe, grazas ás testemuñas e investigadoras, estamos a ser coñecedoras dos seus perxuízos.

De cantos fíos cómpre continuar a tirar?

Da represión padecida polo colectivo LGBT, ao que se vinculou a moitas mulleres que foron enviadas ou a outras provincias ou a psiquiátricos como o de Pozuelo, en Madrid. Tamén do relacionado co roubo de bebés, ao que se vincula en denuncias xudiciais a diferentes instalacións ubicadas en Vigo. E, igualmente, sobre as menores dos orfanatos que eran vixiadas polas mesmas monxas ligadas ao Padroado. Mariaje López, que estará o venres, foi explotada laboralmente dende os 8 aos 13 anos.

 

Pode que che interese...