National Geographic apunta os mosteiros máis bonitos de Ourense: sabes cales son?
A través da súa revista dixital “Viajes“, National Geographic fixo unha recollida dos mosteiros da provincia ourensana máis fermosos. A redactora versiona o nome do territorio a “Ourense celestial” e non é de extrañar, xa que a espiritualidade e beleza destas construcións non pode facer outra cousa máis que levar o territorio ata o ceo. Dos 17 mosteiros cos que conta Galicia, nove son ourensanos e, a esta escritora e amante das viaxes non se lle escapou ningún para resaltar. E ti, coñécelos todos?
Mosteiro de Santa María A Real (Oseira, en San Cristovo de Cea)
Foi construido no 1137 e, tras oito séculos en pé, mantén o carácter maxestoso co que foi erguido e a historia que comezou a deixar na construción a Orde do Císter catro anos despois, cando se instalou un grupo de monxes franceses enviados por San Bernardo. No século XV, debido á invasión napoleónica, un incendio provocou o derribo do mosteiro, que non sería reconstruido ata pasado un século.
Os seus muros acollen saqueos e periodos nos que foi empregado como refuxio, así como outros nos que se deron expulsións do corpo monástico. No 1990 pasou pola súa maior restauración ao recibir o Premio Europa Nostra.
Arquitectónicamente, na súa igrexa destacan as columnas retorcidas e as bóvedas estreladas, seguindo o estilo románico de tal xeito que é recoñecida como unha das grandes obras mestras da arquitectura cistercense de toda España.
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuin)
Sobre este dende a Idade Media, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil mantense no terreno das ribeiras do Sil, tan retador coma poético. A paraxe non fai máis que sumar encanto ao albergado pola construción: fachada de estilo barroco, claustro de portería de tres corpos, escudo de nove mitras… Nove como nove eran os bispos que renunciaron as súas sedes episcopais para rematar os seus días no cenobio que, hoxe, contén os seus restos.
Mosterio de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil)
O artigo da revista sobre patrimonio e paisaxe, continúa polo souto de Merilán, onde se atopa o Mosterio de Santa Cristina de Ribas de Sil. Os carballos enmarcan a construción, erguida entre os séculos XII e XIII e unha das mostras máis características do románico do rural galego. A vide, pola súa ubicación, é outra das pezas naturais protagonistas da súa paraxe.
O seu campanario, ademais do seu templo e o patio claustral, faino singular pola súa vinculación coa época protogótica. Outras xoias que o caracterizan son a talla manierista de San Pedro, realizada no XVI por Xoan de Anxés, ou as pinturas murais do século XVIII representantes da orde de Calatrava que agocha na súa sacristía.
Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos)
Tamén entre camiños empinados e empedrados se atopa este mosteiro, situado na parroquia de Rocas. Está declarado Ben de Interese Cultural, sendo o mosteiro máis antigo de todo o territorio galego e escavado en rocha viva no século VI, o que o fai un exemplo da igrexa rupestre.
O baseamento actual da construción vincúlase ao século XVII. Os elementos antropomórficos, o claustro monacal e o campanario do século XV congregan parte de toda a bagaxe que historia, e o paso de diferentes civilizacións, deixaron neste antigo convento de Rocas.
Mosteiro de Santa María de Montederramo (Montederramo)
O máis curioso deste mosteiro é que, remontándonos ao século X e sen documentación que corrobore o feito, foi fundando nunha ubicación diferente á actual: no lugar de Seoane Vello. O que si quedou por escrito é a refundación do mosteiro en 1124 por Tareixa de Portugal, nunha sinatura realizada en Allariz e na que queda rexistrada por vez primeira a denominación Rivoira Sacrata.
Juan de Tolosa, quen tamén traballou nas obras do Escorial, foi quen deu a traza da igrexa en estilo ferreriano no 1598. A súa fachada, sinxela e en tres corpos, é de estilo renacentista e pertence ao 1607. Contén un dos primeiros retablos barrocos de Galicia, realizado polo escultor Mateo de Padro.
Mosteiro de Santa María de Melón (Melón)
A este mosteiro vincúlanse os primeiros movementos comerciais do viño da Ribeira Sacra. No século XIII, este punto ourensano contaba con posesións no Porriño, Vigo e Redondela, a través dos que realizaba a venta das colleitas de viño á ribeira do río Avia.
Pese a que do antigo muro soamente se mantén parte da cerca e a portada, en 1931, o conxunto foi declarado Monumento Histórico-Artístico. O século XII é a data máis antiga á que se vincula a construción, pola súa igrexa, que pasou por desastres naturais como terremotos que provocaron grandes perdas no resto das súas disposicións.
Mosteiro de San Salvador de Celanova (Celanova)
No 936, o bispo de Santiago e creador do monacato galego, San Rosendo, funda esta construción que foi xerme da construción e desenvolcemento de toda a cidade, quedando hoxe situada no seu centro. A capela da súa igrexa é a única que se mantén en toda Galicia daquela época. No mesmo ano en ca o recoñecemento do anterior, no 1931 foi declarado Monumento Nacional e, no 1984, foi receptor do premio Europa Nostra.
A edificación visible hoxe parte dunha antiga capela adicada a San Martiño, ao redor da cal se foron construindo diferentes vivendas para monxes, templos e máis a igrexa de tres ábsides. A suma da súa aglutinación, xunto coas perdas en diferentes momentos históricos, son o resultado da estampa que se pode visitar actualmente.
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo (Xunqueira de Espadanedo)
A construción, de orixe románica, contén gran parte do pasado monacal da Ribeira Sacra. Foi consolidado finalmente como benedictino, sendo catalogado dende o románico ao barroco, e integrado pola Orde do Clíster no século XII. A súa igrexa, con altar de pedra e unha rica colección de capiteis, foi declarada Monumento Nacional.
Artísticamente cabe apuntar o seu claustro, único no territorio autonómico polo seu estilo do Renacemento. Os retablos medievais ou os seus reloxos de sol son algúns dos souvenirs que quedan dos inicios do mosteiro, cuxa construción actual foi realizada entre os séculos XVI e XVII.
Mosteiro de San Clodio de Leiro (Leiro)
Non hai dous sen tres e, tamén no 1931, este mosteiro ourensán foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional. Pese a non estar documentado, mantense que a orixe deste remóntase ao século VI, cando tería sido fundado por monxes benedictinos. O templo foi empregado, logo da desamortización, como cuartel da Milicia Nacional, escola local, salón do Concello e cárcere municipal ata hoxe, que é un hotel.
O claustro medieval renacentista da súa igrexa foi reformado, tras o paso cistercense, no século XIII. Na súa fachada seguen a manterse a cruz de Caravaca, a igrexa gótica de Santa María e unha parte do muro principal do antigo palacio abacial, pertencente ao Barroco.