A cestería tradicional volve ser protagonista dos Premios Artesanía de Galicia
A obra #PERIFERIA01, da artesá e deseñadora Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica en O Porriño, foi a seleccionada polo xurado dos Premios Artesanía de Galicia como a máxima representante da tradición galega, sen deixar desatendidos os puntos de contemporaneidade e innovación. De la Cal conta con renome dentro do panorama artesán de Galicia, sendo finalista xa na edición pasada, e a súa filosofía baséase na exploración das funcións da arte na vida cotiá.
Outros artesáns e obradoiros foron recoñecidos na gala, realizada este martes, como o vigués Albino Quintero Mora, receptor do Premio Traxectoria polo seu treito no téxtil así como pola súa investigación e divulgación dos oficios tradicionais galegos. Como finalistas, foron recoñecidos o autor Aitor Martínez López de Arbina, do obradoiro artesanal Aitor (Tomiño, Pontevedra) e Culeiros, de Santiago Besteiro García, do obradoiro artesanal Santiago Besteiro Design (Monterroso, Lugo).
Foron repartidas, asemade, as bolsas Eloy Gesto 2024 entre Carla Souto (A Coruña), Mónica Bastón, do obradoiro Leónlagata (Sanxenxo, Pontevedra) e Santiago Besteiro (Monterroso, Lugo).