fbpx
Mar López Sotelo.

Mar López Sotelo, investigadora e escritora: “Debemos facer museos ao aire libre das zonas rurais nas que abonda o esgrafiado”

Tempo de lectura: 3 min.

Nun paseo tranquilo co seu can, e equipada de lente e obxectivo, na contorna de San Fiz de Cangas, en Ferreira de Pantón, a investigadora e escritora Mar López Sotelo deu no 2014 cun dos primeiros gravados que fixo nacer nela un enfeitizo que se materializou na publicación ‘Esgrafiado galego. Un museo ao aire libre’. López deu unha das puntadas firmes, a partir da súa vista de águia e contando coa colaboración de comunidades de veciños e a de internautas a través do grupo ‘Rede Ribeira Sacra’, á historia do esgrafiado galego partindo o tecido dende esa primeira construción doméstica, pertencente á súa xa amiga Concha e da que aínda quedan hipóteses por confirmar.

As catro teses de López, “son a primeira pedra para entender o esgrafiado galego”. A primeira pregunta que se formulou foi “por onde entrou o esgrafiado galego?” e, na temática, deu co caso segoviano e con Rafael Ruiz, quen baseou a súa tese doutoral na técnica no municipio leonés e un dos seus mestres“, así como “motivacións a dar o paso ao estudo”. “É como se as pedras me falasen”, conta López, ao describir os procesos de seu que desenvolve hoxe. A realización de fotografías é indispensable: “Hai detalles dos que non te das de conta ata que chegas a casa, visualizas as imaxes e incluso as editas”.

Os muros feitos diario

As mensaxes que as pedras salvagardan son infinitas. Horror vacui a partir das árbores, animais, ferramentas… Todo o autóctono: elementos da proximidade e os hábitos labrados nas construcións permiten hoxe “comprender o comportamento e as escollas dos seres humanos” e, incluso, saber “que oficio ou perfil de persoa” está detrás do deseño.

Cada camiño, e rutina, unha técnica ou figura mantida: “As construcións pegadas ao Camiño de Santiago francés seguen o románico. Na Ribeira Sacra atopamos moitas follas lanceoladas; no Courel, a folla do olivo; na zona de Chantada, as relacionadas coa gandaría…”. Para López, a predilecta é a costumista de Taboada: “Un gaiteiro, un bombo e dous bailaríns nunha escena de romaría“.

Engañaollos, encintado e figuras zoomórficas

A casa de Concha, en San Fiz de Cangas, ou a igrexa románica de San Martiño de Siós son algunhas das páxinas rochosas codificadas que se volven de sinxela lectura para os ollos de López. Do perceptible na entorna ata o máis profundo nivel de gravado, a investigadora traduce e fía a conversa entre entorna e construcións.

‘Esgrafiado’ no Censo de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego

Dende o Instituto Europeo Campus Stellae de Santiago de Compostela, López e outros integrantes do organismo elaboraron no 2023 unha solicitude da inclusión da técnica no Censo de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego. Sendo hoxe unha realidade, a escritora recalca a súa “indispensabilidade de acollida porque son paneis arqueolóxicos”.

A necesidade de protección agrávase tendo en conta a súa habitualidade “en construcións particulares que están normalmente abandonadas ou nas que a economía do dono non é suficiente para unha correcta protección“. Apunta, asemade, “o gran descoñecemento xeral ao respecto do esgrafiado” como un “risco que vulnera información chave da nosa historia“.

O camiño de ruta para protección e mantemento é simple: “A administración debe dotar aos propietarios de aportes económicos que posibiliten as rehabilitacións“. Suma ao itinerario o traballo de promoción dende investigacións como as de Rafael Ruiz, que conseguiu a integración das rúas segovianas con esgrafiado nos roteiros de turismo. “Debemos poñelo en valor e conformar un museo ao aire libre nestas zonas rurais nas que abonda o esgrafiado, non só admirar o románico ou as fontes”.

Esta “posta en valor do esgrafiado permitiría o asentamento da poboación nas aldeas, ademais da súa valorización”. López, con teito e cama no lugar de Deade, desvélase como namorada deste hábitat de seu: “Encántame estar no rural, traballalo e vivir del; ten moitísima riqueza“.

O senso reivindicado do esgrafiado: do vocablo ás teses 

A convicción dende o departamento de Historia e Antropoloxía de Campus Stellae chegou ata o gramatical: “Unha vez entrou no dicionario da lingua galega, tiñámoslle que dar máis senso“. Tiveron acceso ao Arquivo Histórico Catedralicio para coñecer os procesos das pinturas naturais en cal no Camiño de Santiago, información que, xunto coa que atopou no Códice Calixtino, empregou para a elaboración das teses.

O esgrafiado galego é diferente, “como se o fixese un neno”. Na comparativa con outros artes, como o mudéxar de tantas profundidades, soamente atopa paralelismos co esgrafiado de Extremadura: “Aí fixeron unha asociación para reafirmar a súa individualidade: sinxeleza, realizado nunha soa liña, profundidade máxima de dúas capas…”.

Pode que che interese...