fbpx
Marilar Aleixandre. Autor: Miguel Taboada.

Marilar Aleixandre: “Concepción Arenal ou Juana de Vega compartiron coñecemento coas mulleres presas da Galera”

Tempo de lectura: 5 min.

“Evitar que as mulleres presas rematasen coa vida marcada” era un dos obxectivos da Sociedade da Madalena, escola penitenciaria da Galera d’A Coruña composta por “mulleres fidalgas” do século XIX e un dos eixos chave en As malas mulleres (Editorial Galaxia, 2021), de Marilar Aleixandre e Premio Nacional de Narrativa 2022. A obra narrativa, elaborada maioritariamente “a tavés da imaxinación” mais tamén con inspiración en casos paralelos e fontes documentais, escribe unha historia non contada e berra o discurso daquelas de “voz roubada”. Para o desenvolvemento do relato, e aumento de decibeles, a escritora bota man dos versos de Rosalía en Cantares Gallegos, onde observa un espello para o colectivo co que ademais tivo “sorte por ser publicado no 1873”.

Comezas o relato coa descrición da rapa do pelo dunha das presas. É un tipo de violencia ao que volves, en varias ocasións, durante o relato.

A simboloxía de rapar o cabelo vai moito máis alá dunha cuestión estética, un dos obxectivos finais é a humillación e vexación. A mesma Arenal aborda o tema na súa obra e é transferible a outros momentos da historia como a II Guerra Mundial. Eu, incluso, vivín esas sensacións con oito anos por razóns médicas.

A historia podería ser contada dende un compendio de protagonistas masculinos?

A novela narra a realidade das mulleres na cárcere da Coruña, non podería ser feita dende outra perspectiva allea a elas e ás mulleres fidalgas como Concepción Arenal ou Juana de Vega que entraban para dar a súa vida a axudalas e formalas. As malas mulleres conta a vida dun determinado grupo social ao que non se lle prestou atención, nin na historia nin dende a literatura. A obra é unha loita contra a falta de protagonismo das mulleres, das persoas marxinadas e da xente sen recursos á que estamos acostumados.

Coñecín a unha muller, nacida no 1926 na parroquia de Santo Adrán de Toba, que non volveu ver á súa nai e irmá logo de que emigrasen a Bos Aires e esta primeira, carecendo de formación, recitaba a Rosalía. Os seus poemas falaban por ela.

No libro empregas diferentes versos para a narración de escenas, na meirande parte de Rosalía de Castro. Podería ter sido outra voz a escollida para te acompañar no relato?

Coa novela quería darlles voz ás presas, privadas desta e obrigadas a manter a boca pecha. Elas son persoas botadas do sistema, ás que lle fan crer que non teñen dereito a contar cun discurso. Ademais de ser apropiado polo factor temporal, xa que tiven sorte con que fose publicado no 1873, Cantares Gallegos de Rosalía era o máis axeitado. Coñecín a unha muller, nacida no 1926 na parroquia de Santo Adrán de Toba, que non volveu ver á súa nai e irmá logo de que emigrasen a Bos Aires e esta primeira, carecendo de formación, recitaba a Rosalía. Os seus poemas falaban por ela. Emprego tamén a Pondal para relatar a barbaridade, normalizada nese momento, dunha violación.

Acada moito peso asemade a lingua galega, pola súa prohibición nas prisións.

Vai da man do que acontece noutros momentos históricos. Muller e lingua galega están moi vencellados tamén nas Irmandades da Fala, durante as primeiras décadas do século XX, cando as irmás Chao Maciñeira criaban aos fillos empregando o idioma. Neste caso, entre os libros que empregaban na Galera poderían ter contado con publicacións de Emilia Pardo Bazán e, asemade, de Rosalía de Castro.

A historia asemade atopa apoio en diferentes documentos e elementos de arquivo.

As malas mulleres ten carácter híbrido. As cartas de Concepción Arenal ou as memorias da Sociedade da Madalena contan realidades descoñecidas e permiten visualizar certos aspectos vitais das presas: menciñas, substitutivos alimenticios para crianzas, cera de abella…

Como de relevante era o papel de escolas como a Sociedade da Madalena?

As mulleres que a impulsaban decidiron compartir o que coñecían e sabían coas presas. Os domingos, por exemplo, ensinábanas a ler. Juana de Vega, Concepción Arenal, María de la Rúa ou Julia Viqueira avogaron pola posta de coñecemento en común coas mulleres presas da Galera. Cando escribín a biografía de Vega, din con que o Alcalde da cárcere que pechou a escola era o historiador de Benito Vicetto e sigo sen comprender como un intelectual pode querer facer tal mal. Ademais do ben a nivel intelectual e formativo, estas mulleres fan unha labor para evitar que o colectivo quede coa vida marcada ao ser liberadas, sen que se teñan que ver obrigadas a vender seu corpo ou se relegar a realizar traballos como servidume.

E o da inspiración noutras figuras femininas?

Paquita era unha referente para Sisca asemade pola cuestión do coñecemento.

O Alcalde da cárcere que pechou a escola era o historiador de Benito Vicetto e sigo sen comprender como un intelectual pode querer facer tal mal.

“Grazas por falar comigo coma se fose unha persoa” é unha das frases articuladas nunha conversa dentro da Sociedade da Madalena.

Concepción Arenal apostaba pola rexeneración, a que agora podería coñecerse como reinserción. Era unha persoa moi relixiosa e, para ela, era o mesmo delito que pecado. Sisca, personaxe ficticio, da as grazas pese ao contexto.

Outra das frases do libro apunta que as verbas “dunha presa non valen nada”.

As mulleres eran, e seguen a ser, privadas de discurso e voz. Estamos relegadas aos coidados e o discurso público queda para a autoridade masculina. As presas, directamente, carecían de voz algunha. En moitos eidos, as mulleres seguimos a ser cuestionadas ou incluso vistas coma intrusas. Na miña actividade académica na Universidade vivino ben de préto cando un catedrático me dixo: “As mulleres, xa se sabe: casades, tedes fillos e non facedes investigacións”. Quizais por iso deixei a institución, saquei a oposición e puiden ser escritora en Galicia.

A xente preferiu ignorar o que estaba a acontecer dentro das cárceres, asemade nas de homes

A que nivel chega o descoñecemento da vida carcearia das mulleres no século XIX en Galicia?

Sobre a Galera falei con Guillermo Escrigas, quen me advertiu de que non ía atopar nada porque a xente preferiu ignorar o que estaba a acontecer dentro das cárceres, asemade nas de homes. Non din con ningunha testemuña humana, só o caso de Sisca garda relación coa historia de Mercedes Losada, quen con 9 anos acompañou tres veces á súa nai a realizar abortos e é bo exemplo da cuestión de clase dentro dos procesos médicos nese momento. Botei man da imaxinación e no pouco recolleito das prisións masculinas. Tamén de casos internacionais, como das prisións de republicanas en Francia, logo de ver o biopic de Simone Byle.

As descricións dos procesos abortivos da nai de Sisca, como axudan a plasmar a realidade biolóxica e de estigmatización social das mulleres?

Os abortos relatados abordan dúas cuestións: a fame e a clase social. A nai de Mercedes tiña dez fillos e non podía mantelos. No 1873, pese a que había médicos que realizaban abortos, era indispensable ter os cartos e os contactos que fixesen posible acceder ao proceso. É unha trama transferible tamén a outras sociedades e momentos, como sería a do ensaio autobiográfico L’Événement de Annie Ernaux.

Aínda hoxe, dentro dos textos lexislativos así como dentro das casas, hai moitos aspectos nos que non se move un dedo.

En moitos casos, como tamén retratan personaxes d’As malas mulleres, o feminino e o masculino vense limitados socialmente a camiños marcados en torno á sexualidade e identidade.

Por exemplo, Arenal sementou a imaxe andróxina enfatizando que o seu pensamento e acción eran tan serias coma os de calquera home. Na actualidade conquistamos moito pero segue habendo cuestións pendentes. En materia de identidades, é máis doado cambiar leis que representacións. Sobre afecto e coidados, están pendentes as súas comprensións e integración nas linguaxes dos homes. Aínda hoxe, dentro dos textos lexislativos así como dentro das casas, hai moitos aspectos nos que non se move un dedo.

Que outras historias femininas a poñer en relevancia relatou Aleixandre?

En A expedición ao Pacífico, co que ademais fun a primeira muller en recibir o ‘Premio Merlín e Crítica Galega’ por unha obra xuvenil, a protagonista é unha rapaza disfrazada de rapaz que pasa por cambios da adolescencia como a menstruación. Nun instituto, un neno preguntoume o por que dunha rapaza protagonista e penso que é algo que non lle preguntarían a ningún compañeiro, que seguramente tería protagonista neno.

Pode que che interese...