A Biblioteca Juan Comapañel de Vigo acolle conferencias sobre a contribución das mulleres pintoras á arte
A Biblioteca Municipal Juan Compañel de Vigo será o escenario de dúas conferencias que explorarán o papel das mulleres na historia da arte. Estas sesións, organizadas pola asociación Dante Alighieri Comité Vigo, contarán coa participación da profesora e artista Rosa Elvira Caamaño Fernández. As citas están programadas para os días 10 e 24 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Aula Multiusos da biblioteca.
A primeira conferencia, titulada ‘Pintoras medievais e renacentistas’, terá lugar o venres 10 de xaneiro. Nesta sesión, Caamaño analizará o contexto histórico que marcou a produción artística feminina na Idade Media e no Renacemento. A segunda charla, o día 24, centrarase nas pintoras dos séculos XVII e XVIII, destacando a súa evolución e a súa contribución á arte a pesar das restricións sociais e económicas que lles afectaron.
Rosa Elvira Caamaño, quen foi profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, leva anos investigando sobre a presenza feminina na Historia da Arte. Segundo explica, ‘as circunstancias históricas dificultaron que as mulleres se dedicasen ao oficio artístico, unha profesión que esixía recursos económicos significativos e acceso a redes gremiais das que elas estaban excluídas’. A pesar destas limitacións, destacou figuras como Sofonisba Anguissola, pintora renacentista de éxito, ou Elisabeth Vigée Lebrun, unha das retratistas máis solicitadas do século XVIII.
Caamaño tamén resaltará o papel das bordadoras medievais, cuxas obras, como o famoso tapiz de Bayeux, teñen un enorme valor histórico e artístico. A investigadora publicou en 2011 o libro Educación e dedicación. Aportacións das grandes pintoras á arte desde a Antigüidade até 1800, onde desenvolve este tema en profundidade.
Estas conferencias buscan poñer en valor o legado das mulleres artistas ao longo da historia, presentando un percorrido que abarca desde as miniaturas medievais, como as realizadas por Ende, ata as obras de pintoras recoñecidas nos séculos máis recentes. A entrada ás sesións será libre ata completar aforo.