A Deputación da Coruña impulsa a recuperación das baterías militares de Ferrolterra cun investimento inicial de 1 millón de euros
A Deputación da Coruña iniciou a primeira fase do Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra, un proxecto que busca rehabilitar os antigos emprazamentos defensivos da comarca e dinamizalos como elementos de interese turístico e cultural. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinou convenios cos alcaldes de Ares e Valdoviño para as primeiras actuacións en Bailadora e Campelo, que contan cun financiamento de 621.420 euros.
Os convenios contemplan a redacción dos proxectos e os primeiros traballos de desbroce, recuperación de accesos e acondicionamento das estruturas. En Bailadora, no municipio de Ares, destinaranse 355.242 euros, mentres que en Campelo, en Valdoviño, o investimento será de 266.177 euros.
A maiores, está previsto asinar un terceiro convenio co Concello de Ferrol para intervencións en Monteventoso, completando así o millón de euros asignado a esta primeira fase. Segundo Formoso, ‘trátase dun proxecto ambicioso que permitirá recuperar o esplendor destes espazos e convertelos en importantes atractivos turísticos’.
As baterías de costa de Ferrolterra, construídas a comezos do século XX como parte dunha rede defensiva, teñen un valor histórico recoñecido a nivel internacional. Este plan busca non só a rehabilitación das infraestruturas, senón tamén a súa integración nun modelo de turismo sustentable que xere novas oportunidades económicas na comarca.
Formoso destacou a importancia de contar coa colaboración da Xunta de Galicia, indicando que ‘non se trata de asignar responsabilidades, senón de implicarse na recuperación dun patrimonio que pode converterse nunha referencia en Europa no vindeiro lustro’.
Financiamento adicional e propostas futuras
A maiores do financiamento provincial, a Deputación conseguiu unha achega de 2 millóns de euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) do Goberno de España. Estes fondos permitirán acometer proxectos como a recuperación do observatorio meteorolóxico de Monteventoso, a creación de aparcadoiros disuasorios, melloras nos accesos peonís e ciclistas ás baterías, a rexeneración de zonas verdes e a limpeza de elementos históricos como o baluarte de San Xoán.
Ademais, prevese o desenvolvemento de ferramentas dixitais, como unha páxina web e un mapa virtual, para promover o coñecemento e a difusión do patrimonio militar da Costa Ártabra.