fbpx
Biblioteca América / USC

A USC ofrece visitas guiadas ao seu patrimonio histórico. Estas son algunas das propostas

Tempo de lectura: 3 min.

A USC ofrece visitas guiadas durante este ano 2025 ao seu patrimonio histórico. O patrimonio universitario compostelán é unha parte importante do casco histórico da cidade, que é recoñecido no seu conxunto como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

As visitas céntranse en tres percorridos que percorren o Colexio de Fonseca, o Colexio de San Xerome e a Facultade de Xeografía e Historia, tres espazos que representan diferentes épocas e usos da USC ao longo dos séculos.

O Pazo de Fonseca: o berce da Universidade

Os seus horarios de visita son os luns, martes, mércores e venres de 11:30 a 12:30 cun prezo de 3 euros.

Fundado no século XVI polo arcebispo Alonso III de Fonseca, este edificio marcou o inicio da actividade universitaria en Compostela. O colexio, organizado ao redor dun claustro, albergaba tanto aulas como residencias. Actualmente, destaca polo Salón Nobre, onde se celebran actos solemnes, e a Biblioteca América, un legado de Gumersindo Busto que recolle fondos hispanoamericanos. Ademais, conserva o facsímil do Libro de Horas de Fernando I de León, unha copia dun dos manuscritos máis antigos da cidade. Outro punto de interese é o Salón do Artesoado, unha antiga aula xeral cun teito mudéxar único en Galicia.

Fachada do Colexio de Fonseca / USC

O Colexio de San Xerome: unha fiestra á praza do Obradoiro

Os seus horarios de visita son os luns, mércores e venres ás 17:00 cun prezo de 5 euros. A reserva desta guía inclúe tamén a visita ao Pazo de Fonseca.

Situado no lado sur da Praza do Obradoiro, o Colexio de San Xerome, do século XVII, foi inicialmente concibido para estudantes con menos recursos. A súa entrada conserva elementos románico-góticos, incluíndo unha representación da Virxe co Neno. No interior, destacan o Paseo de Vítores, cos nomes de antigos estudantes doutores, e o Salón de Graos, antiga capela que hoxe alberga a Maza da Universidade, utilizada nos actos máis solemnes.

Arco da entrada do Colexio de San Xerome / USC

Facultade de Xeografía e Historia: a Universidade da Ilustración

Os seus horarios de visita son os martes e xoves ás 17:00 ou os xoves e sábados ás 12:00 por un prezo de 6 euros.

Edificada no século XVIII no antigo solar dun colexio da Compañía de Xesús, esta facultade simboliza o cambio cara ás ciencias experimentais e o pensamento ilustrado. O seu espazo máis destacado é o Paraninfo, inaugurado en 1906, decorado con frescos que representan as artes, as ciencias e as letras. Tamén é salientable a súa biblioteca histórica, cuxa estética barroca lembra as antigas bibliotecas monásticas.

Paraninfo da Universidade, situado na Facultade de Xeografía e Historia / USC

 

Pode que che interese...