Betanzos aproba retirar os bancos metálicos do seu casco histórico
O novo mobiliario urbano do casco histórico de Betanzos xerou un intenso debate tanto entre a cidadanía como no pleno municipal. A sesión celebrada este martes aprobou unha moción do concelleiro non adscrito Pablo Villaverde, na que se solicita a retirada dos novos bancos de reixa metálica, xunto con outros elementos como cadeiras, papeleiras e placas. O argumento principal dos impulsores da proposta é que estes elementos están “descontextualizados” con respecto á estética tradicional do centro histórico.
A moción, que tamén propón a reposición do mobiliario previo, recibiu o apoio do PP e dos concelleiros non adscritos, mentres que o BNG abstívose e o PSOE votou en contra. A pesar de ser aprobada, o goberno local anunciou que non aplicará a medida, ao non ser vinculante. O concelleiro socialista Andrés Hermida defendeu o proxecto, sinalando que foi elaborado por profesionais e que busca crear unha imaxe renovada, máis sólida e atractiva do casco histórico. “Para gustos, cores”, afirmou, reclamando “respecto” para o traballo de urbanistas, arquitectos e historiadores implicados no deseño, que di estar inspirado no legado de Rafael González Villar.
O novo deseño dos bancos, realizado en tons branco e verde Betanzos, non foi ben recibido por unha parte da veciñanza. Para o goberno local, estes elementos permiten unificar a estética do casco histórico e modernizar o conxunto sen perder a súa esencia tradicional. Segundo o PSOE, a renovación contribúe a potenciar Betanzos como destino turístico de calidade e mellorar o confort urbano.
Pola contra, os grupos críticos consideran que o mobiliario non encaixa coa identidade histórica da cidade. A edil do PP Araceli López cualificou de “desafortunada” a súa instalación e ironizou: “Se González Villar levanta a cabeza, vólvea baixar”. O concelleiro non adscrito Pablo Villaverde cuestionou que os deseños actuais teñan relación co estilo Art Déco do arquitecto betanceiro, lembrando que “González Villar nunca deseñou ningún banco”. Tamén reprochou a retirada de antigos bancos de cantería da praza de Diana Cazadora, usados tradicionalmente polos veciños.
Pola súa parte, o BNG evitou opoñerse frontalmente ao proxecto, aínda que criticou a falta dunha planificación global para a conservación do casco histórico. A concelleira Amelia Sánchez lamentou que os fondos europeos se destinasen a renovar o mobiliario en lugar de atender outras necesidades máis urxentes da zona monumental. “De nada vale colocar bancos novos se, inverno tras inverno, vemos caer xoias arquitectónicas ante os nosos ollos”, afirmou.
O goberno local mantén o proxecto
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, pechou o debate insistindo en que a renovación do mobiliario forma parte dun proxecto máis amplo para revitalizar o casco histórico. A rexedora asegurou que a oposición tivo acceso ao proxecto desde o seu inicio e que non presentou queixas ata agora. “Se González Villar levantase a cabeza, creo que estaría encantado”, afirmou en resposta ás críticas da oposición.
Máis alá do debate urbanístico, o pleno aprobou tamén a designación de Francisco Díaz Pereira, ‘Pachico’, como Fillo Predilecto de Betanzos. A proposta partiu do PP e serviu para recoñecer a traxectoria deste exedil socialista, que foi homenaxeado recentemente pola veciñanza pola súa contribución á vida política e social da cidade.