De como o Apóstolo Santiago se lle apareceu á virxe do Pilar e o que logo pasou…
Que ten que ver a virxe do Pilar co Apóstolo Santiago? .A tradición, tal como xurdiu duns documentos do século XIII que se conservan na catedral de Zaragoza, remóntase á época inmediatamente posterior á Ascensión de Xesucristo, cando os apóstolos predicaban o Evanxeo. Dise que, por entón (40 AD), o Apóstolo Santiago o Maior, irmán de San Juan e fillo de Zebedeo, predicaba en España.
Santiago obtivo a bendición da Santísima Virxe para a súa misión. Os documentos din textualmente que Santiago, “pasando por Asturias, chegou cos seus novos discípulos a través de Galicia e de Castela, até Aragón, onde está situada a cidade de Zaragoza, entón coñecida como Caesaraugusta, nas ribeiras do Ebro. Na noite do 2 de xaneiro do ano 40 AD, Santiago atopábase cos seus discípulos xunto ao río Ebro cando “ouviu voces de anxos que cantaban Ave, María, gratia plena e viu aparecer á Virxe Nai de Cristo, de pé sobre un alicerce de mármore”.
A Santísima Virxe, que aínda vivía, pediulle ao Apóstolo que se lle construíse alí unha igrexa, co altar en torno ao alicerce onde estaba de pé e prometeu que “permanecerá este sitio até o fin dos tempos para que a virtude de Deus obre portentos e marabillas pola miña intercesión con aqueles que nas súas necesidades imploren o meu patrocinio”. Desapareceu a Virxe e quedou aí o alicerce do altar. O Apóstolo Santiago e o oito testemuñas do prodixio comezaron inmediatamente a edificar unha igrexa naquel sitio e, co concurso dos conversos, a obra púxose en marcha con rapidez. Pero antes que estivese terminada a Igrexa, Santiago ordenou presbítero a un dos seus discípulos para servizo da mesma, consagrouna e deulle o título de Santa María do Pilar, antes de regresar a Xudea. Esta foi a primeira igrexa dedicada en honra á Virxe Santísima.
E o documento chega a Galicia
Precisamente, este mércores o presidente do Goberno de Aragón, Jorge Azcón, obsequiou ao seu homólogo galego, Alfonso Rueda, coa cesión en depósito á Xunta de Galicia dun documento que explica “como a Virxe María se lle presentou ao Apóstolo Santiago” en Zaragoza.
Este texto, que ten 400 anos de antigüidade, e non é orixinal, senón unha copia, relata en castelán e latín a aparición que deu orixe á que hoxe é a patroa da capital aragonesa, a Virxe do Pilar. “Confiamos en Galicia e ímosvolo a depositar”, expresou o presidente aragonés. “Coidarémolo”, respondeu Rueda, quen regalou a Azcón unha figura que representa a un peregrino do Camiño de Santiago.