fbpx
Unha das imaxes do achado medieval / Asociación Científica Sputnik Labrego

Descobren unha aldea altomedieval en Casaio, no Concello de Carbaleda de Valdeorras

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación Científica Sputnik Labrego anunciou o descubrimento dunha aldea de época altomedieval na parroquia de Santa María de Casaio, no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras. A zona, coñecida como Penedo Xudío, foi obxecto de escavacións o pasado setembro, que permitiron identificar estruturas de vivendas e un espazo de enterramentos da comunidade que habitou o lugar entre os séculos VII e IX.

O director do proxecto, Carlos Tejerizo, explicou que o sitio xa era coñecido pola comunidade local debido á presenza de restos de antigas construcións e materiais arqueolóxicos, así como ás prospeccións realizadas polo arqueólogo Santiago Ferrer nos anos 90. Porén, esta é a primeira intervención arqueolóxica en profundidade na área.

As datacións realizadas mediante radiocarbono sitúan a ocupación do lugar nun período de máis de mil anos de antigüidade, o que, segundo Tejerizo, é relevante para a investigación histórica da zona. Un dos puntos de interese do achado é a posible conexión co lugar de Cassavio, unha ceca visigoda coñecida pola fabricación dunha moeda de ouro vinculada a Casaio. ‘Non podemos confirmar que Penedo Xudío sexa Cassavio, pero a presenza de moedas atopadas no entorno abre a posibilidade de que esteamos ante a antiga ceca’, sinalou Tejerizo.

Unha das imaxes do achado medieval / Asociación Científica Sputnik Labrego

Vínculo entre vivendas e enterramentos

Durante a intervención, o equipo documentou media ducia de enterramentos situados a uns 500 metros das vivendas. Este descubrimento permite explorar a relación entre os espazos de vida e morte nun período histórico pouco coñecido no noroeste peninsular. ‘É un achado de grande importancia que enriquece o noso coñecemento deste momento histórico’, destacou o director do proxecto.

Os resultados da investigación serán presentados nunha palestra que terá lugar a finais de mes en Casaio, coincidindo cunha nova campaña de traballos da Asociación Sputnik Labrego. Esta iniciativa busca continuar coa documentación e análise deste xacemento, ampliando o coñecemento sobre o pasado altomedieval da rexión.

Pode que che interese...