fbpx
Rostro Tartéssico de Turunuelo, en Badaxoz / Felipe Senen

Mitoloxía e arqueoloxía de Tartessos, encrucillada nas rutas marítimas do Mediterráneo ao Atlántico

Tempo de lectura: 6 min.

Por Felipe-Senén, arqueólogo

Sempre o Sur será atractivo para ese o seu “outro” que é o Norte, como para o Occidente o é o Oriente. E máis para esta cultura que abre encrucilladas e portos, como Galiza, a que ten como o seu sur Andalucía, onde melloran tantas tradicións cristiáns: viños, xamóns, devocións, procesións ou gusto polo ouro. E nese sur o Val do Guadalquivir, ribeiras do rio Tinto, o que verte augas cobrizas, no Odiel para formar o estuario de Huelva, tan propicio para a navegación como para a agricultura, onde a tradición e a arqueoloxía contan que na protohistoria se asentou a opulenta e mítica Tartessos. Un Dourado nos anos que van da Idade do Bronce até os inicios da Idade do Ferro, cando tamén pola minería e a metalurxia se van conformando no noroeste da pel de Iberia eses hábitats, tan singulares e ricos en “tesouros” como son os castros.

O nome de Tharseis xa aparece na Biblia, no Antigo Testamento, no Xénese, como nome do neto do fillo de Jafet e neto de Noé… Usado tamén como sinónimo de riqueza, de exótica e cotizada pedra, como en relación con barcos de mercadorías…. E sobre todo topónimo dun bulideiro porto de recalada mercantil nese paso do Mediterráneo ás incertezas do océano Atlántico, entre as que asoma ese cabo do mundo que se chamará Gallaecia. Topónimo de Tharsis que aparece tamén en documentos epigráficos de Mesopotamia como nalgúns outros puntos do Mediterráneo e que se pode conciliar nun punto xeoestratéxico, de intercambio de mercadorías, de luxo… algo que a arqueoloxía vai confirmando nese Sur do Guadalquivir, pese a que algúns cronistas da época romana asocian Tharsis co Tarso de Cilicia (no que hoxe é Armenia) onde naceu o predicador e apóstolo-indirecto de Cristo, Paulo.

Arracada de Viladonga / Felipe Senén

O Tartessos Ibérico foi concibido polos gregos como a primeira civilización de occidente, recibindo elementos culturais tanto de Mesopotamia como de Exipto a través dos mercaderes fenicios. Exotismo e refinamento que caracteriza esta cultura e, a través das navegacións, afortala o orientalismo dos celtas de Iberia, os celtiberos, entre eles o Noroeste peninsular e mesmo, nese ir e vir, aos gaélicos. Orientalismo que, como os etruscos, enxalza a Luz astral, interpretada en esvásticas, como tamén a escuridade, a noite pola que imaxinan cabalgando monstros híbridos, serpes e leóns alados, tarascas, harpías, demos…Sobre a que non faltan lingüistas que identifican os signos tartéssicos como lingua celta, así o creen M. Koch ou J. de Hoz, entre outros… velaí as enigmáticas estelas ou placas de xisto do Sudoeste, como a de Almodovar en Portugal, a de Faro no Algarve… con eses signos inicialmente asociados ao alfabeto fenicio.

Estrabrón, nos anos do cambio de era, referíase aos tartéssicos como o pobo máis culto de Iberia… Reino de Argantonio, de Gárgoris segun dicía no sc. I antes de Cristo o grego, Asclepiades de Mirlea, que na súa Periexesis referíase a fundacións baseadas en mitos de heroes da guerra de Troia, aparecidos na Iliada e na Odisea de Homero. Mesmo así outorgaba Tui a Tideo e a Teucro Pontevedra. Tamén segundo Xustino e outros, Gárgoris foi monarca da tribu tartéssica dos cunetes, pai da apicultura e da agricultura e cunha filla que quedou embarazada del mesmo, ordenando abandonar ao neno no bosque, sendo amamantado polas feras rabiosas e famélicas, que o respectaron, logo aos porcos… e logo ao océano que o devolveu a unha praia e novamente ser aleitado por unha cerva e finalmente entregado ao seu pai, para nomealo sucesor e chamarlle Habis, civilizador daquel pobo con saberes labregos e leis que distribúen ao seu pobo en sete cidades. Mito fundamentado en lendas sumerias, as mesmas que dan orixe á lenda romana de Romulo e Remo aleitados por unha loba e fundadores de Roma trazando a liña do seu couto cun arado. Nomes de Argantonio ou de Gárgoris aos que se lle ve unha raíz celta gala.

Guerreiro sedente castrexo de Xinzo / Felipe Senén

O atractivo poder arqueolóxico dos tesouros tartéssicos

Dende as pescudas do pioneiro dos asuntos tartéssicos, Adolf Schulten (1870-1960), seguindo polo profesor pontevedrés das universidades Complutense e da de Sevilla, Antonio Blanco Feijeiro, especialista no orientalismo, son moitas as obras que buscan conciliar a mitoloxía coa arqueoloxía deste paraíso da protohistoria: como nova bibliografía fundamentada na última arqueoloxía de asentamentos e artefactos tartéssicos temos o libro coordinado por Esther Rodríguez e Sebastián Celestino, “Tartesso, el enigma de la civilización más antigüa de occidente” (2024), como a tamén recente de Javier Mareas, coa suxestión do título de “ Los orígenes gaélicos de Tartessos” (2024) seguidor dos presupostos dados no século IV polo escritor Rufo Festo Avieno na súa Ora Marítima, epopeia inspirada en relatos e mitos moi antigos, en experiencias de nautas massaliotas, sobre a invasión dos celtas Sefes ( identificados co símbolo totémico da serpe) ao país dos Oestrinnios, creando Ophiusa, e nesas entra Galiza, o confín dos torques, as insignias célticas. Relacións e estudos que levan a Doñana, a adiviñar nos esteiros do Guadalquivir e baixo aquelas dunas as míticas cidades tartéssicas asolagadas, como unha das Atlántidas perdidas… O coruñés Xavier Mareas, como agudo restaurador de profesión, analiza e sigue pistas no espazo e no tempo a símbolos, coñece técnicas artesanais coas que analiza repuxados en metais, traballos en cerámica e que nos remiten a produtores e rexións, con moi interesantes conclusións.

Andalucía sempre foi unha ponte entre o oriente e o occidente a través das navegacións, estendendo influencia pola Lusitania, Galiza e mesmo cara ás illas británicas. Cultura tartéssica que valora enormemente o río, creando bisbarras e fronteiras, con xacementos tan importantes como os gaditanos de Sancti Petri, Barrueco, Asta Regia ou Nabrissa, ambas as dúas próximas a Lebrija, Barrueco en Cadiz, Setefilla Carambolo e Carmona en Sevilla, La Joya en Huelva, as cuncas e brazaletes de Villena, mesmo máis ao norte, na Gallaecia o tesouro de Elviña, como tantas xoias da Bracarense… entre tantos que se extenden a Extremadura: Aliseda (Cáceres), Cancho Roano, Casas de Turuñuelo, en Guareña de Badaxoz, onde apareceron restos de esculturas en barro, cabezas femininas, que mostran nas orellas arracadas de ril, suxeitas con cordón trenzado en ouro arredor da orella, moi similares ás galegas (Recouso, Bretoña, Oroso, Viladonga, Baroña, Bedoia…) Compre dicir que esa semellanza coa xoiería galega castrexa vese tamén nas pezas atopadas no Cortijo de Évora (Cádiz) co orientalismo que é inevitable asociar co mundo indoeuropeo, céltico, caracterizado por esa variedade de mercadorías exóticas, placas de marfil, contas vidradas oculadas, unguentarios de pasta vitreacoloreada, os bronces con divindades orientais, cananeas, como Astarté do Carambolo, o deus guerreiro exipcio Reshef de Mérida, o timateria de ouro (incensarios) de Lebrija, a xerra tipo etrusco con cabeza de cervo no bico de Zarza (Badaxoz)…

Tesouro do Castro de Elviña / Felipe Senén

Das mais singulares pezas, provinte de anticuario sevillano no 1950 e que aviva a cuestión tartéssica, é a embocadura en bronce de cabalo da colección de Juan Mata Carriazo, que representa o rostro de Astarté en simetría entre dous patos que estenden as alas, sc. VII a.C. Até os achados da primavera do 2023 en Turuñuelo, Guareña Badaxoz: unha gran e característica edificación achanzada, con patios, orientada en gradas cara ao abrente, de dúas plantas. Cun patio e altar coa característica forma de pelexo, cadrado estirado nas esquinas, espazo que ofrece mostra de sacrificio de animais, os máis cabalos, quizais unha hecatombe ao estilo grego, como as que comenta Estrabón que se realizaban na Gallaecia. Edificación con sala de banquete a xulgar restos da vaixela e bronces usados para o xantar ritual, unha escultura de tipo grego, anacos de eboraria etrusca, vidros púnicos e os célebres dous rostros femininos, as primeiras representacións escultóricas de rostros tartéssicos atopados deica agora dunha cultura que se cavilaba anicónica: rostros de cabelo suxeito cunha insólita diadema que alterna formas curvas con outras a xeito de botella e que nas súas orellas mostra as devanditas arracadas. Varios anacos parecen ser do rostro de guerreiro de pelo trenzado. Cultura de tesouros, de adornos de casta e rango, curmáns das que se esconden baixo a adxudicación xenérica de Iberia, con esas mesma xoias que loce o busto da Dama de Elche, escultura en pedra caliza, inicialmente coloreada e que vemos como perde color, década tras década na furna de vidro do Museo Arqueolóxico Nacional; como a Dama de Baza, monumentos cinerarios que se converten en tópico de Iberia.

O que si é certo e que, polo ano 60 a.C. un Caio Xulio César, gobernador da Hispania Ulterior realiza campañas cara aos Lusitanos, logo a Britannia e ás Galias… axudado pola plutocracia gaditana, a familia dos Balbos, vinculados a tradicións fenicias, herdeiros de antigos saberes nas rutas do océano, para recalar en Brigantium… Os itinerarios sabidos de moi vello.

Timateria (incensarios) tartéssicos de Lebrija / Felipe Senén

Pode que che interese...