fbpx
Vista aérea do Cuartel de San Fernando e o recinto intramurallas de Lugo / El viajero histórico

O Cuartel de San Fernando: unha xoia arquitectónica que o Concello de Lugo busca preservar

Tempo de lectura: 3 min.

O Cuartel de San Fernando, situado intramuros da cidade de Lugo, é un dos edificios máis representativos da arquitectura militar do século XVIII en Galicia. Deseñado inicialmente para albergar un cuartel de inválidos e un batallón de infantería, este edificio combina a funcionalidade coa sobriedade típica das construcións do seu tempo, integrándose no entorno histórico da cidade e mantendo un profundo vínculo coa súa Muralla Romana, declarada Patrimonio da Humanidade.

Agora, o Concello de Lugo busca 2,6 millóns de euros do Goberno autonómico para rehabilitar o emblemático edificio e transformalo no Museo da Romanización de Galicia, apostando así ademais pola preservación do edificio e facelo un espazo que conecte á cidadanía co legado romando de Lugo.

A orixe do proxecto: unha resposta ás necesidades militares e asistenciais

A súa historia comeza en 1779, baixo o reinado de Carlos III, cando o Conde de Ricla, Ministro de Guerra, e o arquitecto Francisco Sabatini decidiron a súa construción. A edificación foi proxectada polo enxeñeiro militar Bartolomé Amphoux, quen concibiu un inmoble que combinaría servizos de asistencia sanitaria para militares retirados con instalacións para tropas activas.

O lugar elixido foi un solar preto do Hospital de San Bartolomé, debido á súa proximidade ao camiño de entrada desde A Coruña e á recente apertura da Porta do Príncipe na Muralla, que facilitaba o acceso ao edificio. A zona tamén contaba con abundante subministro de auga, un recurso indispensable para unha instalación destas características.

O edificio foi concebido para organizarse arredor de dous patios porticados, un destinado aos inválidos e outro ao batallón de infantería. Cada patio contaba cunha fonte central e ambos estaban separados por un pabillón común. Co paso dos anos, a eliminación deste pabillón uniu os patios, alterando a configuración orixinal pero mantendo a estrutura rectangular que define o edificio hoxe en día.

O proxecto inicial incluía dúas plantas. A planta baixa albergaba cociñas, despensas, botica, cárceres e cuartos para os enfermos, mentres que na superior se situaban máis estancias para as tropas. Sabatini, para reducir custos, modificou o proxecto inicial substituíndo as bóvedas de pedra pola madeira, empregando arquerías de medio punto para soportar as cubertas.

Unha das características máis destacables do cuartel é a súa simplicidade arquitectónica, evitando adornos innecesarios e priorizando a funcionalidade. Elementos como as escaleiras con zócalos de granito, deseñadas para evitar contaxios, ou as arquerías que dividían as enfermerías e os cuartos, reflicten o coidado na distribución dos espazos.

A evolución e uso do edificio ao longo dos séculos

Co paso do tempo, o Cuartel de San Fernando foi adaptándose ás necesidades das diferentes épocas. Aínda que inicialmente estaba destinado a ser unha instalación militar, a súa estrutura permitiu outros usos ao longo da súa historia. A pesar destes cambios, moitos dos elementos orixinais, como as portas, os tabiques e as arquerías, permanecen intactos, proporcionando unha visión única do deseño militar do século XVIII.

A leñera situada no desván, cunha singular estrutura de madeira de par-nudillo, é outro dos elementos destacables que se conservan en perfecto estado, evidenciando a calidade da construción e o respecto polos materiais locais.

Un símbolo do patrimonio cultural de Lugo

O Cuartel de San Fernando, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), é moito máis que unha obra arquitectónica. A súa localización, próxima á Muralla Romana, e a súa historia íntimamente ligada ao desenvolvemento militar e social da cidade, converten este edificio nun símbolo do patrimonio histórico de Lugo.

O seu futuro como Museo da Romanización de Galicia, un proxecto que busca poñer en valor máis de 15.000 pezas de orixe romana, suporía non só a súa rehabilitación arquitectónica, senón tamén a súa integración como punto de referencia cultural e turística. Este paso permitiría visibilizar a importancia de Lugo como centro histórico e reforzar o vínculo da cidade co seu pasado romano.

Pode que che interese...