O historiador da arte Sergio Mejide gaña o VII Premio CGAC de ensaio con ‘Parlamentos de xeo’
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) concedeu o VII Premio CGAC de investigación e ensaio ao historiador da arte Sergio Mejide polo seu traballo titulado ‘Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas da arte do século XXI)’. O xurado valorou especialmente a calidade literaria do ensaio e a súa sólida base documental para analizar os cambios teóricos e formais na arte contemporánea das últimas décadas.
O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución deste galardón, que inclúe unha dotación de 3.000 euros e a publicación do ensaio dentro da colección CGAC_Ensaio, unha serie creada para fomentar a produción ensaística en galego sobre arte contemporánea.
O xurado, presidido polo director do CGAC, Santiago Olmo, e integrado pola profesora e escritora Teresa Moure e a historiadora da arte María Álvarez Cebrián, outorgou o premio por unanimidade. Segundo destacaron, o texto ofrece unha lectura non lineal e analiza diferentes friccións teóricas que marcan a arte do século XXI.
“Profunda no final da posmodernidade fronte ao novo marco de pensamento inaugurado no cambio de milenio, a tensión entre o realismo especulativo e a teoría postcolonial e os debates que se derivan dela”, sinalaron os membros do xurado. Así mesmo, subliñaron que o ensaio pon de relevo como a arte contribúe aos grandes debates do pensamento contemporáneo, incidindo na súa capacidade de conectar coas preocupacións sociais máis actuais.
Nado na Coruña en 1996, Sergio Mejide Casas é doutor en Historia da Arte pola USC, onde desenvolveu investigacións sobre estética e teoría da arte.
Ao longo da súa traxectoria, publicou en revistas académicas de impacto, participou en congresos internacionais e realizou estancias de investigación en Francia, Inglaterra e Portugal. Ademais, foi comisario de varias exposicións e co-editor do libro Ruínas e escampados. Contra-historia da paisaxe 1 (Abada, 2024). Actualmente, colabora co departamento de Arquitectura do Centre Pompidou de París.
Coa publicación de Parlamentos de xeo, o CGAC continúa ampliando a súa colección CGAC_Ensaio, unha serie creada para promover a reflexión sobre arte contemporánea en galego. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o pensamento crítico e o estudo da arte desde unha perspectiva teórica e interdisciplinar.