fbpx
Xardíns do Pazo da Raposeira / Construcciones Abal

O Pazo da Raposeira abre as súas portas: descubre todo o que agocha este inmoble con séculos de historia

Tempo de lectura: 3 min.

O Pazo da Raposeira, unha das edificacións máis emblemáticas de Vigo, inicia un programa de visitas guiadas que permitirá á cidadanía coñecer de preto a súa arquitectura, xardíns e evolución histórica. Tras un proceso de rehabilitación integral, promovido polo Concello e financiado con fondos europeos, esta casa señorial do século XVII busca recuperar o seu protagonismo no panorama patrimonial da cidade.

As visitas, que comezarán en febreiro, terán unha duración de 40 minutos e permitirán descubrir os detalles históricos e arquitectónicos do pazo. Ademais do percorrido polo interior do edificio, os asistentes poderán pasear polos seus xardíns de estilo francés. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que esta iniciativa pretende “dar a coñecer un dos grandes pazos de Galicia e reivindicar Vigo como unha cidade con patrimonio histórico”.

Un pazo con séculos de historia

O Pazo da Raposeira, tamén coñecido como Casa d’A Raposeira, foi mandado construír no século XVII por Antonio López Araúxo, rexedor perpetuo de Vigo. A súa construción inicial remóntase a 1625, cunha ampliación en 1712, cando se engadiron a torre, a capela e o patio de armas. O inmoble pertenceu a distintas familias da aristocracia galega, como os Araúxo, Arce, Montenegro e Saavedra, sendo a súa última propietaria Rosario Montenegro López Saavedra, quen mantivo o usufruto ata o seu falecemento. En 2013 o pazo pasou a ser de titularidade municipal.

A construción destaca pola súa estrutura de granito e a súa distribución en forma de U, coa planta baixa destinada a servizos e adega, e a superior como residencia. Un dos elementos máis representativos é o seu hórreo de 12 metros de longo, sostido por 12 pés de granito, que reflicte a importancia agrícola da propiedade. A súa capela, independente do edificio principal, tamén se mantén en pé.

Sala interior do Pazo da Raposeira / Contrucciones Abal

O pazo, que chegou a estar practicamente abandonado, sufriu múltiples modificacións ao longo dos séculos. A súa localización, en Sárdoma, viuse afectada pola expansión urbana, quedando rodeado por unha gran área comercial. A cesión municipal en 1986 permitiu a construción dun hipermercado, reducíndose a extensión da propiedade a 4.800 metros cadrados.

Escudo no Pazo da Raposeira / Construcciones Abal

Xardíns do Pazo da Raposeira / Construcciones Abal

Un espazo para o uso sociocultural

A recente rehabilitación do Pazo da Raposeira busca non só conservar a súa historia, senón tamén dotar a cidade dun espazo para actividades culturais e veciñais. O proxecto implicou a restauración da estrutura interior de madeira, a recuperación dos materiais orixinais e a mellora das instalacións para garantir o seu uso.

Na finca, ademais dos xardíns de trazado francés, tamén se puxo en valor a zona da horta e a fonte histórica. O obxectivo da intervención foi revitalizar o contorno e integrar o pazo no tecido urbano, converténdoo nun punto de referencia patrimonial.

Pode que che interese...